«O xénero policial aportou normalidade á literatura galega»
«Os libros enchen as carencias da vida real, e esa evasión non me
parece mal. É como os soños: unha forma de cumprir os nosos desexos».
No Ourense de finais dos sesenta o inspector Gumersindo
Nespereira enfróntase a roubos, asasinatos e misteriosas desaparicións.
El é o protagonista e narrador dos catro relatos de Miss Ourense
, un libro no que Bieito Iglesias (Coles, Ourense, 1957) traslada
algunhas das claves do xénero policial a unha cidade, un tempo e unha
lingua.
-O personaxe de Gumersindo Nespereira é todo un achado. ¿Cal foi a xénese, a construcción do inspector?
-O personaxe non está baseado en ningún modelo real. A
construcción vén en parte das lembranzas do meu barrio de Ourense, o
barrio da Ponte, onde había moita xente cun temperamento humorístico.
Pero tamén provén das lecturas e do cine e nese senso ten que ver co
Marlowe de Raymond Chandler. Dentro da literatura policial atopamos como
personaxes a figura do detective, na tradición americana, e a do
policía, que é máis da francesa. Miss Ourense está ambientado no
Ourense de finais dos 60, e daquela non había detectives privados na
cidade. Así, optei por esa vía funcionarial. Pero deses personaxes o
interesante é acompañalos, saber cómo son, que marca de whisky beben.
Ten que haber unha trama policial, un crime, pero é moi importante o
personaxe. E o ambiente.
-¿Avanzou daquela o xénero desde a simple descrición dun caso a ser un bo vehículo do retrato psicolóxico?
-A boa literatura policial xa ten diso nos seus
inicios. No caso de Conan Doyle, por exemplo, a súa literatura ten moito
que ver coa sociedade do seu momento. O xénero xurde ligado ás grandes
cidades, París e Londres, nun momento no que son frecuentes sucesos
tráxicos, hai inquietude e unha prensa sensacionalista que se ocupa
deles. E a infalibilidade do detective está relacionada co espírito
científico da era victoriana.
-¿Que aportou o xénero policial á literatura galega? ¿Unha sensación de normalidade, por exemplo?
-O problema que tivo aquí é que chegou un pouco tarde.
Houbo algúns antecedentes, pero chegou na época última, de expansión do
galego, nun momento en que se tiña a idea de que había que encher
tódolos baleiros, tódolos campos. Si, tivo o aspecto positivo que
mencionas, o da normalidade. Pero tamén pode ter un efecto negativo: si
se fan as cousas por obriga. Pasou noutras literaturas, como a catalana.
O que fai un bo libro policial non é que sexa necesario ou non, senón
se o autor ten o interese necesario.
-«Miss Ourense» retrata a cidade nun tempo moi concreto. ¿Como foi a reconstrucción desa época?
-É unha literatura sobre a memoria, e non hai
documentación á penas. A única que hai é en dous aspectos: as armas
regulamentarias, das que me informei por un veciño meu de Santiago que é
policía, e consultei a unha profesional forense sobre cousas de
medicina, como podía ser unha autopsia. Pero fóra diso está baseado na
memoria. Hai cousas da historia, como o metílico ou os portugueses que
fuxían da guerra de Angola e cruzaban a raia, o que deu lugar un tráfico
de espaldas mojadas e a corrupción que o rodeou. Quixen facer o que di
un personaxe de John Ford: «Cando os feitos se converten en lenda, conta
a lenda»; non quixen facer unha crónica xornalística.
-Tamén están a emigración e o despegue da construcción nos anos 60.
-Hai unha escena patética que lle aconteceu a miña nai
cando emigrou a Suíza no 62. Ía nun tren de mulleres que tivo que parar
unhas horas en Madrid. Alí déronlles o enderezo dun albergue, pero
cando arrincou o coche do encargado, foron todos detrás, correndo, como
na película de Buster Keaton na que o persiguen as noivas vestidas para
casar. O que fixen foi quitarlle dramatismo a aquelo e darlle un
tratamento humorístico. É un xénero que serve para contar feitos
históricos pero que é moi agradecido ó lector, porque ten unha trama que
o engancha e que sostén a tensión ata o final.
Un dos piares sobre os que se sostén a literatura
policial é o estilo propio, persoal de cada escritor pero identificable
dentro do xénero. Miss Ourense é unha mistura singular de léxico do hampa e do rural galego.
-Nespereira é un personaxe cun horizonte cultural ben
definido, dunha persona con estudios primarios e que vén dun barrio
popular de Ourense. Como el é o narrador, non hai nada fóra dese
rexistro, que é o que empregaría un albanel ou un carpinteiro do barrio
da Ponte. Un lugar no que as fronteiras entre o rural e o urbano estaban
moi difusas, polo que a fala tiña ascendencia rural. Alí vivían tamén
os malandros, que á pistola non lle chamaban pipa, chamábanlle ferro. E
un garda civil non era un picoleto, era un cereixeiro, que é como se
chaman en Ourense uns paxaros cunhas raias amarelas, como eran as
correaxes de antes da Garda Civil.
-¿Influíu na súa literatura o feito de traducir ó galego a colección de Sherlock Holmes, de Conan Doyle?
-Nestes contos non, porque son anteriores. Pero teño un
grande respecto por Conan Doyle, que é un estilista da sinxeleza. Creo
que lendo a Conan Doyle un pode aprender a escribir con eficacia. Cando
escribín Criadas no paraíso (no volume O mellor francés de Barcelona ) o que quixen facer foi un relato da miña colleita tomando a estructura e os personaxes de Conan Doyle.
-Sherlock Holmes é unha proba de que hai personaxes de ficción máis reais que a propia realidade.
-Si. Esta literatura o que fai é encher as carencias da
vida real, e esa evasión non me parece mal. É como os soños: unha forma
de cumprir os nosos desexos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario