sábado, 22 de noviembre de 2014

O día central

"O día central era o 8, aniversario do nacemento. Esa xornada amañecía cedo con repique de campás e gaitas tocando a Alborada. De sete a oito, a banda de música do Carballiño recorría a cidade. Habería distribución gratuíta de pan aos pobres (488 libras fornecidas pola panadería de Lobit) e a entrega dos premios aos mellores gandeiros do día anterior na Deputación Provincial.  Ás doce comezaría no Teatro da Paz o máis importante dos actos, o Certame literario, para o que se decorou o teatro especialmente con velas para iluminar  convenientemente, colgaduras e alfombras. Destacaba no centro o retrato do Padre Feijóo e ao seu pé as súas obras. O palco da presidencia reservouse para os representantes da prensa galega. Comezou a entrega de premios cun discurso do secretario da Comisión do centenario Juan de la Cruz Izquierdo, quen narrou como se sucederon os feitos ata chegar á  homenaxe do segundo centenario. A continuación cedeulle a palabra ao secretario do xurado, Jesús Muruais, quen pasou a ler a decisión do xurado. Este declarou deserto o premio máis importante, o estudo crítico biográfico e concedeulle os restantes premios ás poesías de Lamas Carvajal, Emilia Pardo Bazán e Arminda Flora Serrano (en realidade, pseudónimo de Lamas Carvajal). A rosa e o pensamento de ouro, obxectos ofrecidos como premio foran encomendados ao xoierio  de Santiago José V. Lorenzo, cuxo custe ascendeu a 2.500 reais. Presentáranse catorce traballos ao certame, ademais dos publicados ao ano seguinte na monografía do mesmo título que o certame, o presentado baixo o nome de Arminda Flora faríao na revista La moda elegante. Dous dos traballos presentados ao concurso, a biografía co número 4 e lema "Los rayos que despiden las frentes de los grandes hombres forman reunidos la aureola del género humano" e o número 9, poesía co lema "deveselle tanto a este fillo amada terra que deixa o teu agradecemento caise que non se coñeza" consérvanse no Arquivo Histórico Provincial de Ourense."

"Festexos celebrados en Ourense para conmemorar o segundo centenario do nacemento do Pade Feijóo", do Catálogo da exposición "O Padre Feijóo: Cidadán libre da República Literaria", páx. 183-185, Xunta de Galicia, celebrada en Ourense en outubro de 2014.

No hay comentarios:

Publicar un comentario