¿Que sería da literatura sen os seus grandes
personaxes? Moitos foron detectives: Holmes e Marlowe son algúns dos que
perviven na memoria de moitos lectores e que disfrutaron dunha nova e
célebre vida no cine ou na televisión. Bieito Iglesias é o creador dun
destes tipos memorables. O inspector Gumersindo Nespereira é o
verdadeiro protagonista dos catro relatos de Miss Ourense . Pola
súa boca coñecemos un tempo pasado, o do franquismo que empezaba case
imperceptiblemente a esmorecer, e uns feitos que marcaron un país. No
libro están a emigración, os pasos clandestinos na fronteira con
Portugal ou o envelenamento do metílico. O autor cita a heroes locais,
vellas orquestras, parroquianos e parroquias, cun xeito propio de falar
que enriquece a narración e, por suposto, a quen ten o libro nas mans.
Non diremos que Nespereira chega a quitarlle todo o protagonismo ás tramas de Miss Ourense
, pero é indubidable que é un personaxe que cautiva. Ten un modo
directo de resolver os casos e interpelar ós sospeitosos. Recibe
labazadas e atrancos nas investigacións. Pero o seu humor, de sal gorda,
mantén co lector unha fonda corrente de simpatía. Algúns exemplos: o
inspector pídelle a un cura un lugar onde durmir, e agradécelle a súa
hospitalidade, aínda que non sexa aloxado coa ama do crego; cando visita
un balneario, a auga quente deixalle a pel como «a dunha pataca
mirrada». Nespereira sae antes de que lle saian grelos, como di el. O
inspector forma parte así dese selecto grupo de personaxes, antiheroes
máis ca heroes, retranqueiros, duros e difíciles de esquecer.
Alberto Martínez, publica o 27 de agosto de 2002 na edición dixital de "La voz de Galicia", a raíz da publicación do libro na Biblioteca 120 Galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario