"Lamas Carvajal alentou e participou en numerosas iniciativas ao redor da celebración do segundo centenario do nacemento do Padre Feijóo. Unha desas empresas foi o pensamento de creación dun álbum literario dedicado á súa figura. Anunciouse nas páxinas de El Heraldo Gallego e foi publicado na imprenta La Propaganda Gallega, que compartían sede social, Lepanto 18, e ambas as dúas propiedade de Lamas. Levaría por título: "La Aldea de Casdemiro", e como subtítulo: "Álbum literario dedicado a la inmortal memoria del ilustre crítico Padre Feijóo".
En abril de 1876 comezaron os preparativos. Prevíase un caderniño de dezaseis páxinas co poesías alusivas de diferentes persoas, e unha toma fotográfica da Casa de Casdemiro. Ese mesmo abríronse as subscricións á obra.
O día 10 de abril enviouse ao fotógrafo Bocconi, de orixe italiano, a visitar a casa de Casdemiro co fin da realización das tomas fotográficas.
(...) a fotografía reproduce unha vista da casa de Casdemiro tomada a media distancia. Apreciáse o corredor, nese momento ocupado polos propietarios da casa e os membros da redacción do Heraldo, desde o cal se contemplaba a vista das viñas que rodeaban a casa e máis alá a igrexa de Santa María de Melias e o leito profundo do río Miño. No álbum a fotografía ía montada pegado o papel fotográfico directamente á contraportada. Algúns dos exemplares portan a firma de Bocconi ao pé da fotografía. Foi ademais a base do gravado que se publicou en La Ilustración española y americana coincidindo co 8 de outubro de 1876.
En xuño anunciábase qu en poucos días sairía o álbum. Segundo se explicaba, a demora debíase a que quixeron aumentalo con máis traballos, sen que isto fose repercutir no prezo. Finalmente optouse por facer coincidir a súa saída co día central das celebración e así se reflectiu na cuberta.
Constaba de corenta páxinas, papel marquilla e tamaño 4º. Colaboraban cos seus traballos, en orde de aparición: (...) Case que todos os traballos eran de orde poética, á excepción do relato sobre a casa de Casdemiro (...) e a biografía do Padre Feijóo composta por Murguía. (...) Así mesmo tamén se reproducía a partida de bautismo do Padre Feijóo.
Vendíase a tres pesetas nas principais librarías e en Ourense na de José Ramón Pérez situada na Praza Maior. A 2,50 se lle venderon á Comisión do centenario, que adquiriu cen exemplares con destino a distribuilos gratuitamente durante os festexos.
"Álbum literario", do Catálogo da exposición
"O Padre Feijóo: Cidadán libre da República Literaria", páx. 188-191,
Xunta de Galicia, celebrada en Ourense en outubro de 2014.
No hay comentarios:
Publicar un comentario