"Daquela levei a man ó chichote e xurei. Os pecados obrigaron a presinarse ás beatas que viñan da igrexa de Santo Domingo que, sen embargo, non se pararon a botarme unha man anque me vían caendo ás paredes.
Puiden arrastrarme polo Parque de San Lázaro e chegar a comisaría. O xefe mandou buscar un médico e, por unha vez, freou a lingua respectando a miña dor de cabeza. Despacheino rosmando dúas ou tres explicacións confusas e pedín permiso para regresar ó Ribeiriño e probar as empanadas. Parei pouco na casa, collín unha ración con moitos vultos na masa, onde supuña emparedados os mellores toros de anguía, e dirixinme á Chabasqueira. Na morada do Aquilino notábase a man da funeraria La Gloria, había coroas e, sobre todo, estaba o cadaleito."
Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.51-52
No hay comentarios:
Publicar un comentario