miércoles, 31 de diciembre de 2014

Auga quente hai abondo

"Eu, ouro, o que é ouro metálico, en Ourense non teño visto moito, fóra dos escaparates das xoierías. Pero auga quente hai abondo. Non tedes máis que poñervos a andar a ribeira do Miño para comprobalo, ou se vos cansades, coller o tren das termas. Pero se tedes moi pouco tempo cando veñades, mirade só a Fonte das Burgas, que está ben pretiño da Praza Maior."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx. 14

martes, 30 de diciembre de 2014

Escollede vós mesmos

"... e a terceira cousa son as Burgas, mananciais de auga fervente, que mesmo lle deron nome á cidade, segundo algúns. Porque nisto os estudosos non se dan posto de acordo: uns din que a palabra Ourense ten que ver co ouro, e que vén do latín; pero tamén hai quen di que ten que ver cunha palabra máis antiga cás do latín referente ás augas ferventes. En fin, escollede vós mesmos..."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páxs. 13-14

lunes, 29 de diciembre de 2014

Tres cousas que non as hai en ningures

"Se me seguides a prestar atención, prometo contarvos a aventura máis apaixonante na que andamos metidos co Capitán Aspanitas, unha aventura que estivo a piques de pór en perigo un dos recursos fundamentais da nosa cidade, unha das cidades máis fermosas da nosa terra. Xa sabedes cal é a cidade da que vos falo? E que vos quede ben claro: o de fermosa non o digo porque eu tamén viva nela...

  Pois si, eu vivo en Ourense, coma os meus amigos. Todos saberedes que Ourense ten tres cousas que non as hai en ningures. Así di un vello dito, cando menos. O Santo Cristo, a Ponte Romana... "

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páxs. 12-13

domingo, 28 de diciembre de 2014

O Capitán Aspanitas

Se o pasado Nadal revisamos as aventuras dos Bolechas en Auria, este ano centrámonos na figura do Capitán Aspanitas, para que os máis cativos vaian familiarizándose coa súa cidade.


"Nas termas da cidade de Ourense están a ocorrer acontecementos estraños: as augas flúen e, de súpeto, detéñense, coma se atendesen a ordes calculadas por alguén. Unha banda de encarapuchados parece estar detrás dos sucesos. Só o Capitán Aspanitas e o seu equipo serán quen de descubrir a trama que se agocha tras tan sorprendentes feitos"

Ramón Caride Ogando (Cea, Ourense, 1957): biografía na Biblioteca Virtual Galega
Vía blog.xerais.es








 

 
Ilustracións de Jaime Asensi Cabirta (Vilagarcía de Arousa, 1957): biografía en Xerais
Vía cadernodacritica.blogaliza.org

sábado, 27 de diciembre de 2014

A boa xentiña

"Daquela o gobernador de A. era un conde vellouqueiro e bandullón, arrumbado na Corte (na corte, como decía o Mosquera), sin cartos, sin profesión, coa cabeleira e as longas barbas brancas de "comendador que me pierdes" que lle daba un aquel de importancia teatral. A pouco de chegar, xa a boa xentiña de A., que tería de todo menos de parva, o marcara por tolainas solene e mómaro de procesión do Corpus, con ise fondo perigoso de medo encoberto e de inagardada agresividade a que son tan afeitos os idiotas cando acadan poder."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 245, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 26 de diciembre de 2014

A campaña dos xornais

"-Xa, xa... Non sei si vos libraredes de que vos boten parte da culpa... O artigo de El Progreso vén levado dos demos. Anda a xente a decir que o Heriberto botará todos istes días un estrordinario do seu boletín... Sin me meter a opinar,  eu digo que aquelo estaba orgaizado en demasía pra ser cousa de labrantíos. Non sei quén podía ser...
 (...) A campaña dos xornais fixera o seu. Ía medrando na cidade un clima de discusión i espectativa; nos cafés, nas barbeirías, nos lugares de traballo..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 244-245, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 25 de diciembre de 2014

Fose como fose

"-¿Cal é o teu sentir?
 -O que vos dixen, nada máis. O mesmo que dixen ao segredario do goberno e o que mañán direi a su Ilustrísima ou aos seus persoeiros... Todo o que vos podo adiantar é que na Diputación dixéronme que preparase as cousas e avisase aos homes que o domingo voltaríamos ao mosteiro de Ursaira a cumprir as ordes, fose como fose, que non son verbas de bo agoiro."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 243, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 24 de diciembre de 2014

Na carballeiriña que alí hai

"Mais, aínda non nos acomodaramos na carballeiriña que alí hai, após do Mosteiro, cando caímos na conta de que estábamos arrodeados, si ben algo de lonxe, por homes a meias agachados tras dos troncos, como deixándose ver sin amosárense de todo."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 242, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 23 de diciembre de 2014

O mosteiro de Ursaira

"-Ben, o que pasou foi isto, de pe a pa, sin quitarlle nin pórlle... Todos sabemos que o mosteiro de Ursaira está pouco menos que derrubado; tanto como foi nos tempos, hoxe non é ren; unhas grandes moreas de ruínas, que até un raio fendeulle o ano pasado a torre da direita...
Desque botaron os frades, fai máis de medio século...
 -A desamortización inconsulta- remusgou Paulino, o "seminarista".
 -Xa o sabemos todos, foi Mendizábal, no ano 1835..."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 240, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 22 de diciembre de 2014

Irá o luns

"Entrou a mamai polo meio do silencio, e puxo na camilla a bandexa coas copas de licor café. Dixo coa voz baixa e cheia:

-Non hai que falar máis, que xa bastantemente se falou e se calou. Meu fillo, que xa fai un longo ano que está apuntado na Escola Laica, irá o luns; levareino eu mesma.

  A Evanxelina ergueuse e diulle un bico, que nunca eu tal vira. Meu pai, eisí como estaba, sin erguerse, colleuna polo van e pousoulle a meixela no ventre un istantiño."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 232-233, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

domingo, 21 de diciembre de 2014

Os choios do señorío

"mais logo volvíanas a chamar pola súa comenencia, non porque lles perdoasen de boa fe, pois a señora Patrocinio a Vendolla era a que lles facía corretaxe das alfaias, sin decir de quén eran, ou a qué lles levaba as cousas ao Monte de Piedad cando pasaban apuros, que eisí son os choios do señorío, que todo o fan ao disimulo, aínda as cousas máis naturais, vai un traballo...)."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 225, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 20 de diciembre de 2014

O embarazo aludido

"-Xa lle traio aforrado ise traballo. A ver si lle serve: "Declaro pola presente que me responsabilizo polo tratamento e a intervención que sexan necesarios pra provocar un aborto na persoa de Nemesia Pereiro Vázquez, natural de San Cibrao de Viñas, de dezasete anos de edade, solteira, analfabeta, inducida polo abaixo firmante á realización de prácticas sexuales en estado de previa i evidente virxinidade, das que resultou o embarazo aludido". Si lle parece ben, eiquí traio papel e tinta. Faga o favor de pasalo á súa letra verdadeira; a da carta vese ben que é desfigurada."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 222-223, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 19 de diciembre de 2014

"Toutizos"

"-Si, a filla do conde de Valadouro que ten media ducia de fillos, de meios irmáns da súa noiva, con outros tantos "toutizos" das súas labranzas na Terrachá."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 220, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

O apelido Valadouro  traenos á memoria o armazón narrativo da novela blancoamoriana "Los miedos",  coa presenza do apelido Valdouro: vid. "O armazón narrativo de Los Miedos"

jueves, 18 de diciembre de 2014

É perigoso...

"E que non faría nin tres horas (que acabaran de tocar a alzar na misa do Cabildo) trouxéranlle de parte de don Manolito do Boente, iste papeliño que eiquí traio: "Agradeceríalle fose mañá, a iso das seis, ao mesón da Cristalina, xa se sabe, en Mariñamansa. Séntase na mesa de pedra que está embaixo da parra cabo do pendello que alí hai, e agarde a miña chegada, que xa sopoño que a rapaza lle falou de min. Interésalle, e será millor pra todos, que vostede veña e non diga nada a ninguén, é perigoso..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 218, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 17 de diciembre de 2014

Como un de tantos

"A miña nai dixo que non, que un fillo non se tiña que desfacer como un nobelo de la; a señora Castora que o había que discutir adispacio e "con máis antecedentes", e a Pampera e a Milagros, que total pra ter un fillo e telo que botar á Inclusa, ou que saíse como un de tantos (a Ceboliña nin adeprendera a ler) que era millor que non nacera, e que si patatín e que si patatán..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 217, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 16 de diciembre de 2014

Apodrecía o cosco dos xergóns

"moi bo home, arestora coasi cego, eivado no leito, ía pra dous anos que llo botaran do Hospital Modelo, que a probe Nemesia, tiña que lle dar voltas como un cativo, e limpalo, que facía todo por si;

  e sentalo na bacenilla, de primeiras con moita vergoña por mor de terlle que ver as partes; e que lle apodrecía o cosco dos xergóns;"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 216, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 15 de diciembre de 2014

Máis afouto e grave pro menos garimoso

"Polo cuio os compañeiros, que tiñan vido dafora pra proparar as reunións comarcais, co paso do tempo íanlle facendo grande sona nas súas bisbarras, e cando estivo a delegación do Bierzo pra as xornadas interrexionais ( a primeira vez que a miña irmá falara pola Juventud Socialista de A.) xa comenzaron  de lle chamar "compañera", que dito en castelán ouvíase máis afouto e grave pro menos garimoso".

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 211, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

domingo, 14 de diciembre de 2014

Un coñón sin remedio

"e aquela mesma noite pegou na casa o grande lume que por pouco non leva a rúa de San Pedro coas súas dúas casas de sillería, tres de perpiaño e as demais de pallabarro, até vinte;

  e  o Paco Dimas, que era un coñón sin remedio, mandou dende Buenos Aires un parte que saiu no El Progreso: "Enhorabuena salutífero auto de fe, sin seguros de incendio, en perjuicio de Satán y de don Gamaliel Perreibay, droguero de esa plaza, pío Presidente Adoración Nocturna", que era o dono do vedraño casón onde tiveran forno, dende facía un século, os tres Pacos Dimas, todos bos cristiáns de conduta; tamén o derradeiro, que era ateo de coña e por andacio)."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 208-209, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 13 de diciembre de 2014

Con acetre, hisopo e farolóns

"E como pasaba o tempo e a casa non se daba alugada, fora o sobradito cura novo de Santa María la Madre, de moita cruz alzada e sobrepelliz, cos miróns que decote había pra todo en A., e coas tantísimas beatas de sempre que somellaban xurdir de embaixo das lousas da rúa;

 e con acetre, hisopo e farolóns, como si fose o viático, que cando chegaran á casa baleira dos Dimas xa formaban procesión."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 197, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 12 de diciembre de 2014

De coña as cousas de enriba

"Todo o seu desgoberno e perda viñéralle desque chegara o párroco novo de Santa María la Madre (un fillo do rico masidao "Porcoteixo", o dos embarques pra as Américas) que estudara en Roma, e colleulle a teima de perseguir ao Dimas sin lle dar folgos porque se gababa de ser ateo, que máis que ateo era un pavero que tomaba de coña as cousas de enriba;

 e facía, tamén de coña, uns bonecos de pan cocido, con santos e santas cometendo desvergoñas, que logo andaban por eí, tan escandalosos e porcachóns que até lle parecían mal aos outros descreídos"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 207, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 11 de diciembre de 2014

Chovese ou xiase

"Viñan todos os sábados despois de cear, de vrau e de inverno, sin faltar ningún, chovese ou xiase. Tamén viñan algúns días de festa, ao solpor. Non fallaran nin aquil sábado que pegara o grande lume (durou até o luns) na casa dos Dimas, que a pouco non levan toda a rúa de San Pedro.
  
O Paco Dimas tiña alí o forno, que xa lle viña dos bisavós, e facía o millor pan de A., que até o mandaban buscar das vilas de arredor pra as  casas de moito señorío e fincabilidade, aínda das que tiñan forno de seu."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 207, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 10 de diciembre de 2014

"El arconte"

"e cada vez que saía no xornal "el arconte", tododiós sabía que era o señor bispo, e cando puña "el preboste", xa se sabía que era o gobernador, e cando puña "obsecuentes" eran os caciques das vilas, e cando puña "refugallo" eran os concellais de A.

-¡E non hai nin un sin defectos, probes criaturas, chico! (Isto de "chico", quedáralle de cando fora estudante en Madrid).

-¡Verdadeiramente probes!- ecoaba o xastre Cuanda que nunca lle levaba a contra;

(pequeneiro, gordecho; El Eco del Calvario chamáballe don Quijote e Sancho e tamén Bernaldino e Cacaseno...)"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 200, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 9 de diciembre de 2014

Os pleplas

"(Sabíase do Nicolasín Balvanera, "D´Artagnan", que escribía "De Sociedad" no El Eco del Calvario, que cobraba a soldada de dúas amas de cría da Inclusa. E cando pasaban por alí os pleplas de A., que eran da pel do diaño, fose ou non fose coa noiva ou cos cabaleiros da Comisión Provincial de Monumentos, púñanse a nifrar como miniños e a deciren "teta", "teta")"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 198, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 8 de diciembre de 2014

O salitre amoreando nos pulmóns

"os masóns eran uns que mandaban roubar miniños ben mantidos e sacábanlles as manteigas pra as fragas do reuma e dos torzóns, e bebíanlles o sangue aínda quente pra as doenzas do peito, que moitos fillos dos ricos andaban inzados do mal canso, pesia a tanto como comían, e morrían da tos e das callenturas, que até se decía dos fillos do Freire, o xamoneiro da Pontevella, que morrían un a un, disque de papar tanto xamón, que se lles ía o salitre amoreando nos pulmóns até non lles coller o áer neles, e deso morrían"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 197, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

domingo, 7 de diciembre de 2014

Olludos, esfameados

"Paráranse a considerar, como si fosen forasteiros, o paso dominical dos nenos do Hospicio que desfilaban pola rúa do Progreso, olludos, esfameados, contrafeitos, vestidos con mandiliños do coor borrallento, rabelos, que deixaban ao áer as canelas (as medias descolgadas), amoratadas co frío de todos os invernos da súa vida.

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 196-197, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 6 de diciembre de 2014

Así agradeces

"Que si cadra, despois duns poucos anos, víanos pasar (cando as monxas os sacaban pra a raxeira do sol nos domingos de inverno  pola carreteira de Celanova, , ou pra a Alameda do Cruceiro no vrau) pensando en que calisquera diles podía ser o seu fillo, que é moito de pensar o pensar que tamén un mesmo pudo...;

  como lle dixen ao Paquito, un día que se anoxou coa nai e me dixo:"si ela non tivese sido puta eu non tiña por que ter nacido sin pai"

  e a min amolume moito, porque a nai non vivía máis que pra il, que nin se quixera casar, que poder pudo;

 e fun e díxenlle: "así agradeces que a túa nai non te metese no torno"."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 195-196, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 5 de diciembre de 2014

Aquil torno pra botar de noite aos nenos

"que despois de ter lido todo aquelo, decateime, un día, de arrepente, que en A. había tamén Inclusa, isas verbas que se oien e non se oien, ou non se lles colle o sentido: "ise é da inclusa", "somellas terte criado con leite da inclusa", até que un día, vai un e cae na conta;

  i eu caín na conta que en A. había unha Inclusa, igual que as que viñan nos dibuxos de El Motín, ou sexa aquil torno pra botar de noite aos nenos;

  que era de non crer, que en A. onde todos nos conocíamos, houbese mulleres que foran de noite a aquil recantiño escuro, con tres arbres baixos, a carón da capela das freiras das Mercedes..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 194, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 4 de diciembre de 2014

Millor e máis axiña

"e que cando comprise os dezaseis, que xa só lle faltaban tres meses, íase apuntar na Juventud del Partido, e adeprender a escribir nos xornais e falarlle á xente dende o balcón do Centro das Sociedades Obreras, que si xa se estrevía a miña irmá a falar nas reunións il como home teríao que adeprender millor e máis axiña."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 191-192, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 3 de diciembre de 2014

Morra o conto

" que o Vértigo dixo que fora o cóengo Riobóo, que parara ao rapaz na rúa e que lle dira trinta reás pra que rachase as láminas, cantas máis millor, que o pai é o sancristán da Trinidade; i  El Eco del Calvario dixo que todo eran trolas dos masóns, que ninguén rachara nada; e foi don Xaume coas láminas rachadas e unha declaración escrita de escribano; e nin lla deixaron ler, nin menos a puxeron no xornal; e houbo que amocarse, e morra o conto, porque isto fora no tempo dos conservadores, e había que agardar que os liberais volvesen, anque ás veces tamén..."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 188, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 2 de diciembre de 2014

O ataúde agardaba

"Blanco Amor tamén fora para alí. Morrera en Vigo na madrugada do día 1 de decembro e o seu cadáver foi trasladado doce horas despois ao Hospital Provincial de Ourense. Pasou o día e a noite seguintes  nun corredor do depósito. Ás oito da mañá do día 2 foi trasladado a un dos negociados (do Concello) e, durante dúas horas, velouno unha improvisada garda de honra.

 Aquel negociado non era un bo sitio a pesar de prumaxes e galas. Houbo presións para levar o cadáver ao Salón de Honra (do Concello) e corrixir o desaire da noite pasada. "Nin siquera Risco ou Otero estiveron alí"- berraron algúns-. "Tampouco estiveron debaixo dun calendario agrario ou dun anuncio de Nitrato de Chile, nin tiveron a bendición  do capuchino dos pronósticos", ironizaron os máis cínicos.(...)

 "...ollábamos os movemento cada vez máis nerviosos na porta do Concello. A xente apiñábase e o ataúde ía saír dentro de moi pouco. (...) A caixa, ao lombo de voluntarios, viña envolta na bandeira galega e nas radicacións de rezos. O crego, o hisopo nunha man e os libros dos rezos na outra, tiraba do cortexo.

lunes, 1 de diciembre de 2014

Diagnóstico: Infarto de miocardio

"O 30 de novembro (de 1979), despois de pasar a tarde cuns amigos, EBA baixa á rúa Urzáiz, cara ao porto. Vai frío a aquela hora de modo que leva as lapelas da chaqueta, arranxa a bufanda e apreta o paso. Colle por Policarpo Sanz, atravesa a rúa nun paso de cebra, é raro, báilanlle as franxas brancas, como se de pronto aboiaran sobre o asfalto, e xa na beirarrúa sente a primeira galgada do corazón, súbita, acompañada dunha repentina calor. Albisca o hotel a tres pasos e anímase. Non pasa nada, a calor esfúmase, e continúa sudando. Non é nada. Pero cando entra no vestíbulo do Hotel Nilo está pálido e case afogado. O conserxe de noite asústase, obrígao a sentarse uns minutos, fálalle dun médico. Non graciñas, estou ben, cousas da vellez, desculpe.