"Así ata volver á casa. Regresa pola Rúa de Santo Domingo e atravesa o Parque desviándose catro ou cinco metros do camiño lateral por mor de evitar a lama que se forma no paseo do fondo. Despois colle pola parte dereita da Rúa do Hospital e camiña durante cinco minutos pegado ó muro de coios da Fundición. É o momento en que ela empeza a escoitar os seus pasos.
O primeiros soa aínda un pouco lonxano e débil, pero os seguintes chegan xa moi claros ata a habitación onde ela se atopa observando desde hai máis de media hora, escondida detrás dos cristais da porta branca que dá ó balcón."
Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx.12.
No hay comentarios:
Publicar un comentario