"Eses pasos sonoros e pausados que lle chegan desde a rúa, procedentes do lado esquerdo segundo se mira desde a fiestra do salón onde ela se atopa agora, sen dúbida son os del. Hai pouco máis de corenta minutos, cando o reloxo da catedral empezaba a dar as oito da mañá, viuno sair do grande portal da casa de en fronte, tranquilo como cada día a esta mesma hora, despreocupado polo retraso que levaba. Abriu sen présa a porta de madeira pintada de negro, subiu a continuación o chanzo de pedra que o separaba da beirarrúa e mirou ó ceo con atención para observar a cara que presentaba o día."
Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 9.
No hay comentarios:
Publicar un comentario