lunes, 31 de agosto de 2015

Pé do Miño

"Lembrábase da febre con que percorrera a plataforma da torre; os tristes e melancólicos sosegos baixo as caracochas, as contemplativas vaguedades pé do Miño, e os terrores da sala de respeto, cando vía os carcomidos retratos dos avós destacarse máis sombríos, máis ameazadores, como se quixesen fundilo na espesa capa de po e balor amontoada nos marcos dos lenzos."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Redimido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.112

domingo, 30 de agosto de 2015

Pé da torre

"...porque o lance que motiva estas liñas ocorreume en Xinzo.

  Saímos para alá ó outro día ben humorados e contentos, atopamos no camiño bos compañeiros que agardaban por nós, e xuntos pasamos pé da torre de Sandiás que reflexa a triste e venerable silueta nas desertas e mortas augas da lagoa de Antela."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103

sábado, 29 de agosto de 2015

Ás risoñas paisaxes da campía ourensá

"Ás risoñas paisaxes da campía ourensá, sucederon as arideces da serra, ata escomenza-la baixada e ve-la prateada cintna do Arnoia, bicando ós pés de Allariz, que coas súas vellas casas de pedra renegrida, en costa, e o seu antigo convento, ten ese aspecto señorial e severo das vilas nas que se refuxiaba a fidalguía do contorno."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103

viernes, 28 de agosto de 2015

Estrada adiante

"Estrada adiante, botamos un taco en Taboadela, subímo-la costa á pé polo interminable atallo que, segundo o que tocaba a frauta, parecía o maxín de certo picapreitos, polo engrilada e sen fin, e chegamos ó alto renegantes e sudosos, abafados de calor que a fresca brisa da montaña foi atemprando."


Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.103

jueves, 27 de agosto de 2015

A corre-lo Entroido

"Eramos uns corenta rapaces os que aquela mañá de Febreiro collemos pouco menos que por asalto catro coches, dispostos a corre-lo Entroido polas vilas da provincia. A maioría preparábase a non deixar san un corazón de quince primaveras, tales a certifica-la bondade de tódolos viños, outros a escorrentar ou esquencer un momento as súas coitas ou as súas perpetuas amarguras; todos alegres, ditosos, animados, pensado nas cintas e lazos que á volta lucirían polas rúas de Ourense adiante, como trofeos de conquista.

  Estralaron as trallas, xemeron os coches, cantaron uns, tocaron outros guitarras, bandurrias ou pandeiros, e botamos para adiante, camiño de Allariz."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "De Entroido", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.102

miércoles, 26 de agosto de 2015

Ós escuros pozos de abaixo

"Da outra orela, algunha mancha cor de rosa; e nos currunchos das valgadas vense ondulacións da auga, coma se as máis tímidas se escondesen alí para batuxar no río sen estorbo de lenzos...

  E por todas partes o espacio énchese de alegres barulladas, de ruído de chapoteos que leva o río do ouro en caladas ondas ós escuros pozos de abaixo, onde a auga negra, escura, garda silencios de morte, insondables fondos que reflexan as ríxidas siluetas dos penedos coma aterradoras pantasmas, e non se oe barullada de rapaces, nin chega o sol, nin o río reflexa carís de graxos, encantos de muller, nin cores de follatería."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.86

martes, 25 de agosto de 2015

Pela de manteiga

"Entre as fochas dos penedos vense relumbrar ollos outeadores de descoidos, e elas, créndose soas, deixan asomar tal ou cal branca pela de manteiga que a luz viva irisa de nacre, algunha perna de tentadoras liñas, ou algo máis que derrete ós curiosos ocultos.

  Ás veces descóbrenos, e ármase un barullo do deño, córrenos á croiazo limpo, berran, insultan, rifan e pouco despois volven eles a paso de lobo ás andadas."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.86

lunes, 24 de agosto de 2015

Nas orelas, veñen os xogos

"Despois, nas orelas, veñen os xogos: bótanse a auga a presas, lévanse a barbacán, cóllense polas pernas, danse fortes e doídas azoutas, os desprevenidos toman duchas, os pequenos choran e os grandes rin; pero todo cheo de barullo, de berros, de frescura.

  Polo arco maior vese, río arriba, o coiñal do pozo de San Xoán, cheo tamén de rapazalladas, e, máis acá, o baño das mulleres, un formigueiro de rapazas, de túnicas escuras nas que destacan as brancas sabas: alí abouxan os berros das medoñentas e os choriqueos dos pequeniños."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.85-86

domingo, 23 de agosto de 2015

Un feixe de rapazallada miúda

"Máis alá, o sol ilumina un feixe de rapazallada miúda, que tendida na area, co lombo ó sol, ri e xoga mentres o calor fai neles o mester da saba. Entre o branco mate da pel aseñoritada cuberta de lenzos onde debe, salientan os tonos escuros da graxería, e contrastan os enganidos membros coas poderosas nádegas, os delicados contornos coas precoces sombras.

  Érguense todos de pronto, corren e caen no río coma unha manada de píllaras: vense as loitas por chegar antes, orladas de escuma; os risos, os berros atroan, as augas tórcense neles, e naquel algueirante chapoteo desbórdase a xuventude, e a vida envolta nunha onda de lume."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.85

sábado, 22 de agosto de 2015

De pé no máis saído rochedo

"De pé no máis saído rochedo, érguese un rapazote espido, de carne morena, da aldea, ben feito e debuxado, que tapa coas mans o que pode, e outea receoso para os rapaces máis pequenos: chímpase do penedo abaixo, estralan as augas, escúmanse rabiosas, burbullean, e algunhas brazas alá, resurxe unha agraxada cabeza que sacode as negras crechas e vólvese meter de sulago coma un parrulo da Limia."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.85

viernes, 21 de agosto de 2015

O sombrizo pozo

"As dúas estradas espreguízanse pola conca e van morrer na revolta que fai o sombrizo pozo Maimón, e o río corre maino, sereno, profundo ás veces, ás veces algueirante e prateando nos coiñais.

  Pé da ponte, nos brancos penedos, báñanse os rapaces.

  Sobre o azur do río destácase o fresco das carnes coma unha nota viva, alegre, que anima a soidade da ardente paisaxe."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84-85

jueves, 20 de agosto de 2015

Da beira de acó

"O casarío de Canedo, ben alumiado polo sol, loce as vivas cores das casas novas, trónzase pola vía que corre río abaixo saltando as valgadas, e beira do río téndense os soutos de amieiros e sanguiños en verdes alamedas.

  Da beira de acó, antes de chegar á aldeíña de Reza, o convento de Ervedelo, deitado no monte entre pradeiras e piñeirais, parece unha paisaxe de Nacemento, e o pelado monte das Neves limita o ceo coa súa ermida solitaria e vella."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84

miércoles, 19 de agosto de 2015

O sol cae de plano sobre o río

"O sol cae de plano sobre o río coma unha queimante marea de lume, enchendo a paisaxe dunha luz viva, forte, poderosa, media velada polo brancuxo tul da canícula.

  A xigantesca ponte tende os lixeiros arcos de pedra picada coma xeitosas arcadas de templo gótico, e polo atrevido arco maior pasan coma lóstregos, chirlando, os vencellos, as andoriñas e as lagarteiras.

  Métense os primeiros nos buracos, rasan as segundas as azuis augas para remolla-las plumas, e o gavilán sobe e sobe furando o ceo en espirais para mirar dende as nubes a cidade de Ourense, adurmiñada na sesta."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "No Miño", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.84

martes, 18 de agosto de 2015

Louros coma seixos

"Pendurados das paredes, víanse algúns cadros. Unha parella de namorados vogando nun sereno lago; despois, a mesma parella xogando nunha barquiña con dous meniños louros coma seixos do Miño; máis alá, xa vellos, lendo unha carta, a do fillo mariño; e por fin, velliños de todo, mirando aparvados para os netos..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "A lámpada rosa", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.70

lunes, 17 de agosto de 2015

Os ollos dourados coma o sol

"Chamábase Rosa, e tiña o pelo negro como a súa vida, e os ollos dourados coma o sol de Ourense.

  Fermosa era coma unha alborada no mar, forte, graciosa e triste coma un piñeiro da ribeira, boa coma unha promesa, desgraciada coma o primeiro amor."


Francisco Álvarez de Nóvoa, "A horta embruxada", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.60

domingo, 16 de agosto de 2015

Rouco e pausado

"Deron as dúas da tarde: o eco do reloxo da Catedral chegou rouco e pausado coma sempre; o crego mirou para a súa casa que fumegaba impaciente; os máis pediron a Deus que parase o tempo; a cor marela da moribunda azulouse; os seus ollos tremaron; axitou as mans para levalas á gorxa, abarrotada de saloucos, e chamou pola filla..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Unha agonía", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.54

sábado, 15 de agosto de 2015

Con badaladas mornas, tristeiras

"Pouco tempo despois, as campaíñas da Trinidade chamaron ós fregueses con badaladas mornas, tristeiras. 

  Escomenzaron a chegar grupos de rapazallada, beatas, vellas, e case o barrio enterio baixaba despois as escaleiras do adro calado e triste: cruzou o Viático a praza, deserta e muda, e meteuse na casa.

  Fóra, de xeonllos na porta, toda a compaña rezaba sen sosego, mentres a escaleira, iluminada polos faroliños e fachóns, resplandecía de luz, pero dunha luz marela, pálida, roxiza e severa como a lúgubre cerimonia."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Unha agonía", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.49

viernes, 14 de agosto de 2015

Tal ou cal riso

"Fóra, nas xa transitadas rúas, sentíase o barulleiro ruído dos pobos que despertan, ventás que se despechan,  renxer de chaves nas portas, patexo de zocas, berros de vendedoras, conversas de criadas, tal ou cal riso de graxos sen chabola, e ás veces, nun curto silencio, o monótono ruído da fonte que, co seu arxentino siseo, parecía cobizosa de facer calar ó barullante amañecer."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Unha agonía", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.48

jueves, 13 de agosto de 2015

Canta terra achou

"Mercou beira do Barbaña canta terra achou, e alí fixo a súa casiña, e alí puxo cantos dos seus recordos de neno lle lembraban a historia do seu non coñecido amor: alí tamén había as primeiras froitas do tempo e as primeiras niñadas da Primavera; pero a súa horta non tiña valados."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Turuleque", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.33

miércoles, 12 de agosto de 2015

Nos fermosos ollos negros

"Como se despediu da María, non o conta a historia; pero si se sabe que á lista chegou feito un mar de bágoas, e que ó marchar ó embarque, volvía a cabeza mirando para a vella torre da Trinidade, pechando os puños e deixando lostreguear non sei que pensamentos nos fermosos ollos negros."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Turuleque", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.33

martes, 11 de agosto de 2015

Constante pesadelo

"Así, pois, se dos municipais e a xente de paz era o constante pesadelo, entre o pobo e os barrios da Trinidade e Pena-Vixía era, como quen di, a alhaxa dos veciños que sempre tapaban e protexían as súas graxadas e bulras ós gardas do Municipio, ou villeus, como el lles chamaba, lembrándose dos tempos de máis neno que pasara na cidade do Apóstolo."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Turuleque", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.30

lunes, 10 de agosto de 2015

¿Gustouche o conto?

"¿Gustouche o conto? Non: xa o sei, porque é vulgar, ten as cores pálidas, os perfís borrosos, e parece frotar na bretemiza noite; pero non teño vagar para facerche outro. A lámpada chisporrotea para morrer; o mixiño que durmía no meu color, ergueuse rápido ó sentir na cociña o roce do coitelo na lareira, con barruntos de vitela; e o reloxo da Catedral dá oito badaladas que van frotando na noite con sonoros e lúgubres aletexos, como chamando as almas a recollérense...

  Tamén a miña adormece, porque no tempro das lembranzas, sinto doídas badaladas chamando as bágoas... ¡tamén as bágoas teñen relixión!"

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O louco", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.20

domingo, 9 de agosto de 2015

Con badaladas mornas

"E alá, do fondo da alma, brétemas de pasadas amarguras envolven o lume dos amores, enloitan os risoños días, e fan acrecenta-las néboas das tristes lembranzas... A campá da Trinidade chama ó Rosario con badaladas mornas, a brétema desfaise en chuvia, a noite chega, o ceo enloitece sen estrelas, a última luz da alma foxe, e polo corpo séntese a friaxe das grandes angustias, das inesgotables tristuras..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O louco", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.17

sábado, 8 de agosto de 2015

As súas desnudeces

                                                                     A***

  "As primeiras rachas do corisco invernizo fan arremuiña-las abandeiroladas follas da cima dos sanguiños, facéndoas caer como bolboretas de ouro, e baten as vidreiras do meu escritorio, xemendo nas regandixas das portas.

  A paisaxe, espida da follatería do verán, vela as súas desnudeces na brétema do Miño, que, coma unha coroza de chumbo, asoballa á terra, emborranchando as lonxanías que grisean ó lonxe.

  A luz do día, morriñenta e pálida, trema fatigosa ó apardecer, aterecida co frío, e o ceo triste da neboeira parece envolve-la alma nas vagas saudades que inspiran os outonos mariñáns..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "O louco", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.16

viernes, 7 de agosto de 2015

Ela viu dores, ela viu alegrías

"Ela viu dores, ela viu alegrías; riron ó seu pé, ó seu pé choraron, e ela converteu os risos en brisa que axitara tristemente a súa copa, as bágoas en rego que lle deron seiva para botar unha folla máis, pero unha folla negra, escura, triste, e en tristuras converteu os risos e as dores, as venturanzas e bágoas.

  E, sen embargo, o alcipreste que eu vexo, con falar sempre da mesma historia, con expresar sempre unha mesma dor, a da humanidade, non é monótono: sempre ten algo novo; ningún día se pareceu ó pasado, sendo sempre igual a súa tristura..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.15

jueves, 6 de agosto de 2015

O inevitable camiño do pensamento

"Oíde o que me di esa árbore, tradicional xa na cidade das Burgas.

  Hai séculos, moitos séculos, que a sementaron: as súas tenras poliñas foron medrando, medrando, pondo un tramo máis a esa escaleira viva que hoxe toca nas nubes cobizosa de fura-lo ceo...

  Os anos, os centos de anos, foron escurecendo a follatería negra que envolve o seu xigante esqueleto: as xeadas, os orballos, puxeron ó seu redor coroas de brillantes, a neve crechas de cañas, o sol nimbos de luz, e ela seguiu negra, sombría coma unha ameaza perenne ós de abaixo, coma unha dor viva, eterna. Moitas veces a brétema arremuiñouse ó seu redor coa esperanza de borralo, e sempre inutilmente, porque o seu perfil esborroado axigantábase, medrando, ceo arriba. Moitas veces a lúa tendía riba dela a súa túnica branca, e sempre en balde: a súa silueta escura, mais vigorosa no pálido ceo, semellaba un dedo de titán sinalando arriba, sempre arriba, o inevitable camiño do pensamento."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.14-15

miércoles, 5 de agosto de 2015

As grandes conversas non teñen palabras

"Diante de min, vexo polo van da ventá do meu escritorio un alto, erguido, ríxido alcipreste destacándose sobre o ceo promizo dunha tarde de Outono. Ourense, moi abaixo, corre a bica-lo Barbaña, o río dos meus amores, e posta a xigantesca e puntiaguda árbore entre a igrexa da Trinidade, a miña non esquencida parroquia, e o vello convento de San Francisco que, riba da cidade ergue o esmochado torreón, parece semellar algo así coma un punto fixo, elevando a el as miñas olladas, os meus pensamentos; ata parece que me fala. ¿Por que non?: as grandes conversas non teñen palabras."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.14

martes, 4 de agosto de 2015

¿Como non ser galego eu?

"¿Como non ser galego eu, galego o meu libro, se no chan de Galicia teño o solar dos avós, na conca do Miño, os meus amores, o mar nas costas da Coruña, os meus días máis prácidos nas praias de Pontevedra, as miñas solitarias horas na montaña de Lugo e os anacos todos da alma nas campías de Ourense?

  ¿Como non ser galego, se a miña alma aquí espertou, aquí viviu e aquí morreu...?

  A patria dos homes é a patria do seu corazón."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.13-14

lunes, 3 de agosto de 2015

Das ardentes abrasadoras paisaxes

"...o autor, un andaluz que ó saír da terra despois de dous anos de estancia, sentiu morriña, e votou para ela, para facer nela o seu deserto e solitario niño, para nela correr dun para outro lado fuxindo de si mesmo, para ver se a alma se queda algunha vez no camiño e das salvaxes montañas de Lugo foxe ás pracidas campías de Pontevedra, e das ardentes abrasadoras paisaxes de Ourense se precipita ás Mariñas, á deloira-lo cerebro abrasado por un sol de fogo e unhas lembranzas de lume coas prácidas brisas de beiramar..."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx.13

domingo, 2 de agosto de 2015

Quedaranse mirando para vós

"...preguntade en Ourense que é unha "vacaloura", e quedaranse mirando para vós; e sen embargo, tan diferentes vocábulos designan o ciervo volante. Preguntade nas Mariñas por un "vichelocrego" e en Ourense por un "merlo galeiro", e as douradas oropéndolas quedarán sen nome; e mil outros casos."

Francisco Álvarez de Nóvoa, "Dous parrafeos", Pé das Burgas, 1896. (Desta edición, Biblioteca de La Voz de Galicia, 2002) páx. 8

sábado, 1 de agosto de 2015

Un aterido pitirroxo

"O sol fuxiu, as brétemas cobriron todo con pecho manto, e Ánxel faguía ó pé da cruz, morto, esquecido: soilo a súa cabeceira un aterido pitirroxo chiaba co frío, e aló lonxe, ouvíase a voz delorida das campás da Trinidá que tocaba ás oraciós, pro que parés se queixaban pola morte daquel que tantas veces as tocara, e !que as quixera tanto, tanto!..."

Heraclio Pérez Placer,("Ánxel") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.292)