jueves, 6 de junio de 2019

Querido Manuel

“Querido Manuel,

 Hai xa tres meses da túa última visita e non volvín ter máis que escasas novas de ti a través dalgunha xente coa que te cruzaches polos camiños e logo veu contarme. Cada vez que regresas á túa terra perdo o eco dos teus pasos e a esperanza de que volvas. Igual que me pasa tantas veces. Supoño que haberá abondo que ou quen te reteña, aí, pero as últimas veces sempre acabaches por vir cabo de min e a iso me aferro. Pero a xente fala, a xente pregunta e eu tamén pregunto, Manuel, que agardar deste noso momento. Se hei de dar palabra ou deixala libre para quen ma pida porque para isto o tempo xoga na miña contra. Só quero saber se ti has de volver e cumprir co que prometiches ou pola contra seguirás a calquera outra máis nova do que son eu. O tempo que me pode quedar xa é menos do que levo vivido, por iso cada día máis é para min un día menos e non estou para adiviñas, agardas ou promesas. Só desexo saber se a esquerda do meu leito aínda che pertence e cando volverás para marcalo. Busco palabra definitiva, e esta é si ou non.
 Túa,
Catalina."

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 107

No hay comentarios:

Publicar un comentario