jueves, 31 de agosto de 2017

O desmentido

"Esperou tres días a que aparecera o desmentido. Ao cuarto púxolle un billete ao director pregándolle que pasara por Palacio. Mentres agardaba por, Ilustrísima pensou que ignoraba casi todo sobre aquel home de quen os seus amigos eloxiaban a sua probada fidelidade á Igrexa e a sua non menos reconocida piedade."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 97.

miércoles, 30 de agosto de 2017

El Señor a veces válese...

" -O cinematógrafo facía moito mal. A Santa tivo revelacións. (...)

  -Erro ou non -proseguíu Ilustrísima- esixo unha rectificación pública. Esta mesma noite vou remitir unha nota aclaratoria ao señor director de La Verdad. (...)

  -Digo que anque a nota de condena do cinematógrafo se deba a un erro, podía ser esa a vontade do Altísimo. El Señor a veces válese..."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 93-94.

martes, 29 de agosto de 2017

A non poucas conciencias

"Mentres agardaba polo fámulo tivo un pensamento de piedade para o italiano do cine e a sua dona. (...)

  Cos ollos voltos para a mesa próxima aonde sinalaba o bispo cun xesto e sobre a cal se extendía La Verdad, don Xenaro apenas acertou a decir:

  -Nunca me contéi entre os enemigos de Ilustrísima.

  -Agradeceríalle que contestase á miña pregunta.

  -Ignoro todo sobre ese tema. Quizáis se trate dun erro do propio periódico. O cinematógrafo tiña escandalizadas a non poucas conciencias."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 91

lunes, 28 de agosto de 2017

Da calma mañanceira

"Saíu correndo, deu un par de voltas sin norte, abríu e pechou a porta da alcoba varias veces e por fin entrou no oratorio privado de Palacio. Unha pequena lámpara de aceite iluminaba aos poucos a escuridade barroca do interior. Un frio pechado e vello acentuaba a soedade conxelada da igrexa. Do alto da cúpula caía un rumor de paxaros medoñentos que rebotaban contra o silencio de pedra dos muros e do teito. Nin uns soio ruido chegaba da calma mañanceira  na que aínda adormecía o pazo a aquelas horas."
 
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 87-88.

domingo, 27 de agosto de 2017

Unha veciña da cidade

"Unha veciña da cidade que firmaba "Devota" confesaba ter sandado dunha enfermedade desauciada. A cousa ocurrira despóis de visitar a mais de oito médicos, pasear as suas doores polas augas de cinco balnearios e tomar centos de potingues e preparados de botica sin resultado algún. (...) "Devota" prometía ir de xionllos desde a sua casa hasta o convento.

 (...) Entón acordouse da Santa e prometeu dar catro mil reás e un porco á comunidade do convento."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 82-83.

sábado, 26 de agosto de 2017

A hora dos periódicos

"Apurou o rezo de Angelus pensando no placer da lectura que agardaba. Ilustrísima sentía diante de periódicos e revistas unha ansiedade golosa, unha curiosidade excitante que lle procuraba alegrías secretas. (...) A hora dos periódicos era unha das mais fermosas do día. Retrasábaa hasta media mañá para facela coincidir coa parva: pan fresco e tacos de xamón duro cun fondiño de tinto de Amandi. Ás once e medio en punto cunpríase sin falta aquelo que para el era unha especie de milagre cotidiano e doméstico."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 77.

viernes, 25 de agosto de 2017

Langueceron nos seus ollos

"A monxa saíu chorando. Ilustrísima mantivo aberta a porta hasta que víu chegar á escaleira principal. Camiñaba de presa. Desde alí volveuse a mirar. A tristura, quizáis a lástima infinita que naquel momento langueceron nos seus ollos, fixeron mais tebregosa aínda a escuridade centenaria dos interiores do pazo episcopal."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 76.

jueves, 24 de agosto de 2017

Eu non teño costume

"-Que preparen unha tila.

 E sin darlle opción a Sor Sabina para que protestara, engadíu:

 -Traia tamén un par de piscolabis.

  Aínda chorosa, a monxa iniciou un movemento de protesta nos labios que o bispo cortóu rápido:

 -Xa sabe o que di Santa Teresa sobre os pucheiros. Teño un xamón ben curado que mesmo alegra o corazón. Con pan fresco do forno da "Canóniga" e un vasiño de viño, arastoras axudarános a ver as cousas con mais serenidade.

  -Eu non teño costume -dixo Sor Sabina. Ademáis -engadíu- estou segura de que o meu confesor mo reprocharía."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 73-74.

miércoles, 23 de agosto de 2017

En breve e polo directo

"E como a tal se dispuxo a escoitala. Nin siquera o longo cincunloquio que fixo antes de entrar directamente no tema que a levara hasta Palacio e no que el presentía a influencia do confesor da monxa, chegou a irritar a Ilustrísima, sempre en garda coas persoas incapaces de decir as cousas en breve e polo directo."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 71.

martes, 22 de agosto de 2017

O landó para as primeiras horas

"Cos ollos perdidos na claridade da fiestra recén aberta preguntoulle ao fámulo polas demáis audiencias da mañá, quixo confirmar antes un par de informacións sobre asuntos económicos relacionados coa despensa do Seminario e deulle ordes de que prepararan o landó para as primeiras horas da tarde: iba visitar aos enfermos do hospital. Logo dixo:

  -Faga pasar a Sor Sabina."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 69.

lunes, 21 de agosto de 2017

A sombra inquientante do lectoral

"E sin mais, ergueuse e deulles a bicar o  anelo. Acompañounos hasta a porta e mirounos desaparecer, as cabezas gachas e toda a anguria do mundo pousada como un saco sobre as costas, na escuridade húmeda e vella de Palacio. Ilustrísima regresou á sua mesa, tomou unhas notas, extendeu logo os polvos de secante sobre a tinta fresca e encamiñouse cara á fiestra. O sol marcaba no ceo o punto exacto do mediodía. Varios funcionarios da Facenda, ceremoniosos e barbudos, falaban diante da Delegación, na acera de enfrente, xusto na esquiña da Rúa da Ponte. Pasaba un carro cargado de sandías. Arrimada ao muro de Palacio marchaba, apresurada e tráxica, a sombra inquientante do lectoral."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 67.

domingo, 20 de agosto de 2017

Imaxinaban a cidade plagada de antros

"A este respecto tíñanse noticias fidedignas, que un elemental sentido da discreción aconsellaba non explicitar, de que no Cine Barbagelatta da cidade se tiñan producido situacións que a simple referencia á palabra orxía calificaba sóio aproximadamente e con certa indulxencia.

  Na parte final, os teólogos recollían noticias e rumores sobre determinadas películas que xa se proxectaban no extranxeiro e que incluían porcalladas e indecencias, e especulaban verbo do futuro. Imaxinaban a cidade plagada de antros como o que xa existía, multitudes amoreándose diante das suas portas pelexando por entrar, familias arruinadas, mozos idiotizados, nenos prematuramente encadeados a aquel novo vicio, roubos e atracos para poder mercar o boleto de entrada..."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 65-66.

sábado, 19 de agosto de 2017

Xa non saio á rúa

" -Eu -dixo o velliño sorrindo e sin apenas erguer a voz- pouco teño que opinar. Xa non saio á rúa e ignoro qué cousas ocurren na cidade. Gustaríame dispor de datos  que neste momento non poseo. Coido que o señor lectoral, que ten estudiado o tema, debía informar antes para que os demáis nos podamos formar unha opinión recta e ben fundada."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 62.

viernes, 18 de agosto de 2017

A máscara altiva

"Durante uns momentos, bispo e coengo desafiáronse cos ollos, pero puido mais a determinación teimuda e fría do lectoral que o orgullo e a máscara altiva do prelado. Cando éste desviou a ollada a través da fiestra en dirección aos choupos do río, don Telesforo tomou a palabra.

  -A verdade é que nos gustaría conocer a opinión de Vocencia en relación co último informe sobre cuestións urxentes para o bon goberno da diócesis.

  -¿Refírese o señor lectoral ao asunto do cinemátografo? - preguntou o bispo.

  A pregunta non requería resposta.
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 61.

jueves, 17 de agosto de 2017

O viaxe de volta

"Ilustrísima ergueuse entón e dirixíuse cara a porta para evitar a aglomeración do final. Agardou alí de pé a que rematara a función e despóis, coa gorra ben metida hasta as orellas, iniciou o viaxe de volta. Marchou por onde viñera. Ao pasar por diante da igrexa dos franciscanos non puido evitar o xesto casi mecánico de santigarse. Mirou para os lados para cerciorarse de que non fora descuberto e coas mans metidas nos petos perdeuse na escuridade protectora da Rúa dos Paxaros.

  Xa en Palacio, mentres tomaba notas sobre o que viña de ver, aínda coa emoción nos ollos e no peitos, sentíu que o fuxido apetito anunciaba a sua chegada de xeito violento e imperioso. Dispoña dun par de libras de chocolate, pero ao día seguinte tiña que misar."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 58.

miércoles, 16 de agosto de 2017

Unha locomotora

"E de repente, a maravilla. Unha locomotora lanzada a toda velocidade contra a sala provocou pánico e desbandada. A xente empezou a correr e a berrar. Algúns trataron de abrir a porta. As mulleres choraban. O tratante escondérase debaixo do banco. O can ladraba. Un vello pedía socorro. Durante os dous minutos que durou a proxección da cinta, a sala convertíuse nunha especie de feira, na que resultaba imposible atender ás imaxes que se reflexaban sobre a sábana. Cando no medio de aquel barullo descomunal se fixo de novo a luz, Barbagelatt puido convencer non sin traballo á concurrencia de que non pasaba nada e de que volvera cada un ao seu lugar. Logo, sin perder en ningún momento a sua compostura teatral, pedíu disculpas recitando de coro as seguintes palabras:

 -Ha sido un grave errore, un imperdonábile errore mío, non advertire al público que hoy nos honra con la sua presencia, del realismo de las imágenes que íbamos a ver. Pido perdón. Nunca más volveremos a caer en tan pericoloso proceder."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 56-57.

martes, 15 de agosto de 2017

Xa as portas do Cine Barbagelatta

"Camiñando pola rúa ríase de si mesmo, preguntábase que qué lle parecería ás persoas que se cruzaban con el. Quizáis tiña aspecto dun insignificante home do comercio ou de vilego en visita nouturna á capital. Ao chegar á Praza da Leña torceu por debaixo dos soportales en dirección á Alameda, procurando alonxarse o mais posible do Caleixón dos Peligros, anque para eso tivera que dar unha volta bastante grande. (...)

  Xa as portas do Cine Barbagelatta estivo a punto de renunciar. (...) Ilustrísima buscou no peto, sacou un real e depositouno na man sarmentosa do italiano. Coa cabeza gacha entrou no barracón. Deseguida se decatou de que tanta preocupación non estaba xustificada. (...)

  O barracón, de piso terreo, víase que fora un antigo forno. Contra o fondo, enganchada cunhas cordas a unha trabe, caía unha sábana vella de liño, casi amarela."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 52-53.

lunes, 14 de agosto de 2017

A polémica

"Ilustrísima gozaba xa imaxinando a polémica que iba vir. Vía ao lectoral camiño do seminario a consultar co profesor da asignatura, á percura de argumentos que demostraran a posibilidade científica do milagre. (...)

  Pola páxina de sucesos atravesaba, cintilante e crispada, a sombra de Caín. Na parroquia de Vilar de Santos, Pedro Barrio, natural e veciño do lugar, de cincuenta anos, de profesión capador, solteiro, fora detido pola Parella acusado de ser o responsable da morte do seu irmau Paco, corenta e oito anos, pai de cinco fillos, ferreiro de oficio, veciño da mesma parroquia, con domicilio no lugar de Casás."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 48-49.

domingo, 13 de agosto de 2017

Á sua levitación

"El Liberal dedicáballe un artículo en páxinas interiores a Sor Sabina e á sua levitación. Firmaba Kepler. Ilustrísima detívose un momento a pensare en quén se podía esconder debaixo de aquel seudónimo (...) Aos oitos, empezou a sospeitar do catedrático de Física do Centro Provincial de Instrucción, un volteriano carraxento e amargado por un amor non correspondido.(...) 

  Empezaba Kepler aludindo a "cierto antro insano que en nuestra ciudad sirve de refugio a femeninas frustraciones y que si en este país rigieran las elementales normas sanitarias que rigen en el extranjero, sería clausurado por simples razones de higiene espiritual... y de la otra". Naturalmente, que o autor se refería ao convento."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 46-47.

sábado, 12 de agosto de 2017

A campaniña de prata

"Ilustrísima saíu de alí cunha forza interior que había tempo lle faltaba. Atopou no patio ao cocheiro de Palacio ferrando o cabalo pedrés de paseo e púxose de leria con el. Despóis subíu ao comedor e pasou o desaúno con facilidade, tomou unha copa de viño quinado e fixo sonar a campaniña de prata para que lle trouxeran a prensa do día. Entregáronlle La Verdad e El Liberal,  este último sin o título. (...) La Verdad dedicáballe o editorial ao mesmo tema e por entre a frouma dunha adxetivación frorida e afiada, puido adivinar o bispo os ollos fríos e miopes do seu lectoral."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 44-45.

viernes, 11 de agosto de 2017

De xionllos ante el

"En realidade non sabía ben se o que quería era gozar da gracia reconfortante da reconciliación ou simplemente ser escoitado, confiarse a alguén. Pasou á catedral a través do patio interior, espiou desde as puntas dos pés para ver se estaba libre o penitenciario e alá foi, sombra entre outras sombras, a caer de xionllos ante el. (...)

  Vivía retirado, preparando o ceo na incomodidade ascética dun cuarto pequeno e escuro que ocupaba na parte alta da catedral, e somentes recibía a visita aillada e secreta de algún gran pecador que acudía a percurar o perdón e o consolo."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 43-44.

jueves, 10 de agosto de 2017

Unha bandeira branca e verde

"Ao fondo, á sua dereita, extramuros da cidade, no barrio alto de Vilachá, medio aillado entre casoupas de pallabarro, o Cine Barbagelatta. Sobre o seu tellado, unha bandeira branca e verde. Era unha chamada. As tardes dos domingos podíase ver desde a fiestra do despacho de Palacio unha riada de xente subindo pola Rúa do Pote para desembocar, curiosa e festeira, no Camiño Real. Alí agardaban, a veces durante mais dunha hora, a que lle abriran as portas. Despóis engurraban uns contra os outros, como se unha urxencia secularmente retrasada se fixera de repente imperiosa e inaplazable."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 41.

miércoles, 9 de agosto de 2017

Pola Carreira da Dama

"Torcendo pola Carreira da Dama camiño dos sucalcos da Alameda, iba Ilustrísima pensando en vellas lecturas. Non podía recordar sin un estremecimento interior o libro primeiro dos Macabeos. E non lle impresionaba tanto a interminable lista dos crímenes alí relatados: mulleres destripadas, nenos pendurados polo pescozo, homes degolados..., como a enumeración das ordes e proibicións que motivaran tanto sangue. (...) Entre os berros apagados dos mozos que se bañaban no río, chegoulle a Ilustrísima un recendo a cousa pacífica e viva. Aproveitóu para facer un alto e mirar con calma arredor."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 39-40.

martes, 8 de agosto de 2017

A Ponte do Crime Noxento

"Ao chegar á Ponte do Crime Noxento, detívose o bispo a rezar un responso polas víctimas da última carlistada. Sete veciños da cidade, entre os que se contaban un abogado, duas mulleres da vida, un carpinteiro, un zapateiro e dous labregos, foran alí bárbaramente asesinados. Sacados en secreto de noite das suas casas, padeceran antes de morrer horribles tormentos. A dous arrincáranlle os ollos en vivo, ás mulleres cortáronlles os peitos, a un dos labregos fundíronlle a frente a culatazos... Apareceron ao día seguinte guindados no arco maior da ponte. Desde aquela había homes que preferían atravesar o río mais embaixo, por riba dos pedrouchos enxoitos da presa."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 39.

lunes, 7 de agosto de 2017

Unha patuleia fantasmal

"O ano anterior fora mal ano. Un inverno seco, somentes rico en fríos e xeadas, trouxera fame. Da montaña baixara unha patuleia fantasmal de homes e mulleres esfarrapados que invadiran a cidade. Instaláranse debaixo dos soportais da Praza da Constitución, cos vellos e os nenos deitados polo chan, pechados nun silencio dramático, alongando a man suplicante cara a xente que pasaba."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 38-39.

domingo, 6 de agosto de 2017

Chea de mozas bañándose

"Camiñando por entre os choupos e os amieros, quizáis traído polo recendo de lembranzas de outro tempo, sentíu que os ollos descubrían de novo o entusiasmo das cousas, a limpeza do aire e o cantar satisfeito dos paxaros. Pero por pouco tempo, porque ao se achegar á acea, desde o coiñal, puido ver as pas da roda paradas e cheas de xuncos e pamplina, e acordouse do dito da sua nai: "Cando a acea está parada, non dá proveito nin gana nada." Despóis torceu outra vez cara o interior para non pasar por diante da presa, que naquelas horas adiviñaba xa chea de mozas bañándose.

  Nas leiras andaban agora coa recollida das patacas."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 37-38.

sábado, 5 de agosto de 2017

De palique

"Despóis baixou rápido polas escaleiras do patio interior, atravesou éste cara a corte dos cabalos, abríu a porta de servicio do cocheiro, mirou con tento por ver se había fóra xente conocida e saíu á Rúa de Arcedianos. Na entrada da catedral estaban de palique algunhas sotanas que o medo a ser descoberto e a distancia non lle permitiron identificar. Cruzou a rúa para se protexer mellor da curiosidade dos que alí falaban e baixou en dirección ao río."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 37.

viernes, 4 de agosto de 2017

O badalear das campás despertando á cidade

"Por primeira vez en moitos anos non puido reconocer a ledicia das primeiras voces do día multiplicándose polas rúas, o cantar das pescantinas debaixo da fiestra ás sete da mañá ofrecendo un peixe fresco que iba dispoñendo o corpo para a xornada, o badalear das campás despertando á cidade polos seus catro puntos cardinales. (...)

 Apenas tiña paseado, pospuxera algunhas visitas que adoitaba realizar neste tempo e que quedaban sempre como algunhas das lembranzas mais agradables de todo o ano e fórase alonxando en demasía dunha cidade e unha xente que na sua inmensa maioría valoraba precisamente entre as suas virtudes sobre todo o da humildade e as suas consecuencias no trato sinxelo e campechano."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 36.

jueves, 3 de agosto de 2017

Silenciosa e en paz

"Agardou hasta pouco antes da hora de xantar. Uns pasos apurados subindo as escaleiras de pedra convencérono de que se achegaba o momento, pero non tardou en decatarse de que se trataba de xente de servidume de Palacio que corría a auxiliar ao cociñeiro con algunha compra urxente de última hora. Pola tarde empezou a siesta intranquilo e desacougado, pero ao fin puido dormir. O resto da tarde transcurríu silenciosa e en paz."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 33.

miércoles, 2 de agosto de 2017

Da sombra amantiña da parra

"Impedido e enfermo, parviño na sua vellez, aquel home xa non estaba para asumir responsabilidades. Fora o único amigo que Ilustrísima fixera na cidade. Asisado e cordial, bondadoso e culto, gostaba da cháchara instrascendente e gozaba coas horas mortas que o seu ministerio lle deixaba. Ámbolos dous tiñan pasado fermosas tardes de vran paseando pola horta de Palacio, botándolle un pulso a Virxilio debaixo da sombra amantiña da parra do merendeiro ou medindo as forzas coa revirada prosa de Salustio. Bispo e vicario compartían unha mesma paixón pola literatura."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 32.

martes, 1 de agosto de 2017

Por entre as bambinelas

"Gustáballe mirar a rúa e o campo por entre as bambinelas. A vista que desde alí se lle ofrecía, recordáballe a que podía contemplar a través do balcón da sua casa de Mondoñedo. Ao lonxe, por riba dos tellados, o río e os choupos. Mais perto, un ir e vir de xentes enloitadas e tranquilas, pequenos coros de cregos e coengos facendo tertulia no medio da rúa e nenos e nenos xogando con aros e con paus, saltando á churra o botando a sortes os papeles de Xusticias e Ladróns."


Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 31-32.