jueves, 31 de mayo de 2018

Pola alfombra vermella e raída

"Acoredeime de tía Mercedes, cando se entregaba ao coidado das súas bonecas de porcelana e se empeñaba en vestir cun aire xuvenil que a transformaba nunha máscara estrafalaria, sacando dos baúis e das cómodas aquela roupa de colores vivas que a criada Susa gardaba entre naftalinas, por mandato dela, no cuarto do limoeiro, e que cando tía Mercedes se decidía a usala, enchía a casa dun arrecendo como aquel que eu estaba percibindo naquel momento, igual que se levase con ela, dun lado para outro, umha restra de lembranzas colgada da cintura por un lazo de seda, exactamente como a cola dunha noiva arrastrándose pola alfombra vermella e raída da catedral."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 25.

miércoles, 30 de mayo de 2018

O disparo daquela noite

"Desde que escoitei o disparo pola noite, eu non tiña na cabeza outra imaxe que aquel rostro que fora asaltado nuns instantes pola brancura da morte, que se estendeu pola súa pel como un sudario de neve, e non quería perdela, talvez porque me daba a sensación de que necesitaba entender o que encerraban aquelas faccións inertes e ríxidas antes de comprender de novo o que foran os anos que eu vivira ao lado de Carlos naqueles veráns de Beiro que tiñamos pasado xuntos desde nenos. O disparo daquela noite alteraba de pronto o noso mundo, sempre tan luminoso..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 24.

martes, 29 de mayo de 2018

Aquel transo

"Podía adiviñar cómo sería aquel transo, pois xa vivira unha experiencia parecida no verán de 1966, cando morreu tía Mercedes, que pasaba un tempada con Arturo e comigo na casa de Beiro. Coa morte de Carlos, polo tanto, eu podía imaxinar a viaxe que tiñamos que facer de novo ata a cidade. Esperaba que Arturo non quedase calado mentres conducía o coche, igual que fixera a vez anterior, pero tampouco me agradaba a idea de que me falase de Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 24.

lunes, 28 de mayo de 2018

Inquietude

"Senteime de costas ao río, pero desde a posición que ocupaba, vía o interior do salón, que estaba en penumbra, e sentín que aquela visión, despois da morte de Carlos, me producía unha inquietude que en pouco tempo se converteu nunha angustia que me empurraba a berrar. (...)

  Despois, aínda escoitei voces no camiño, oín a un mozo que madicía a súa sorte con frases arrastradas de borracho e percibín de lonxe o ruído do tren, abaixo, no val."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 20.

domingo, 27 de mayo de 2018

Verán de 1954

"Pola parte de atrás, escrito a lapis, coa letra inconfundible, pequena e redonda, da miña nai, pon: "Carlitos, facendo o ganso, na horta da casa de Beiro. Verán de 1954". (...) Probablemente pertenceu aos pais de Carlos, pois uns días despois do enterro, mamá foi  pasar unha tarde con eles a Bóveda e regresou cun paquete que gardou na biblioteca sen dicirme nada."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 19.

sábado, 26 de mayo de 2018

"Fotos"

"Na carpeta negra das fotos que estiven clasificando onte na biblioteca da casa de Beiro, metidas nun sobre branco rotulado coa palabra "Fotos" escrita en letra encarnada, hai sete fotografías nas que aparece Carlos. É un rapaz guapísimo, de pelo claro, vestido cunha camisa de manga curta e un xersei colocado sobre os ombros, sen vestir."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 19.

viernes, 25 de mayo de 2018

Un milagre no río

"El respondeu cun bico e unha aperta e logo dirixiuse de novo ao meu pai para preguntarlle se era certo que os cóengos estaban preparando un milagre no río, entre a Ponte Nova e a Ponte Vella, como se dicía por Madrid, que pensaban salvar por intercesión persoal e directa da Virxe María a un neno afogado. Papá mirouno sen acritude e chamoulle herexe de maneira cariñosa, e mamá torceu a cara para disimular a risa que naquel momento se lle pintaba na boca, aquel ricto irónico que non podía disimular cando se falaba dos curas ou as misas de papá."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 18.

jueves, 24 de mayo de 2018

Dous pitos perdidos, sen nai

"Primeiro dixo que, ao pasar por Allariz vira a dous cregos paseando pola beira da estrada, con panos brancos postos na cabeza para defenderse do sol. "Parecían dous pitos perdidos, sen nai" comentou. Mamá miraba para min, máis divertida que preocupada, pois era consciente da partida que se estaba xogando."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 17.

miércoles, 23 de mayo de 2018

O atropelo de tres galiñas

"Carlos viña de Madrid e ía pasar uns días cos seus pais. Como sempre, antes de subir ata Bóveda a ver a súa familia, entraba a visitar á miña nai, que nunca deixaba de reprocharlle sen convición aquela preferencia. (...) Despois sentouse na mesa e falando de maneira precipitada que falaba sempre, contounos todas as incidencia da viaxe, incluído o atropelo de tres galiñas cerca de Xinzo de Limia e unha derrapaxe nunha curva baixando as costas do Padornelo."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 16.

martes, 22 de mayo de 2018

Pedradas no petador da porta da rúa

"Había tres anos que eu non vía a Carlos, concretamente desde o outono do ano 1965. Aquel día, Arturo e mais eu baixaramos de Beiro pola tarde para cear cos meus pais na casa deles, na cidade. A iso das dez da noite, cando estabamos no salón, esperando que Delfina nos avisase para pasar ao comedor, escoitáronse uns golpes como pedradas no petador da porta da rúa.  (...) Era evidente que aqueles golpes na porta lle causaban algún tipo de preocupación, quizais porque uns días antes houbera un roubo no barrio, cando uns atracadores lle pegaron un tiro no peito a Gonzalito Perille e lle levaron vinte mil pesos e un xamón."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 15.

lunes, 21 de mayo de 2018

Límpida color azul turquesa

"Porque non é o sol o que me molesta, senón a sensación que teño, desde que lin as cartas da miña nai, de que Carlos enturbou para sempre a luz transparente que rodeou as nosas vidas durante os veráns de Beiro e que  aínda iluminaba o ceo dunha límpida color azul turquesa a última noite que pasamos xuntos. (...)

  Estabamos Arturo e mais eu sentados na solaina, eu aínda cos restos do sono picándome nos ollos, incapaz de mirar cara ao río, de onde subía unha brisa de seda que polo agradable que resultaba ao entrar en contacto coa pel permitía adiviñar a temperatura da primavera que ía facer durante o día."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 14.

domingo, 20 de mayo de 2018

Parados na curva

"Só cando penso na últimas horas que pasamos xuntos, antes da súa morte, durante o paseo que demos no seu auto deportivo pola noite, a longa conversa que mantivemos parados na curva que hai antes do túnel de Quintela, ou na baixada de San Vitorio, e os sucesos que viñeron a continuación, neses instantes vénme á cabeza a idea de que Carlos o destruíu todo inutilmente co tiro que se pegou na bañeira."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 14.

sábado, 19 de mayo de 2018

No grande interrogante

"...ou no Carlos dos últimos anos, novamente divertido como cando era neno, ás veces un pouco desconcertante e enigmático, sempre alegre e contento, que nos veráns pasaba horas falando comigo polas noites, sentados os dous na solaina aberta desta casa de Beiro, onde estou agora. Desde hai uns días, cando a miña nai regresou á súa casa, abaixo na cidade, despois do enterro, e unhas horas antes tivemos unha longa conversa as dúas soas pechadas nesta biblioteca (...) Carlos pasou a converterse no grande interrogante da miña vida."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 13.

O home chovido do ceo

""Desde logo, tía Mercedes parecía o Anxo Exterminador", díxome Carlos no coche, a véspera da súa morte, cando dobramos a curva da Fontemoura, aquel bosque onde o criado Anselmo dicía que cando el era neno, un día de chuvia e tronos, caera do ceo un home espido, de carnes brancas como a manteiga dun porco. "¿Recordas a historia do home chovido do ceo?", preguntoume Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 61.

viernes, 18 de mayo de 2018

As lembranzas

"Pechada eu soa nesta vella biblioteca, paso horas ordenando papeis, movendo libros dun sitio para outro, ou simplemente sentada na butaca de coiro que está ao pé da ventá que se abre cara ao río, pero coas contras arrimadas porque me molesta a luz do sol. (...) As lembranzas de todo ese tempo soben e baixan pola miña memoria, ás veces desordenadas e confusas, como un rabaño atacado polo lobo, e outras veces claras e precisas, mesmo como se fosen vivencias en relevo, igual que se máis alá desa fiestra entornada que me defende da intensidade deslumbrante do sol, o mundo fose de novo aquel que era, aqueles días felices de tantos veráns azuis que pasamos xuntos na casa de Beiro, esta mesma casa onde vivo desde que casei."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 12.

jueves, 17 de mayo de 2018

Limpo e transparente

"Non obstante, porque fora aquel un día de temperatura suave e porque a claridade do ceo non desaparecera aínda do aire da noite, limpo e transparente como o río que corría uns centos de metros máis abaixo da nosa casa, non resultaba probable que aquel ruído fose o que eu estaba pensando. Só uns minutos máis tarde, ao aclararse o que acababa de suceder, foi cando se me cravou na cabeza a idea de que un disparo de pistola é como o ruído dunha noz grande que se casca sobre unha mesa cun golpe seco e preciso."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 11-12.

miércoles, 16 de mayo de 2018

Voz feminina autodiexética

"Nesta derradeira novela de forma moi similar á anterior Deus sentado nun sillón azul (1996), aínda que cunha técnica diferente, á parte da evidente isotopía visual da combinación da cor azul cos dourados do sol e os cabelos dalgúns personaxes, unha constante que percorre dende o principio ao final este texto compoñendo unha especie de fotogramas moi luminosos, hai unha voz feminina autodiexética narrando a base de encadeamentos analépticos, ou flash-backs, a relación entre ela, Helena, casada no presente do relato con Arturo, e Carlos, personaxe este que foca a atención da novela: un especial amigo da familia, dende a infancia, que se suicida aos vinte e sete anos na casa familiar que Helena, dous anos menor ca el, ten en Beiro."

Anxo Tarrío Varela, "O sol do verán como peche da narrativa de Carlos Casares", Cadernos Ramón Piñeiro (XXXVII) Carlos Casares: homenaxe., Xunta de Galicia, 2017, páx. 415.

martes, 15 de mayo de 2018

O sol do verán (2002)

1ª edición: Galaxia, 2003.

Edición castelá. Alfaguara, 2003.

1ª edición na Biblioteca Carlos Casares. Galaxia, 2004.
Imaxe: "Retrato de Albert Paris von Gütersloch" de Egon Schiele, 1918.

lunes, 14 de mayo de 2018

Dobrado sobre os xeonllos

"O home saca unha pistola do peto da zamarra, colócalla na parte de atrás, á altura da caluga, e dispáralle un tiro. Despois, sen mirar para el, segue o camiño dos demais. O que queda no sillón é un corpo encollido, dobrado sobre os xeonllos. Visto desde a outra beira da rúa, desde a parte de aquí do ventanal, parece un corpo insignificante, un pequeno vulto de carne non meirande que un can. Nese instante, Mariana abrázase a el e empeza a chorar."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 270-271.

domingo, 13 de mayo de 2018

Un libro pequeniño de tapas de coiro encarnado

"Imaxinou aquel buraco da mesma cor vermella que aínda o segue imaxinando agora, anos despois, coma os ollos dese home de lentes grosos que segue lendo aí enfronte, do outro lado da rúa, sentado no mesmo sillón azul, atrapado desde hai horas por un libro pequeniño de tapas de coiro encarnado. De aquí a pouco, vai pechar o libro, tomará se cadra as últimas notas na libreta de pastas negras de hule que ten por riba da mesa e despois quedará uns minutos sen facer nada, mirando cara ó chan, pensando quen sabe qué. (...)

  A escuridade apodérase agora da rúa. Ela segue sentada aínda ó pé da ventá, cos ollos perdidos nas manchas que se debuxan confusamente na porta de madeira da casa de enfronte."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 269.

sábado, 12 de mayo de 2018

Na limpeza esvaída do ceo

"A imaxe que viña á cabeza aquela noite, esperta pola calor na desorde pegañenta da cama, era a dunha mañá clara, algo fresca a aquelas horas, alá no alto, co sol aínda acochado detrás dos penedos do Montealegre e as últimas estrelas brillando sen forza na limpeza esvaída do ceo. As voces, como un rumor de rezos, ían e viñan, dispoñendo os últimos detalles."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 268.

viernes, 11 de mayo de 2018

Axotaban batendo as palmas

"Era un muro encalado, cunha barriga no medio,. Naquela protuberancia, que podía servir de asento para unha persoa delgada, cando ela xogaba no patio do cuartel coa filla do capitán Basalo, nas vacacións, había sempre lagartixas deitadas ó sol, que elas axotaban batendo as palmas para colocar alí os cacharriños das cociñas de xoguetes."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 267.

jueves, 10 de mayo de 2018

Pozo de sombras

"Para el, en cambio, cando as agullas se situaran nunha determinada posición, un segundo despois de recibir a descarga, seguirían marcando as horas sen sentido, como un tolo que fala só, pronunciando un discurso no medio dunha praza baleira, de madrugada. Naquel momento a catedral acababa de dar as cinco. Empezaba a romper o día. Entón viuno mirando pola ventá que estaba ó lado da porta, desde a cal se divisaba unha parte do barrio antigo, case ós pés, observando como a cidade, ata entón convertida nun pozo de sombras, empezaba a debuxarse de novo cunha cor pálida, lixeiramente azul."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 267.

miércoles, 9 de mayo de 2018

Os minutos que faltaban

"As persoas que o acompañaban, o mesmo o cura que os demais individuos que permanecían en silencio nunha esquina do cuarto, podían mirar a hora de cando en vez para comprobar os minutos que faltaban, pero pensando tamén en todo o que viría a continuación, a volta a casa, o almorzo coa familia, a lectura do periódico, os comentarios no Liceo ou o regreso ó traballo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 266-267.

martes, 8 de mayo de 2018

Buracos por onde medraban herbas

"Entón ela apurou o paso, torceu á dereita e meteuse pola rúa Arcediagos.

  Aquela noite, coa calor convertida nun bochorno que penetraba nos pulmóns coma unha bóla de lume, ela non puido durrmir. Imaxinaba a Antonio Salgado París metido nun cuarto despintado no cuartel de San Francisco, coas táboas do piso rotas en varios sitios e con buracos por onde medraban herbas, o mesmo cuarto no que ela xogara tantas veces de nena coa filla do capitán Basalo, que lle contaba que naquel lugar tiveran preso ó Chino Xaponés a noite antes de que o fusilasen contra a parede branca que separaba o patio traseiro do cuartel do cimeterio que estaba ó lado."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 265-266.

lunes, 7 de mayo de 2018

O regalo máis fermosos daqueles días felices

"De súpeto, todos os veráns que pasaramos xuntos desde nenos na casa de Beiro, naquelas vacacións onde o sol constituía o regalo máis fermoso daqueles días felices, adquiriron a aparencia fantasmal dunha realidade debuxada entre nubes, como aqueles cadros esvaecidos que pintaba papá e que mamá atribuía dun xeito irónico, non a unha técnica consciente, senón a un defecto de visión."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 40.

Aloucadamente no peito

"Na esquina da catedral observou a dous cóengos, un deles coas mans metidas nos petos da sotana e o outro fumando un pito de forma discreta, como se pretendese evitar que o visen desde as terrazas da praza. De maneira inconsciente, a pesar de que ela xa tiña pensado seguir polo mesmo camiño onde se atopaban os cregos, torceu cara á esquerda. Cando se estaba achegando á altura da librería Resvié, sentiu que o corazón lle saltaba aloucadamente no peito e que unha dor fina coma unha agulla se lle cravaba no medio do esternón."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 265.

domingo, 6 de mayo de 2018

Unha raiola

"Era unha velliña pequena e delgada, que a ela lle pareceu que tiña visto outras veces na rúa, sempre co veo cubríndolle unha parte do rostro e un misal de pastas marróns collido na man. (...)

  Poucos minutos despois, cruzando a Praza Maior, ela pensou que a calor do día resultaba abafante e buscou con ansiedade a sombra dos soportais do Espolón. As terrazas dos cafés estaban cheas de xente e diante da escalinata da Casa do Concello, un grupiño de nenos que tiñan pintada unha raiola sobre o pavimento de pedra xogaban baixo a vixilancia pouco dilixente de catro criadas vestidas de uniforme que falaban entre elas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 264-265.

sábado, 5 de mayo de 2018

Unha velliña vestida de negro

"Ó abandonar o Instituto, dirixiuse cara a Rúa de Colón, na dirección oposta á seguida por aquela multitude excitada. O barullo que armaba a xente aglomerada diante da verxa do patio exterior, esperando algo que ninguén sabía o que podía ser, chegáballe polas costas como un rumor festivo, igual que os berros e as voces que ela sentía desde a cama polas noites, cando era rapaza, e aínda non na deixaban ir ó baile das verbenas do verán. Seguiu andando e, diante da igrexa da Trindade, unha velliña vestida de negro, cun veo escuro tapándolle a cabeza..."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 264.

viernes, 4 de mayo de 2018

Unha riada de xente

"Fóra da sala, no mesmo vestíbulo do Instituto, a xente seguía esperando, agora falando en voz alta. Algunhas mulleres trataban de achegarse a un dos corredores que rodeaban o paraninfo por detrás, onde un grupo de soldados no permitía o paso de ninguén. (...) As señoras botáronse a correr cara á porta principal do Instituto e saíron á rúa, en dirección do xardín do Posío. Case ó mesmo tempo produciuse un movemento de nerviosismo colectivo na multitude que agardaba, e unha riada de xente seguiu ás mulleres."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 262-263.

jueves, 3 de mayo de 2018

Un sorriso

"Nese momento, a preguntas do fiscal, respondeu que el mesmo fora testemuña de como Antonio Salgado París, na véspera do asasinato do párroco de Regualde, dixera en plena rúa, diante de máis de cen persoas, que aquel cura era un obstáculo obxectivo para o progreso da boa causa dos traballadores. (...) Tiña ela os ollos cravados nos pelos rebeldes do cogote do acusado e esperaba que Antonio Salgado París se volvera para enviarlle un sorriso, igual que sucedía cando estudiaban naquel mesmo Instituto, na aula do piso de arriba que estaba pegada á biblioteca."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 260.

miércoles, 2 de mayo de 2018

Un rencor acugulado

"Para el, Antonio Salgado París, cos seus discursos pronunciados en presencia de persoas ignorantes, convencendo a estas de que as inxustizas nacen sempre da culpa de outros e nunca das propias responsabilidades, estivera sementando na cidade o veneno do odio e a intransixencia, un rencor acugulado."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 260.

martes, 1 de mayo de 2018

Os pensamentos escuros

"Aquel parecido cun animal que a ela sempre lle resultara divertido serviulle despois, durante anos, para rachar os pensamentos escuros que tantas veces a asaltaban. Por exemplo, o día que o escoitou declarar no xuízo de Antonio Salgado París. Estábao vendo no paraninfo do Instituto, agardando o turno entre as testemuñas, todas situadas á esquerda da sala."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 259.