sábado, 8 de noviembre de 2014

Ó nacemento do Padre Feixóo

Aló na aldea de Casdemiro,
vese unha casa, dolce retiro
dunha familia nobre e leial;
as ledas auras i o vento louco,
o río Miño pouquiño a pouco
seus negros muros bicando van.

Grandes recordos de groria encerra
aquela casa da nosa terra
que bica o Miño murmulador;
alí, os ollos abriu no mundo
o escrarecido xenio fecundo,
o renembrado PADRE FEIXOO.

Foi unha tarde que o sol morría...
Aló nos soutos leve harmunía
iban facendo murmuxos mil;
daban perfumes as brancas fores,
os paxariños cantos de amores,
o río, as auras, ecos sin fin.
                                                       Non sei que vago concerto estrano,
xamais ouvido por ser humano,
iba collendo forzas e voz,
no feitizado feliz retiro,
na probe aldea de Casdemiro,
cando a esta terra viña FEIXOO.

Unha garrida nai virtuosa,
filla obedente, leial esposa,
tiña no colo con tenro amor
o piquiniño tan feiticeiro,
cal é a lúa polo Xaneiro,
como no estío refulxe o sol.

A nai, o neno con fe arrulaba,
o pai, de gozo bágoas choraba,
o piquiniño chorou tamén;
e naquel día veu pra Galicia
unha esperanza i unha dilicia,
un sol, un xenio de gran valer.

Cantando mentras seu nacemento
iban lixeiros nas alas do vento,
coros celestes, brancas visiós;
música branda, leda harmunía,
que así falaba cando nacía
aquel lóstrego da luz de Dios:

"Desperta, Galicia, desperta, non chores;
naceuche hoxe un fillo que un xenio será;
ondinas do Miño, con cantos e frores
a cuna do neno feliz, arrular.

Os xenios que foron de grande memoria
xa veñen, xa chegan velando por il,
virtú e nobreza, talentos e groria,
xa teñen gardados pra dar á súa historia
as fadas que dormen nas grutas do Sil.

Filósofos, sabios, baixade a cabeza;
estrelas, deixade brilar ese sol,
que fogo divino lle deu pra grandeza
Aquel que protentos de Luz e belleza
no ceo e na terra de nada criou.

Galicia, desperta; Galicia, non chores;
xa tes quen desterre teus vellos errores,
xa tes novas grorias e novos brasós;
Galicia, recorda con cantos e frores
o nome do xenio, refrexo de Dios."

Valentín Lamas Carvajal, da obra Espiñas, follas e froresObra literaria e xornalística, ed. A Nosa Terra, Vigo, 1996, páx. 43

No hay comentarios:

Publicar un comentario