miércoles, 26 de noviembre de 2014

Feijóo / Blanco-Amor: libros desaparecidos

Hai xa máis de dous meses que Blanco-Amor entregoulle o testigo ao Padre Feijóo no  250 aniversario da súa morte. Agora tocar retornar aos carreriros de Blanco-Amor, máis ben ás rúas, de Auria. E nada millor que unha entrada que relacione aos dous escritores e as súas bibliotecas, desgraciadamente, con similares e traxicos finais.


"A principios de maio (de 1965, fala de Blanco-Amor) vaise a Madrid. Esta vez hospedase no Hotel Mediodía (...) Polas mañás traballa na súa Antología del Padre Feijóo -unha vez que xa conseguiu interesar aos do Centro Gallego de Bos Aires da importancia da obra- e visita a Biblioteca Nacional para localizar o traballo de Concepción Arenal sober o sabio benedictino, que EBA quere pór como prólogo da antoloxía."

"Por outra banda, a súa antoloxía do Padre Feijóo está xa lista (estamos no ano 67) e pronto sairá impresa no Faro de Vigo. Os do Centro Gallego de Bos Aires piden dous mil exemplares; doutros dous mil pode dispoñer el mesmo deles. El decide que os distribúa Galaxia"



"Aínda están en Vigo os caixóns con todas as miñas cousas, e parte grande dos libros, apodrecendo, vai para dous anos e medio, nos sótanos dunha botica polas paredes da cal escorre a auga en canto choven catro pingas. No medio o meu arquivo fotográfico con máis de trinta mil clichés...  

 O dezaseis de xuño (de 1967) aproveitando a exposición de Laxeiro viaxa a Vigo e o que atopa disgústao profundamente: "estiven en Vigo... con Laxeiro. Ese mesmo día acadei os caixóns de libros e as cousas. Calculo as perdas nunhas cen mil pesetas. ¡Non sei como non me dou outro infarto: edición príncipe de Cartas Eruditas de Feijóo; seis mapas de Galicia -italianos e franceses- do XVII, XVIII, o mapa de Fontán, colección de gravados franceses do XVIII, un augaforte de Solana -salvouse o outro-, o 40% dos libros...! Todo desfeito sen remedio"."

Eduardo Blanco-Amor, Diante dun xuíz ausente, de Gonzalo Allegue, ed. Nigra, Vigo, 1993, páxs. 290, 301 y 302.
 
"Como a súa casa materna e para cumprir a disposición das constitucións da Congregación de Valladolid que estipulaba que: "os libros do monxe defunto poranse na librería da casa da súa profesión", a abadía de Samos recibe a libraría particular do Padre Feijóo. Como consecuencia das medidas desamortizadoras do trienio liberal en 1820, os libros de Feijóo, xunto aos da biblioteca do mosteiro, recalan na da Deputación de Lugo. Tres anos máis tarde regresan a Samos ata a exclaustración de 1835, na que a Deputación de Lugo volta a facerse coa súa propiedade.  Durante esta época os libros particulares do Padre Mestre que sobreviviran aos traslados colócanse separadamente nunha "libraria feijoniana". En 1941, o abade D. Mauro Gómez Pereira conseguía en virtude do depósito da Deputación lucense, esta biblioteca, ao fin de ser instalada na que tradicionalmente se viña identificando como cela de Feijóo, xunto a outras reliquias. Dez anos despois o Mosteiro sofre un grande incendio que lle afecta case na súa totalidade. Entre as perdas, a biblioteca do Padre Mestre. Hoxe conservamos algunhas mostras daqueles exemplares porque camiñaron por sendeiros separados ao do conxunto da súa biblioteca nalgún momento despois do falecemento do Padre Mestre."

"Os libros da Biblioteca I", do Catálogo da exposición "O Padre Feijóo: Cidadán libre da República Literaria", páx.72, Xunta de Galicia, celebrada en Ourense en outubro de 2014. 


O incendio no mosteiro de Samos que destruiu os libros do Padre Feijóo sucedeu o 24 de setembro de 1951. Testemuña dun testigo

Imaxes tomadas do xornal: El Progreso

No hay comentarios:

Publicar un comentario