lunes, 24 de noviembre de 2014

O sorriso do Padre Feijóo

"Paseniño vai mollando as pedras do Mosteiro mentres moreas de troitas e lampreas botan o funciño por fora da auga na percura cecáis da faciana enxoita do Padre Feijóo. As troitas nono sei pero as lampreas viven moito tempo. Algunha lembra aínda como o seu avó foi servido nunha cea ó emperador Adriano e mesmo llo contou a Margarita Yourcenar cando facía pescudas para escribi-lo seu famoso libro. Outras viran ó Padre Feijóo cando, hai xa un par de séculos, vivira no Mosteiro samonense.(...)

  Por todo o dito, as lampreas máis vellas do lugar, e sobre todo unha chamada ¡mira tí! Morgana, lembran ter visto ó Padre Feijóo, na tardiña, nunha fiestra que da sobre o río. Tódolos días á mesma hora víanno toma-lo aire arrecente mentres na súa faciana brilaba un sorriso de satisfacción.

  O que máis tiña mosqueada á Morgana era o sorriso. Non podía explicalo de xeito algún. ¿Sería un éxtasis místico? Santa Teresa tiña moitos éxtasis, Bernini colléuna nun dos máis groriosos e, de cando en vez, levitaba. Pero non parecía o caso. ¿Cabilaría nunha boa caldeirada de lamprea? Nono podería dicir, por iso,
preguntóu ás Nereidas da fonte que, ás veces, cando os morcegos voan polo cláustro, metíanse polo vertedeiro da pía e ian de palique ó río. Pero elas non lle souberon dar razón do lecer do prócer, ó que tan só vían no seu pedestal de pedra no cláustro anexo i é de notar que o vían a pesares de ainda faltaba caseque século e medio para que o sabio bieito fose colocado no sitial, pero é que as Nereidas, ¿sabedes? teñen o don da premonición, e son capaces de ver cuosas que ainda non existen.

  Pensou tamén se cecáis o lecer podería producirllo os cánticos gregorianos do irmán Xosé Luís, en clara competición cos monxes do Mosteiro de Santo Domingo de Silos (...) ou ben por escoitar o Cántico Espiritual de San Juan de la Cruz na voz e zanfoña de Amancio Prada... pero non, non era a música o motivo do seu sorriso. (...)

  Preguntóulle a tódolos animáis do biotopo do Oribio se sabían as causas próximas ou remotas do sorriso do bieito e ninguén soubo dar razón. Por iso, tódolos días, cando o sol ponse no horizonte, as troitas e as lampreas érguense sobre as súas colas nas augas do río Oribio e miran á fiestra valeira tentando dar resposta axeitada á súa inquedanza. E iso repítese hai centos de anos, pódese dicir que dende antes de que o Padre Feijóo viñera ó Mosteiro de San Xiao de Samos na percura de reposo e lampreas.(...)

  Unha noite, acuciado polas miñas necesidades fisiolóxicas, saín do cuarto. Desde a balconada do cláustro víase, á pálida luz da lúa, ergueita a imaxe de pedra do Padre Feijóo. Collín á esquerda e metinme no "Balnearium", pasou un morcego co seu voar vacilante. No fondo, a través dunha ventá, oíanse un son doce e cadencioso. Asomei e vin... o Oribio. Nese intre souben o porqué do lecer do Padre Feijóo. ¡Non era un arrebato místico!, ¡non cabilaba nunha caldeirada de lamprea!, ¡tampouco escoitaba músicas celestiais! O Padre Feijóo, caseque un anxo pero tamén home ¡estaba a mexar!

  Alá abaixo, no medio das ondas do Oribio, as lampreas e as troitas adiviñaron o misterio e mergulláronse para sempre. Centos, miles de anos pasaron polos seus ollos de peixe en un intre e, desfeito o feitizo, o mundo exterior perdeu para elas todo o interese.. Por iso, dende hai pouco, a pesca escasea no río Oribio á beira do Mosteiro de San Xiao de Samos. Xa non se ven as troitas i as lampreas axexando a fiestra á espera de ve-lo sorriso do Padre Feijóo. (...)

  José Manuel Barreiro García, "O lecer do Padre Feijóo", no 12º Concurso de cuentos galaico-leonés, Casa de Galicia, León, 1995, da páx. 9 á 14.

4 comentarios:

  1. O conto non empeza asi. Iste é o comenzo:
    O río Oribio pasa lamendo as vellas pedras do Mosteiro de Samos, baixo unha ponte con vieiras de ferro. ¿Terá ouro da serra donde nace como o seu irmán o Lóuzata?
    O Río Oribio,¿sabedes? chamase así dende os anos sesenta. Antes chamáballe cada un según lle petaba: río Samos, río Sarria...Nos anos sesenta un Imperial Decreto decidíu que lle chamasen Oribie i en esas estamos.
    O seu paso a carón do Mosteiro de Samos é un río manso e ledo.

    E aquí comenza o voso relato: "Paseniño vai mollando...etc.
    E ¿por que o sei?: pois porque eu son o autor do conto.
    De tódolos xeitos moitas grazas pola publicación e un sáudo cordial.
    José Manuel Barreiro García

    ResponderEliminar
  2. Tampouco ese é o seu título. O título é, como pode verse na portada do libro, "O Lecer do Padre Feijóo.

    ResponderEliminar
  3. E tampouco remata así. O remate é:"¿Emigrarían tamén elas cara a Santiago seguindo o camiñlo de estrelas para escoita-lo concerto na compaña do Rei David?...¿ou é que as peccan todas os frades na canle que pasa polas súas cociñas?

    ResponderEliminar
  4. Todo un luxo que o propio autor nos complete o conto para aqueles que queiran coñecelo completo. A nosa intención era só copiar un fragmento e dar a coñecer o conto que como ti ben dis titúlase "O lecer do Padre Feijóo", na nosa serie de "parrafeos" ou entradas sobre o Padre Feijóo. Sempre pomos de título algunhas palabras do texto.
    Saúdos.

    ResponderEliminar