"Non podía imaxinarme un fin máis triste. Era preferible guindarse ó río e deixarse engulir polos remuíños, antes de acabar na morgue conxelado coma unha pescada. Aturando con traballo o engulo, regresei polo coche, agora sen a posibilidade de confortarme cun coñá nos bares que pasaba, porque a nova do metílico me pechara a boca do estómago. De feito, fiquei abrindo a boca para un cego que vendía lotería arrimado a unha esquina, e só me tranquilicei así que lle vin a cara marcada de vexigas e souben que non fora o matute quen lle apagara os ollos."
Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.43-44
No hay comentarios:
Publicar un comentario