O avó de Carlos Martínez-Barbeito
era amigo de Manuel Rúa Figueroa, avogado defensor no proceso da Coruña e
responsable da publicación da “Reseña de la causa contra…” no ano 1859. Este
envioulle no seu día un exemplar da “Reseña de la causa contra…”, con
dedicatoria autógrafa. Este exemplar pode consultarse hoxe en día na Biblioteca
da Fundación Barrié de la Maza, na Coruña, onde está depositada toda a
Biblioteca de Carlos Martínez-Barbeito. Tamén se pode ver alí o guión da
película “El bosque del lobo”, baseada no libro de Martínez-Barbeito, escrito
por Pedro Olea e Juan Antonio Porto. Ese exemplar cae nas mans do neto, Carlos,
quen daquela aínda non tiña aspiracións de ser novelista. Estamos pouco despois
da publicación de “La familia de Pascual Duarte”, de Camilo José Cela, que logo
definiría o movemento “tremendista”. Carlos ofrécelle o libro da “Reseña de la
causa contra…” ao seu amigo Cela porque consideraba que aí podía haber
interesante materia prima para outra obra “de sangre, horror y muerte”, en
palabras do propio Martínez-Barbeito. Poucos días despois devólvelle o exemplar
Cela dicindo que o estivo lendo pero que non se animaba co proxecto. Sería o
propio Carlos quen pouco despois intentaría a aventura escribindo “El bosque de
Ancines”. Sen embargo algunha pegada deixou no que se convertería en Premio
Nobel xa que aludiría a Romasanta en dúas novelas posteriores, aínda que de
xeito breve: “Mazurca para
dos muertos” e “Madera de Boj”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario