martes, 31 de mayo de 2016

Asegundeille

"Ó que lle botei en cara o atraco e falei de testemuñas que os viran fuxir na moto, confesou de plano. Asegundeille co atentado contra min no camiño do río e, nese punto, cargoulle a culpa ó seu socio. Este soubera pola prensa que eu andaba cheirando no asunto do Aquilino, e quixera matar o can e a rabia. Chorou ó explicar o aforcamento do licoreiro. (...)

  Nese momento escoitei abrir a porta da rúa e unha voz feminina falando coa señora Amparo. (...)

  -Eses galopíns queren comprometerme. A culpa é miña por acollelos nesta casa. Cando foi o do atraco eu ía na praza, e a noite en que morreu o Aquilino estiven aquí soa, vendo unha película."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.72-73

lunes, 30 de mayo de 2016

Os infelices

"Encontrei o rótulo de "Amparo, se alquilan habitaciones", colgado dun segundo piso. Os corredores adornados con xeranios dicían moi bonitos, pero a min chamoume máis o letreiro dun bar, ó outro lado da estrada. "Stop. Barra americana", era un local escuro, un garaxe arranxado con présas, con mesas de formica e as paredes sen recebar. As camareiras, en cambio, lucían os ollos e labios pintados con primor, e lunares artísticos nas meixelas. É difícil que solten a lingua nestes sitios, sobre todo se non coñecen. Para romper o xelo presenteime como policía secreta. Cambioulles a cara ó momento. Achegáronse con picardía, e pedíronme que lles comprase tabaco rubio e mentolado, a parte dos copazos obrigados. Tomáronme por un infeliz, tal como eu esperaba. Todos os infelices que visitan as barras americanas intentan impresionar ás pupilas coa trola de que son da secreta."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.70-71

domingo, 29 de mayo de 2016

Os figos para os estorniños

"Crucei o río pola Ponte Novísima e dende a estrada boteille un vistazo á casa do varrendeiro. O vello tomaba o sol no patín á sombra da figueira. Pensei na conta a nome da familia, depositada nun banco de Zurich. Pregunteime se deixarían o arrabaldo cando puidesen poñer man no forrollo. En canto se soubese polo dereito o negocio do metílico, terían que fuxir do escándalo e deixar os figos para os estorniños. Cismando nos disgustos que aínda lle esperaban ó ancián, saltei o stop do Pino, e tiven que oír bocinazos e críticas á venalidade dos funcionarios de tráfico, que venden o carné de conducir por un cesto de mazás."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.70

sábado, 28 de mayo de 2016

Carneiro ou cabra

""Non me mataches nin tirando ó quieto. Dánseche mellor as tendas de nabiña.

  -Fala cos médicos de Toén que che fagan sitio no manicomio. Estás coma unha cabra.

  -Carneiro ou cabra, como máis che guste, voute topeñar como non me digas onde estabas a mañá que atracaron o almacén das Caldas.

  -Estaba durmindo na pensión. Que cho diga a patroa."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.70

viernes, 27 de mayo de 2016

Cimprón e Junípero

"Mareado e todo, puiden iniciar un interrogatorio de rutina que aportou os datos seguintes: Pedro Cimbro, alias "Cimprón" e "Junípero", nado na Fonte de Sanabarrigas (Coles-Ourense-España), de idade de vintedous tacos, sen oficio nen beneficio, e con domicilio habitual na Pousada Amparo, sita no barrio do Pino.

  Mandei buscar  unha botella de xenebra, antes de entrar en máis fonduras."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.69

jueves, 26 de mayo de 2016

Nunha nube de chispas e fume

"Dende a perruquería fixen un percorrido polos bares do contorno, trazando círculos cada vez máis amplos, ata que, nunha tasca da Vía Vella, se me informou de que a mañá do atraco aparcara nun descampado contiguo unha moto ruidosa. Os dous rapazolos que a tripulaban, regresaran axiña e arrincaran nunha nube de chispas e fume. (...)

 Cambiei a roupa, chea de pelos e de porquería da viaxe, e unteime ben untado de desodorante. Sen máis concesións á hixiene, corrín á Chabasqueira e aposteime entre unhas cepas. (...) Á hora de xantar, pouco despois do pitido da Fundición, principiaron a chegar ó barrio os  traballadores. (...) Deixou a Maripi no patín e presumiu cuns aceleróns, para que se decatase todo o barrio."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.68

miércoles, 25 de mayo de 2016

Púxoseme nas cornas

"Apeeime na estación do Empalme e, baixando as Caldas, púxoseme nas cornas visitar a barbería. Notaba os cañotos de dous días nas meixelas, e as guedellas proéndome nas orellas. O certo é que pedía sempre un corte enérxico, coa máquina do dous, de dentes tan afiados que serviría para arrincar os pés das patacas. O barbeiro confirmoume que os atracadores do almacén de sementes, situado dous portais máis abaixo, na mesma Avenida, fuxiran a pé."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.67-68

martes, 24 de mayo de 2016

Un diccionario

"Merquei un diccionario de alemán na librería Tanco, pequeniño porque tiña pensado tasar as falas, e despois guiei o coche cara a outra banda do río. Razóns tiña para temer o rebumbio da viaxe. (...)

  Marchei só á estación e alí, na sala de espera, puiden reflexionar un chisco na encomenda que tiña por diante. Contaba coa descrión que me fixera o Barros para identificar ó correo.  Estaba impaciente por botarlle un vistazo antes de subir ó tren, evitando así un recoñecemento xeral dos vagóns que puidese alarmalo. En lugar de pasear todo o longo da plataforma, situieme ó pé dos retretes cun exemplar do Caso..."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.61

lunes, 23 de mayo de 2016

O vecindario sabería

"O Instituto Español de Emigración quedaba á dereita, saíndo pola estrada de Celanova, no barrio da Carballeira. (...) Ó regreso da Carballeira pasei pola comisaría para contar un conto. Tamén porque non quería volver á casa tan axiña. O vecindario sabería xa por Tina da miña viaxe a Suíza, e era de temer o desfile de visitas con chourizos e botellas para os familiares emigrados. A novidade do día era o atraco a un maiorista da Ponte. O almacenista que viñera de Sanabria, servía de todo,  dende sementes a aixadas, ós labregos de Amoeiro, Coles e Vilamarín e, ó igual que os seus clientes, era reacio a soltar a carteira."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.59-60

domingo, 22 de mayo de 2016

A pé feito

"Á mañá ben cedo presenteime na oficina de pasaportes, que estaba no Goberno Civil.

  -¿A onde é? -preguntou o funcionario.

  -A Suíza.

  -¿Ten contrato alá? ¿Reclámao alguén?

  -Non, pero gusto de pisar na raia. Moitas veces vou a pé feito ós Peares, só por mexar na provincia de Lugo. Agora déuseme por ir máis lonxe."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.58-59

sábado, 21 de mayo de 2016

Cun motor Piva

" Pedinlle unha toalla a Tina e funme dar un baño.

  Un manantial de auga quente, dos que nacen na beira do río, fora aproveitado por un veciño emprendedor para montar un balneario doméstico, Unha toma de auga ilegal, cun motor Piva e unha bañeira de pedra, era todo o que necesitaba. E pedíache cinco pesos por dez minutos de baño.

  Paguei vinte pesos, pero permancín coa auga ó pescozo ata que a pel se imitou á dunha pataca mirrada. Antes de que me saísen grelos, collín o andante da casa, disfrutando do paseo pola corredoira entre viñas e canavais, e do frescor da noitiña."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.58

viernes, 20 de mayo de 2016

Fuxir deste curruncho

"-Parece que todo o mundo quere fuxir deste curruncho. A este paso fica o Santo Cristo soíño, sen ninguén que lle afeite a barba de vez en cando.

Non podía reprocharlle ós magnates que enxeitasen da cidade. Eu mesmo tiña esa tentación un día si e outro tamén. O que non tiña era posibles para queimar no Brasil."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.57

jueves, 19 de mayo de 2016

Polo xornal

"-Da morte do Aquilino souben polo xornal.

Alongoume A Zarpa. Unha páxina enteira comentando o falso suicidio e anunciando progresos na investigación. Gumersindo Nespereira, un inspector moi competente, estaba ó cargo. De momento recomendábase á cidadanía que se abstivese de bebidas alcohólicas a granel, sen etiqueta, mentres non se retirasen da venda ó público as partidas adulteradas. O comisario despachárase a gusto. Coméralle o espacio ó correspondente da Merca e Vilardevós."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.57

miércoles, 18 de mayo de 2016

Maquetas de urbanizaciones

"Construcciones Barros posuía un edificio de cinco plantas na Avenida da Habana. O baixo estaba ocupado por maquetas de urbanizaciones. Casas feitiñas e espacios pintados de verde, tan aparentes que daba ganas de pacer. (...)

  -Mellor que fale co gobernador. Non lle recomendo o comisario. Non quero nin pensar a conversa que lle dará se se poñen a latricar de pisos vendidos polo debuxo. Tantos pisos que non hai man de obra en Ourense para levantar máis de dúas filas de ladrillo en cada un."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.55-56

martes, 17 de mayo de 2016

Polos puntos cruzados no plano

"Un voltio no coche, polos puntos cruzados no plano, puxo en claro que a maioría dos solares da cidade pertencían a Construcciones Barros. Farteime de ler valos publicitarios cravados nos descampados que mostraban, a carón da razón comercial, o debuxo dun esvelto rascaceos.(...)

  O Criado estaba na comisaría. Encontrárano nun piso sen rematar, na estrada da Granxa, escoltado por un par de albaneis que facían horas extras."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.53

lunes, 16 de mayo de 2016

O mapa no peto

"Non me tiña pinta a Maripi de motorista, anque si de moitas outras cousas. Supuxen que viñera no asento de atrás, apertada a un xinete deses que gustan do escándalo e de que a máquina zoe coma un enxame de abesouros. Interesábame, nese momento, por un plano da cidade que o Aquilino gardaba na carpeta dos recibos. Estaban marcados con cruces numerosos puntos, concentrados case todos nos barrios populares: O Couto, a Carballeira, As Lagunas, San Francisco, ademais da Ponte e o Pino. Metín o mapa no peto e saín ó patín da casa."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.52

domingo, 15 de mayo de 2016

O chichote

"Daquela levei a man ó chichote e xurei. Os pecados obrigaron a presinarse ás beatas que viñan da igrexa de Santo Domingo que, sen embargo, non se pararon a botarme unha man anque me vían caendo ás paredes.

  Puiden arrastrarme polo Parque de San Lázaro e chegar a comisaría. O xefe mandou buscar un médico e, por unha vez, freou a lingua respectando a miña dor de cabeza. Despacheino rosmando dúas ou tres explicacións confusas e pedín permiso para regresar ó Ribeiriño e probar as empanadas. Parei pouco na casa, collín unha ración con moitos vultos na masa, onde supuña emparedados os mellores toros de anguía, e dirixinme á Chabasqueira. Na morada do Aquilino notábase a man da funeraria La Gloria, había coroas e, sobre todo, estaba o cadaleito."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.51-52

sábado, 14 de mayo de 2016

O mimo

"Os dous rillotes recibiron permiso para retirarse, e fixérono a fume de carozo, felices de evitar o castigo que os agardaba en chegando á circunferencia, ó rombo e ó trapecio. (...)

  -¿A filla de Cachafeiro era tamén deste gando?

  -Maripi era unha nena difícil. O pai queríaa con loucura, pero o mimo levou á rapaza das Carmelitas ás Josefinas, despois ás Franciscanas e... por último rematou nas miñas mans.

  -¿Consentida, eh?

  -Moito. Aquilino naceu pobre e tivo un pai varrendeiro. Odiaba iso, e quixo facer da filla unha princesa, alonxada da necesidade e da inmundicia."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.50

viernes, 13 de mayo de 2016

O sangue nas veas da cidade

"Desta banda do río non se apreciaban os estragos da festa da víspora, nin había o ambiente dos preparativos para a celebración do segundo día, en realidade unha semana enteira, que afanaban ós veciños dos barrios do Norte. Aquí transcorría unha xornada laborable normal, co trafego dos repartidores de mercadorías, o escrutinio dos escaparates polas amas de casa, e a sombra dos guindastros da consturucción proxectándose nas rúas.

  A Academia Criado estaba en Santo Domingo, chegando xa á Praza do Ferro. Demoreime un pedazo pasmando entre os transeuntes, disfrutando co espectáculo das xentes laboriosas, que aproveitaban o impulso mañanceiro para facer circular o sangue nas veas da cidade."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.49

jueves, 12 de mayo de 2016

En volandas

"E, coa mesma, acordei disfrutar algo do Santiago. Empecei por pasear entre a multitude da esplanada da Estación, que danzaba ó son da "Bellas Farto". Despois, cando os músicos pousaron os instrumentos, baixei en volandas co xentío pola Avenida das Caldas. Á altura da igrexa parroquial, había outro palco no que, cubertos de sombreiros mariachi, os profesores da "Orquestra La Florida" atacaban rancheiras. A corrente humana represouse mentres durou a actuación, e rebordou de novo Avenida abaixo, ata encorar fronte ós "Chicos del Jazz", que amenizaban o baile xunto ó Parque Infantil."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.47-48

miércoles, 11 de mayo de 2016

Igual ca fungos

"Coa noitiña cheguei ó almacén. Era un simple galpón de madeira, entre dous edificios recentes, feos coma case todos os dese barrio no que inzaron igual ca fungos en canto empezaron a enviar divisas os emigrantes. Na porta había dúas furgonetas Citroën co rótulo "Cachafeiro licorero", e dentro alquitaras, garrafas e moitas cubas de todos os tamaños. (...)

  Pero, aínda así, daba que pensar o cheiro, que se relacionaba cos regueiros de licor e augardente que corrían polo chan, entre un lío de garrafas e funís amoreados."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.47

martes, 10 de mayo de 2016

Os barrullantes do mostrador

"Dicíase polo barrio que sacaba un sobresoldo coas tenaces, despois dos enterros, cando o cemiterio ficaba solitario e os mortos indefensos.

  Á volta, pasando por diante da tasca do Raposo, entroume a curiosidade acerca do raio dos licores. Parei e uninme ós barrullantes do mostrador.

  -Posme unha copiña de herbas. ¿Non terás unha botella do Cachafeiro? Disque a facía moi ben. (...)

  Algúns veciños encontrábano presumido, anque todos ponderaron o seu licor café e a súa augardente. Pedinlle tres botellas de cada, que me envolveu nun exemplar vello de A Zarpa, e deixei a discusión nese punto."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.46

lunes, 9 de mayo de 2016

Pero se veñen remexidas...

" -Non se pode comer o mundo. O meu rapaz pensou que podía. Eu traballei toda a vida, sachando nesas viñas que ves aí, que chegan endeica o campo de Santiago -sinalou co dedo máis alá das tapias do camposanto, cara a ribeira do Miño-. E non lle debo un peso a ninguén. (...)
 
  -¿Sabe a quen lle compraba as bebidas?
 
  -A augardente traíaa das aldeas e logo compúñaa no almacén. Outra loucura. As cousas naturais non fan dano, pero se veñen remexidas..."
 
Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.46

domingo, 8 de mayo de 2016

Papeis que gobernar...

"-En canto lle dea o pésame a alguén da familia, saio para o almacén do Vinteún. Quizais queira acompañarme a probar os licores e a augardente de herbas.
 
 
  -O meu sitio está aquí, xa sabe como son estas cousas. Papeis que gobernar, tratos coa funeraria... Pero se quere ver a alguén da familia, pode achegarse ó cemiterio. A muller e a filla están descansando e non convén molestalas neste momento. No cemiterio encontrará ó pai de Aquilino, arranxando co enterrador algo referente ó nicho.
 
  Continuei ata o cemiterio das Caldas, pola parte de arriba da fábrica de gaseosas, e estacionei ó pe do muro, á altura dos cipreses."
 
Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.45

sábado, 7 de mayo de 2016

Ás raparigas pimpantes

"O sol pousaba xa enriba de Piñor, cando regresei ó Ribeiriño. Non parei na casa, non tiña ganas de ver á Tina e ós convidados preparándose para saír ao baile. Seguín cara á Chabasqueira, pitándolle ós grupos de mozos ruidosos e asubiándolle ás raparigas pimpantes. A casa do interfecto ofrecía, en medio do bullicio festivo, un aire máis sinistro aínda do que é habitual nestes casos. (...)
 
  - ¿Era vostede amigo do defunto?
 
  - Si. Eu son Camilo Criado. Dirixo a Academia Corvelle, na que estudiou Maripi, a nena de Aquilino. (...)

  -¡Que raro! Os magnates, polo regular, gardan os fillos nos colexios de curas e monxas."
 
Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.44


viernes, 6 de mayo de 2016

Un fin máis triste

"Non podía imaxinarme un fin máis triste. Era preferible guindarse ó río e deixarse engulir polos remuíños, antes de acabar na morgue conxelado coma unha pescada. Aturando con traballo o engulo, regresei polo coche, agora sen a posibilidade de confortarme cun coñá nos bares que pasaba, porque a nova do metílico me pechara a boca do estómago. De feito, fiquei abrindo a boca para un cego que vendía lotería arrimado a unha esquina, e só me tranquilicei así que lle vin a cara marcada de vexigas e souben que non fora o matute quen lle apagara os ollos."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.43-44

jueves, 5 de mayo de 2016

Camiño á morgue

"Ingresaran o cadáver no hospital e alí mesmo lle fixeran a autopsia. Por seguir remoendo no asunto e tamén por mollar a palabra -acababa de acordarme de que non tomara a copa de Soberano co café, para festexar o Patrón-, foi polo que deixei o coche aparcado e me dirixín a pé ás Lagunas. Bebín e non  perdoei a faria nun bar de Cardenal Quevedo, de camiño á morgue. Preguntei polo galeno e introducíronme nunha sala que alcatreaba a desinfectante. Alí choquei a man dun señor de canas e olleiras cor bagazao. Retireina cun chisco de apuro, e el notouno."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.41-42

miércoles, 4 de mayo de 2016

Cortello semellante

" -... A casopa onde vivía é pequena, non creo que o teito teña altura de abondo para despegar do chan, por non falar da familia apretada en cincuenta metros cadrados, tropezando a cada paso uns cos outros. Para colgarse cómpre un chisco de tranquilidade.

  -É raro que un tipo que manexaba haiga e diñeiro suficiente para meterlle o dedo nos ollos ó xurado de Miss Ourense, vivise nun cortello semellante."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.41

martes, 3 de mayo de 2016

O finado

"-Tócalle cargar co morto. Estao agardando no depósito.

  -¿Que tal se pregunto eu, e vostede contesta aceneando coa cabeza? Dígoo por acabar a tempo de celebrar o magosto de San Martiño, porque do Santiago xa non teño ansia ningunha. Imos ver, o finado é Aquilino Cachafeiro, domiciliado na Chabasqueria, ¿é ou non é?"

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.41

lunes, 2 de mayo de 2016

O lengoreta

"Nos últimos tempos saíra nos ecos de sociedade cando a súa xovencísima filla fora elixida Miss Ourense, polas festas do Corpus.

  O paseo en coche non deu máis de si. Pasada a Ponte Vella e rebasada a estatua de Concepción Arenal, furguei nos oídos para comprobar as existencias de cera. Lamentei a falta duns tapóns de algodón.

  O lengoreta ladraba polo tubo telefónico e convidoume a sentar."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.40

domingo, 1 de mayo de 2016

Da outra banda do río

"...os seus país baixaran da parte de Lugo non había tanto. Labregos pobres expulsados pola mellora. O pai mercou unha casopa pequena e empezou a gañar a vida cavando as cepas dos contornos do barrio, e abrindo pozos -ó arrabaldo non chegaba a traída-, ata que o empregaron no servicio de lixo do Concello. (...)

  Despois, comenzou a viaxar en haiga e xa nada se soubo das súas ocupacións. Na chabasqueira non paraba, e tampouco se lle vía polas rúas da Ponte. Facía vida da outra banda do río, no centro de Ourense."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.39-40