martes, 22 de marzo de 2016

A intrahistoria

O libro «Miss Ourense» recrea a intrahistoria da cidade de finais dos anos 60

Bieito Iglesias e Ourense cáseque se podía dicir que son a mesma cousa, aínda que pareza unha esaxeración que, evidentemente o é, pero non por pensar que Ourense é moito, que tamén o é, senón porque o talento coma escritor de Bieito Iglesias é enorme, nun universo literario como o de Ourense que ten producido tantos e tan bos escritores.

Bieito Iglesias cáseque é a mesma cousa que Ourense porque ten unha raíz fondamente ourensá, que latexa intensamente na súa obra e que brota de xeito torrencial coma o seu verbo cálido. Insisto no de Ourense porque na súa obra de relatos policíacos Miss Ourense , retrata de xeito maxistral un Ourense que se cadra xa non é recoñecible, pero que para a xente da miña xeración e á de Bieito é o Ourense da nosa adolescencia. Fala dun Ourense, e concretamente da Ponte Canedo, Concello autónomo que naceu ó carón do ferrocarril e que nos anos 40 anexionouse con Ourense.
Dicía que Bieito fala das rúas de Ourense, a Diagonal, hoxe Xoán XXIII, das populares leiteiras, hoxe reliquias do pasado, dos pementos de Xeixalvo, hoxe xa nin os recordo. Fala dos futbolistas da época, auténticos ídolos naquel momento. Fala do popular párroco das Caldas, dos persoeiros do barrio da Ponte, das famosas festas da Ponte coñecidas en toda Galicia, coas orquestras lixeiras máis populares do país: Los Chicos del Jazz, Bellas Farto, Montes, Auria. Fai alusións clarísimas ó escándalo do metílico que sacudiu o país enteiro. Recrea magnificamente os ambientes da época: os velorios, os tréns da emigración a Suíza, a librería Tanco. En fin uns relatos dun xénero universal, a novela negra, pero con un intenso aroma de Ourense. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario