lunes, 30 de abril de 2018

Novo bispo da diócese

"Só nunha ocasión non conseguiu sobrepoñerse á dureza das palabras pronunciadas por el contra outra persoa: cando se enfadou con Antonio Salgado París, o día que este os atopou na terraza do Café Moderno e se sentou canda eles para contar despois as historias que circulaban pola cidade en relación co novo bispo da diócese."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 258.

domingo, 29 de abril de 2018

Pequenas miniaturas

"Por último, nunha alusión bastante explícita ó citado colaborador, dicíase que un dos homes máis eminentes que habitaban na cidade, un humilde sabio que vivía modestamente nunha rúa estreita e tranquila, na paz necesaria que requiren os grandes espíritos para levar a cabo a alta misión que lles corresponde de acordo cos talentos que Deus lle deu, gardaba nas estanterías da súa biblioteca, como un símbolo dese amor polo humilde e polo pequeno, unha serie de pequenas miniaturas que lle recordaban coa súa presencia que o valor das cousas non depende do tamaño, senón da súa importancia intrínseca e verdadeira."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 252.

sábado, 28 de abril de 2018

Dos corazóns máis quentes

"Dos sucesos relacionados coa concentración do Parque e as circunstancias que seguiron non se dixo nada no periódico, aínda que na sección de cartas ó director do día seguinte apareceu unha nota firmada por iniciais na que se eloxiaban os artigos dun colaborador que non se citaba, do que se dicía que tiña a virtude  de engrandecer o pequeno e rebaixar o grande, incluída a rabia incontrolada dos corazóns máis quentes."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 251.

viernes, 27 de abril de 2018

Velada polo reflexo escuro do cristal da fiestra

"Agora mesmo, a mirada, aínda velada polo reflexo escuro do cristal da fiestra, non é máis que unha luz suave, sorprendida talvez soamente polas cousas miúdas que ocorren na rúa: unha señora vestida de loito que atravesa a calzada, un home que pasa arrastrando un carro cargado de carbón ou o castañeiro que se alonxa cara ó Parque anunciando a voces a súa mercancía. De pronto é como se os acontecementos que estes días conmoven á cidade tivesen lugar a miles de quilómetros de distancia, mesmo como se todo canto sucede no mundo se perdera nunha dimensión que el xa non consegue comprender."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 249-250.

jueves, 26 de abril de 2018

Na contracción da boca

"Contemplando o seu rostro desde aquí, a ela parécelle que cada día que pasa vai perdendo unha parte da tensión e o dramatismo das últimas semanas, especialmente a angustia que se lle percibía na contracción da boca nos días inmediatos que seguiron ó asalto do cuartel ou cando se enterou polo seu cuñado Eloi da declaración que fixera o administrador durante o interrogatorio ó cal foi sometido pola Garda Civil a noite dos sucesos ocorridos na casa de Sabucedo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 249.

miércoles, 25 de abril de 2018

Púxose a escribir

"Mentres durou o movemento na Rúa do Hospital, cada vez que se escoitaba o motor dun automóbil, el erguíase a mirar desde a fiestra para ver o que pasaba, non coa ansiedade de outras veces, senón con calma e cun xesto no rostro que indicaba curiosidade, mesmo tranquilidade ou indiferencia. Á última hora da tarde púxose a escribir e deixouse de interesar polo que sucedía na rúa. (...) Con toda seguridade, a esa distancia, a miopía non lle permitiu observar que da camioneta baixaron uns quince ou vinte soldados e que se situaron en grupo, sen formación de ningún tipo, á porta do Hospital, exactamente da parte de aquí do muro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 248.

martes, 24 de abril de 2018

Sen arriscar o pelexo

"Ó capitán Veneno puxérono esa mesma tarde baixo arresto domiciliario, despois de que lle dixese ó propio gobernador civil que o asunto do Parque non se podía tapar así como así, que non se fixera unha revolución no país para que catro lambóns aproveitados, que pasaron os anos difíciles da guerra comodamente instalados nas súas casas, sen arriscar o pelexo, viñeran agora a desvirtuar e torcer o que tantos sacrificios costara endereitar."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 248.

lunes, 23 de abril de 2018

Durante máis de unha hora

"Durante todo o día, pola Rúa do Hospital houbo un tránsito constante de vehículos e de xente. O gobernador civil pasou dúas veces no coche e o coronel Enríquez, acompañado por un pequeno grupo de oficiais, estivo parado no cruce do Parque, mirando o reloxo seguido, ata que chegou un turismo e saíron en dirección ó barrio da Ponte. Volveron media hora despois para dirixirse ata o Hospital, onde permaneceron durante máis de unha hora."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 247.

domingo, 22 de abril de 2018

Apuntándolles cos fusís

"Despois tiraron retratos polas fiestras e iniciaron unha marcha cara ó centro da cidade. Polo camiño obrigaron a pechar as tendas e comercios que atoparon no percorrido, ata a Praza Maior, onde os agardaba unha compañía de soldados situada entre o edificio da Casa do Concello e, o Pazo Episcopal, que os recibiu apuntándolles cos fusís."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 247.

sábado, 21 de abril de 2018

E se deron berros

"Está claro que se trata dunha resposta ós mozos da Brigada Amanecer que organizaron a protesta o día da concentración no Parque. A dous deles, Domingo Enríquez Losada e Benxamín Alonso Pascual, considerados responsables do disparo que feriu ó fillo do capitán Lastra, prendéronos o sábado pola mañá, cando aínda non saíran das súas casas. O pai do primeiro deles, o capitán Enríquez, presentouse no Goberno Civil a pedir explicacións, e pola tarde, no local que os da Brigada teñen na Rúa de Colón houbo varias xuntanzas, durante as cales se cantaron himnos e se deron berros."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 246-247.

viernes, 20 de abril de 2018

Parente seu

"O capitán Sánchez, que viña vestido de paisano, foi a persao designada polo gobernador civil para averiguar a verdade do seucedido no Parque o día da concentración. Hai quen asegura que non se leva ben coa xente da Brigada Amanecer, en parte por causa do maxistrado Cadórniga, parente seu, a quen llelo tivo que arrincar materialmente das mans hai sete anos, cando o conducían nunha camioneta, atados os pulsos con cables de luz, cara o alto do Monte Furriolo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 245.

jueves, 19 de abril de 2018

Tiradores de Ifni

"A mesma noite dos incidentes, el recibiu varias visitas. O primeiro en chegar foi Teodoro Bugallo, o director do xornal, talvez para tratar o tema do artigo do día seguinte (...). 

  Un pouco máis tarde, despois do director do periódico, recibiu a visita do capitán Sánchez, que estivo con el máis de dúas horas. (...) Foi este mesmo home quen o acolleu na súa casa de Barbantes, despois do xuízo de Antonio Salgado París, ó coñecer os comentarios que fixera un cuñado deste último, capitán de Tiradores de Ifni."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 244-245.

miércoles, 18 de abril de 2018

Un grupo de mozos bébedos

"Na refrega houbo sete feridos, entre eles o fillo pequeno do capitán Lastra, que tivo que ser trasladado ó Hospital en ambulancia. Aínda que o periódico falou dun incidente sen importancia, provocado por un grupo de mozos bébedos, parece que o rapaz ferido ten un tiro no pulmón esquerdo e que os médicos dubidan que se poida salvar. Para mañá está anunciada unha procesión ó Santo Cristo co fin de implorarlle a curación."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 243.

martes, 17 de abril de 2018

"¡Queremos pistolas, non oracións!"

"Ó tema da paz dedicoulle o artigo do venres pasado, ó día seguinte da concentración que se fixo no Parque, cando os manifestantes pediron armas para ir loitar a Rusia. No discurso que lles dirixiu,  o gobernador civil anunciou a derrota inminente do comunismo, tal como estaba escrito nunha das mensaxes de Fátima, e que a esa derrota tiña contribuído España, o primeiro país de Europa que fora capaz de vencer a Stalin. Nese instante, desde o parque soou unha voz que berrou: "¡Queremos pistolas, non oracións!". Case ó mesmo tempo, no lugar de onde saíra o berro organizouse unha pelexa, primeiro a puñetazos."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 243.

lunes, 16 de abril de 2018

A punto de caer sen vida

"Apareceu por detrás e deulle un bico. Aí están os dous mirando cara á rúa, comentando talvez algún detalle relacionado coas persoas que pasan por diante da casa ou do aspecto miserable dun can parado ó lado dun bidón de chapapote, na esquina da rúa que vai ó Hospital. É un can fraco e tiñoso, co lombo arqueado e a cabeza gacha, que parece enfermo, a punto de caer sen vida. (...) Toma alento, dá un par de pequenos bufidos e logo vaise a modiño, arrimado ás paredes das casas, en dirección ó Parque."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 239.

domingo, 15 de abril de 2018

Primeiros rastros de melancolía

"Para comezar, que se atopaba na aldea, onde a vida conservaba o sabor auténtico da tradición máis verdadeira, anunciaba que ía pasar a tarde traballando na horta, un costume que asociaba máis facilmente con Mesopotamia que con Atenas.

  Ese optimismo manteríase nos seus escritos aínda por moito tempo. Pasarían anos desde aquela, ata que se empezaran a notar os primeiros rastros de melancolía na colaboración diaria do xornal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 231.

sábado, 14 de abril de 2018

O mesmo optimismo

"Despois xa non o volveu ver ata finais de setembro. Por Ana Montenegro soubo que estaba en Sabucedo. Entón apareceu a súa primeira colaboración no periódico. Desprendíase dela o mesmo optimismo que se podía deducir do ton que empregaba naquela conversa informal na Praza do Ferro. Anunciaba o que ían ser aqueles artigos, que pretendía estivesen tenguidos do mesmo espírito que se empezaba a respirar no país."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 230.

viernes, 13 de abril de 2018

Día de lume

"Ó pasar ó pé deles, por debaixo dos soportais da outra beira, ela só puido escoitar con claridade a expresión "circunstancias dolorosas", e xa un pouco máis adiante, ó chegar ó cruce da Rúa de Alba, percibiu con nitidez a voz del dicindo a palabra "salvación". Logo aínda seguiu escoitando a mesma voz durante algún tempo, cada vez máis apagada, mesturada por fin coas conversas das persoas que empezaban a saír á rúa a aquelas horas para iniciar o paseo pola rúa de Santo Domingo e gozar do fresco da tardiña, o primeiro alivio dun día de lume naquel verán insoportable."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 230.

jueves, 12 de abril de 2018

Diante da botica

"Sabía del polos periódicos, pero pasou cerca dun ano antes de que o volvera ver en persoa. Sucedeu un sábado pola tarde, cando ela regresaba de visitar a Ana Montenegro na súa casa da rúa da Paz. Ó chegar á Praza do Ferro, parados diante da botica de Temes, estaba un grupo de homes, entrer eles o fiscal da audicencia e dous coengos. Tardou en darse conta de que era el quen ocupaba o centro da reunión."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 230.

miércoles, 11 de abril de 2018

Tedéum

"Ó revés, poucas veces o vira máis activo que naquelas datas. Pola prensa, ela ía sabendo da participación del no tedéum en honor do xeneral Franco ou na misa de acción de gracias que se celebrou o 18 de agosto na catedral ou na recepción que tivo lugar no Goberno Militar aquel mismo día pola noite."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 229.

martes, 10 de abril de 2018

Decisións dolorosas

"Un argumento parecido utilizaríao el uns meses máis tarde no discurso que pronunciou no paraninfo do Instituto, poucos días despois do xuízo de Antonio Salgado París. Ela lera o resume no periódico. Cando chegou ó párrafo no que dicía que ás veces había que tomar decisións dolorosas coas persoas para salvar a vida dun país, preferiu pechar o diario. Era no verán e ía calor. Sentada no butacón, imaxinouno a el falando detrás daquela mesa de madeira que ocupaba o estrado do citado paraninfo, coa tea encarnada de veludo servíndolle de fondo e con aquel Cristo enorme, de rostro gris e apagado, colgado por riba da cabeza."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 229.

lunes, 9 de abril de 2018

Que ía a cabalo

"Dixérallo na Alameda, o mesmo día en que se soubo a noticia do atentado da Ponte Vella, cando un grupo de rapaces exaltados intentaran matar o cura de Beiro, que ía a cabalo. Ela confesoulle que non podía comprender a razón daquel disparate, pois coñecía o citado señor, que era unha boa persoa."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 228.

domingo, 8 de abril de 2018

Un can abandonado

"Falaba dun can abandonado. Viuno tirado á porta da catedral, comido pola tiña e a miseria, xa sen fame e a punto de morrer. Alguén lle dixo que o sancristán tratara de escorrentalo de alí, pois había mulleres que protestaban, pero que nin sequera pegándolle couces conseguía movelo do seu sitio. Pareceulle a representación  viva da crueldade humana, a condena rotunda dunha civilización que perdeu o sentido da compaixón."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 220.

sábado, 7 de abril de 2018

O alivio da noite

"Aquel venres fixera calor. Buscando o alivio da noite, ela sentárase tamén no balcón, este mesmo balcón que agora contempla do outro lado da ventá, detrás dos cristais. A rúa estaba deserta, pero escoitaba as conversas dos veciños que tomaban o fresco e facían comentarios sobre o tempo ou sobre a situación do país. (...) Ó pouco tempo, ela acabouse illando por completo do que sucedía na rúa. Pensaba na Casa Grande do Miño. (...)

  Estaba convencida de que nunca máis oiría falarlle a el daquela Casa Grande do Miño, das veladas nocturnas en familia, dos paseos á beira do río ou das cabalgadas polo monte."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 217-218.

viernes, 6 de abril de 2018

Naquel lugar apartado do mundo

"Fora alí mesmo, sentados sobre aquela laxe en forma de roda, onde el lle dixera unha vez, había xa moitos anos, que estaría disposto a deixalo todo, o encanto da cidade e os amigos, para vivir naquel lugar apartado do mundo, só con ela, cos papeis e os libros, pechado durante horas na biblioteca da torre e escoitándoa tocar o piano no salón ou xogando cos nenos na horta. (...) Entón el facía aqueles proxectos para instalarse na aldea, unha perspectiva que non lle producía entusiasmo, pero que xulgaba necesaria."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 216.

jueves, 5 de abril de 2018

No recoveco amante da fonte

"Contárallo a el un día caloroso de verán na horta da casa de Sabucedo, sentados os dous á sombra dunha das árbores do paseo central, no recoveco amante da fonte. (...)

  A tarde do domingo que seguiu a aquel enfado, despois dos actos en honor da Virxe de Fátima, foi o último día que pasaron xuntos na casa de Sabucedo. Despois, o martes non se viron nin o mércores; o xoves, el mandoulle recado de que se atopaba mal; o venres informouse por Ana Montenegro de que fora á Casa Grande do Miño e que botara alí ata o luns pola mañá."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 201.

miércoles, 4 de abril de 2018

Sentir o sol do verán

"A alegría daquela tarde durou poco tempo. Como se se sentise arrepentido das palabras que lle dixera antes de empezar os actos da Alameda, quizais porque sabía que a ela lle molestaba sentir o sol do verán directamente na cabeza, preguntoulle se non lle importaba ter que aturar aquela tortura."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 211.

martes, 3 de abril de 2018

A presencia do demo no mundo

"Cando rematou a concentración da Alameda e eles regresaron cara ó centro da cidade, coa intención de sentarse na terraza do Café Moderno, a ela sorprendeulle que, ó revés do que sucedera noutras ocasións, el se esquecese da discusión que acababan de manter e se puxese a falar cunha naturalidade que contradicía unha maneria de ser e comportarse que habitualmente era moi diferente daquela e que ela coñecía tan ben. Estaba contento. Baixando pola rúa de Lamas Carvajal, díxolle que de novo sentía ganas de retomar a novela que empezara había tempo sobre a presencia do demo no mundo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 210-211.

lunes, 2 de abril de 2018

Unha teima

"Respecto da relixión, a frase que aparece no relato ten que ver, con toda certeza, coa visita que fixo á cidade a imaxe da Virxe de Fátima, no ano 1935, en pleno verán. El empeñouse en acudir á Alameda desde un par de horas antes para coller un bo sitio e seguir os actos desde a primeira fila, unha teima que ela non conseguía comprender."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 210.

domingo, 1 de abril de 2018

Ton atemperado e suave

      "Estes días debe estar recordando unha parte da súa vida. Nos artigos publicados na última semana aparecen referencias frecuentes ós anos da nenez, especialmente ós veráns de Sabucedo; ou comentarios relacionados cos seus tempos na Universidade, escritos nun ton atemperado e suave, sen que se traduza neles aquela arrogancia con que falaba e actuaba entón; ou alusións ás horas vividas na Casa Grande do Miño, cando ía ver a Mariana. (...) O nome de Mariana escóndese baixo a ficción dunha tal Luísa, a Casa Grande do Miño aparece transformada nunha residencia de campo, en terras do Ulla."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 207-208.