lunes, 10 de noviembre de 2014

Risco e a estatua do Padre Feijóo


Nunha das primeiras colaboracións de Vicente Risco para o diario La Zarpa, en outubro de 1921, o asunto elixido foi a estatua do Padre Feijoo e particularmente o simbolismo que aos ollos de Risco tiña a súa especial ubicación na cidade de Ourense. O monumento fora inaugurado en 1887 e viña a ser a homenaxe, un pouco tardía, con motivo do segundo centenario do nacemento do polígrafo sen dúbida máis relevante que deu a nosa provincia.
O texto está cheo de ironías ao máis puro estilo Risco. E non só iso, proporciona unha interesante descrición da vida da época. Ninguén como don Vicente para observar ese detalle que ao resto dos mortais se nos escapa. Manteño a ortografía orixinal porque ademais penso que transmite moi ben esa forma de falar que temos os ourensáns.
Ourense e o P. Feixóo
Aquela praziña leda e churrusqueira está antr'o Ourense novo y-o Ourense vello. Horto pechado aquil xardiniño, esí e todo, sentados no poyal, poden botar unha pausa os paisanos que veñen á vila, os traballadores nas horas de lecer, os probes nas horas que non son horas de pidir.


Tranquío na sua quetude de bronce, o monxe sigue a pensar, cecais incoscente de qu'aló dende Ithaca, na outra veira do Atlántico, Primitivo Sanjurjo ouvise o seu palique cos Centauros... Debes'estar ben eli n-aquel xardiniño xeitoso, mais tamén custou ó bó benedictino aguantal'a verborrea lírica y-oratoria de dous certames. Ten o sitio ben ganado.
Mais ficar, ficou n-unha posición simbóleca. Ten atrás a mole do Seminario, firme nas suas pedras asentadas unhas nas outras com'as proposiciós da Cencia Teolóxica, qu'é entre todas, a mais arquiteutural, e o Istituto vello, coas suas pedras saturadas da Físeca de Lastres e da Filosofía Kraussista de Sieiro. Ten de frente a barbería do Bóveda, que é unha dependencia d'aquela Repúbrica das Letras da qu'il cobizaba ser libre cibdadán. De boa gana viría il a que lle figueran elí a tonsura, parolando co-algún d'aquiles parroquianos adiantados no pensamento, da filosofía do cubismo ou da teoría da relatividade.
O Ourense vello, atrás; o Ourense novo, adiante... Pois á esquerda ten unha das fortalezas do comercio, a Casa Simeón, onde cáxeque non hai pai que non agarde colocar un fillo... E si olla pr'a direita, aínda enxerga as fenestras atrás das que, Amador Villar mete o latín y-o francés nas cholas de promociós e promociós d'estudantes, ou compón de tempo en tempo famosos versos cheos d'enxebreza.
O Padre Feixóo está como quer, está com'o rei n-un cesto. Pola mañá pásanlle por diante señoras que van de tendas, empreados que saen da oficiña e cameós automóveles. Pola noite mira d'esgueito o paseio de diante do cine...
A pensar, a pensar, se considera ben o que pasa arredor d'il nos catro puntos cardiás, ainda pode sacar da sua chola de bronce outros tantos tomos do Teatro Crítico.
Porque il é, plasmada en bronce, a y-alma céltiga d'Ourense, inqueda y-amiga d'andar pola nova, que profesou o kraussismo con Sieiro no Istituto vello, e hoxe profesa o bergsonismo en Calros Fernández-Cid na barbería do Bóveda... Alma rara, aguda e riseira, rebelde y-amorfa, inqueda e cansa, sinxela e con trastenda, fervendo na Burga y-aterecéndose nas brétemas do río Miño, parindo a cotío artistas e poetas y-acatando os políticos, erguéndose en xúrdia enxebreza e traguendo d'afora redentores.
Ainda hei falar mais d'Ourense.
(La Zarpa, 29-10-1921)
 Entrada extraída do Blog de David Paz Nóvoa: madialevo.blogspot.es

No hay comentarios:

Publicar un comentario