"Entón as irmás refuxiáronse dos elementos na cuadra das ovellas. Molladas, sen apenas comida e enfermas pola idade e as penosas condicións en que vivian, o xuíz do Carballiño non puido actuar para internalas nun establecemento digno en contra da súa vontade.
O cura de Dacón fixo tamén o seu intento e, na compaña de dúas monxas dun asilo, víronse obrigados a fuxir como un raio ante as ameazas das desgraciadas, quen brandindo mocas ameazaban aos visitantes con lanzarlles aceite fervendo para defender a calquera prezo o legado dos seus pais.(...)
Brais sentiu que un calafrío lle percorría as súas costas. Cando o paisano se decatou de cal era o seu destino, convidounos a que o acompañasen ao Carballiño. Ao chegar indicaríalles onde se situaba a oficina de contratación para traballar no tendido do ferrocarril. (...)
Perplexos, ambos amigos preguntábanse en que tendido traballarían se o percorrido xa estaba rematado. Un home en cadeira de rodas coas pernas amputadas, veciño do barrio de Flores congratulouse de que non os puidesen contratar."
Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.190-191
No hay comentarios:
Publicar un comentario