"Nemeto e Brais non tiñan unha impresión mellor e decidiron afastarse canto antes daquel dantesco espectáculo.
-Vaiamos a Dacón -suxeriu o antigo guerreiro intentando restar importancia ao sucedido-. Din que aí curan os máis ricos xamóns que se poden probar. (...)
Cando á fin puxeron os seus pés naquel recuncho do mundo onde se elaboraban as máis saborosas salgaduras, ante unha apetitosa bandexa de xamón curado tallado, ambos os dous amigos gozaron dunha deliciosa merenda. O xornal rematara e practicamente todos os veciños estaban na taberna tomando unha cunca de viño. O dixomedíxome do lugar era a tráxica morte do enxeñeiro encargado de drenar o Puzo do Lago. (...)
O vello lembrou á concorrencia que, sendo aínda neno, circulaba un relato que aseguraba que certa noite, na que o vento azoutaba con forza os poxigos das casas, camiñaban sen acubillo a mercé dos elementos a Virxe polo pobo do Lago, e decidiu condenar a todos os habitantes mergullando a cidade baixo as augas pola súa falta de caridade ao solicitar asilo."
Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.182-183
No hay comentarios:
Publicar un comentario