martes, 30 de junio de 2015

Despois todo quedou en silencio

"Os cortinaxes do leito de D. Alonso acabáronse de correr, e arregrando as cabeceiras dispúñase a durmir, cando sonou un trono horribre que fixo retembrar o castelo nos seus cimentos, ó mesmo tempo que un raio raxando en mil anacos a ventana, deixaba penetrar raxa de vento que cal touro, entrou apagando a lus e derribando muebres.

  Despois todo quedou en silencio. Pola esnaquizada ventana comenzaron a entrar longas anguías de fogo que brincando e retorcéndose corrían polo leito e as paredes, e enxordecendo cos seus berros entrou bandada de corvos e noitébregas curuxas."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo do inferno") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.214)

lunes, 29 de junio de 2015

Todo era silencio

"Deron as nove; as campás do convento tocaron lugubremente, apagáronse as luces, pecháronse as portas, e pouco dempois na vila de Ourense, non se ouvía máis ruído que o da chuvia, interrumpido de vez en cando polo brando e agarimoso falar dos noivos que se arrulan cal pombiñas.

  No castelo de Castel-Ramiro todo era silencio. Faguía pouco que as enfurruxadas cadeas renxeran erguendo o ponte levadizo, e que as altas porternas se pecharon queixosamente.

  Tódolos seus habitantes estaban retirados, non sendo os vixías que nas altas torres, apreguidos co frío e trembeleando co medo, estaban enguruñados nun rincón."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo do inferno") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.213)

domingo, 28 de junio de 2015

Ó síteo onde esta se afogou

"Estonces o vello, louco, rindo a carcaxadas, rubíuse á ventana e rindo, sempre rindo, botouse sobre a filla e os dous desapareceron na corriente.

  Desde entón o pobo deulle o nome do "Puzo da Sila" ó síteo onde esta se afogou e aínda os nosos avós se persiñaban ó pasar por beira dil en mamoria da probe e fermosa nena.

  Hoxe tan soilo se escoita o rumor do vento nos ameneiros e o susurro da auga entre a espadana..."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.211)

sábado, 27 de junio de 2015

E correndo, correndo

"E correndo, correndo cos pelos desguedellados de penedo en penedo, de laxa en laxa, chegou donde o río, facendo un remanso era máis fondo, mirou ó ceo, despois á casa donde dormía o paiciño, e mostrando os puños ó castelo, lanzouse na corrente do desbordado río, ó mesmo tempo que un raio desfaguía o ceo e un trono abouxaba o mundo!...

  Ó outro día levantouse o tío Liborio e asomouse á ventana que dá sobre o río. Levou as maus ós ollos e riuse... volveu a mirar, e volveuse rir. "Seica sono", dixo... Ai! non soñaba, non, o probe vello; o que viu era o corpo da súa Sila, que fluctuaba no río baixo a ventana..."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.211)

viernes, 26 de junio de 2015

O triste marmullo do río

"¡Probe Sila!... Naide viña na súa axuda, e as súas queixas solo contestaba o Barbaña, que con monótono rumor parece facía bulra dela, e o marmullo do vento na alboreda que somellaba o sofrir da súa naiciña, que dende o outro mundo vía á súa filla e non lle podía valer... naide... naide lle valía, astra que cansa de loitar, perdeu o sentido e caíu esmaída nos brazos de D. Alonso.

  Pouco despois non se ouvía máis que o triste marmullo do río, interrumpido por frenéticos bicos e entrecortados sospiros."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.207)

jueves, 25 de junio de 2015

O seu panizo medio solto

"O Barbaña marmuraba docemente por baixo os azúes amieiros e trouleador corría por entre ramiños de cheirosas froles, que amantes dobregando o seu ramaxe, facíanelle brandiña e amorosa cama. Sentada por baixo dun salgueiro estaba Basila peinándose e xogando cos pés na auga pra escorrentar os peixes que viñan a mordela. A súa dourada crencha pola espalda solta, somellaba unha presa de frebas do sol; o seu panizo medio solto, deixaba adiviñar unhos peitos como a manteiga, e a saia refucida enseñaba unhas pernas como a neve.

  De repente deu un berro e poñéndose de pé, tapou o peito cos seus cabelos."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.205)

miércoles, 24 de junio de 2015

A moza máis feiticeira

"Andando o tempo, como dun grau de centeo sai unha espiga, así daquela rapazota saíu a moza máis feiticeira que criaron as ribeiras do Miño. Eran os seus ollos, azules como a frol do liño, e os seus cabelos dourados como espigas, parescía un anaco de ceo cando asoma entre as raiolas do sol.

  A súa cara somellaba unha cunca de leite con caraveles enriba, ou xazmís misturados con follas de mapolas. Os seus beizos eran un lariño de grana que tiña no medio en vez de dentes folepiñas de neve, e o seu lindo corpo era tan xeitosiño e dáballe tanto aire ós cadrís cando andaba, que se figuraba un ó vela que eran as espadanas que move o vento e entre as que o regato marmura docemente, e compretaba máis a ilusicón o ouvila cantar, pois parescía eran os reiseñores que gorxeaban nas espadanas, en fin pra acabar direi, que máis que unha muller era un feitizo."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.204)

martes, 23 de junio de 2015

Non había moza que lle non gustara

"Pero o fungan do trasgo, que sempre se ha meter onde non o chaman, meteuse na cabeza do rapaz, e o probe do mozo era o terror dos pais e a pesadilla dos maridos, pois non había moza que lle non gustara (estonces os rapaces das Burgas eran como os de agora) nin que lle gustara, que non fora tras dela.

  Os probes dos labregos rosmaban e máis rosmaban, pero como seu pai era o señor de forca e coitelo, tiñan que meterse a lingua entre os dentes e amocarse, e o que tiña fillas ou mulleres goapas, gardalas.

  Un destes gardadores era o tío Liborio, de quen agora vamos falar. Este bon labrego vivía onde agora están os muíños da Sila e era vasallo e tributario dos señores condes. Quedara viúvo ó pouco tempo de se casar e quedáralle unha rapaciña como un sol, chamada Basila, que como na aldea tiñan a costume de lle acortar o nome, todos lle chamaban Sila."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.203-204)

lunes, 22 de junio de 2015

Atuada algunha pedra

"Hoxe do seu castelo nin cimentos quedan; solo de vez en cando atópase atuada algunha pedra, pero o pobo sempre fel conservador das súas tradiciós, dalle o nome de "Castelo" onde este se erguía antes altivo e argulloso.

Contra soberba, humildá.

Agora onde antes se erguía a guarida da soberba, na faldra daquel monte, facendo contraste, levántase unha ermida humilde a un santiño católico, o San Benito milagroso, onde as rapazas da Burga van tódolos anos esparexer as pernas e darlle un verde ós ollos naquela carballeira, onde garridos mozos se encargan de lle quitar o tangaraño, alí entre os érbedos ás mociñas que o teñan. Pero sigamos a nosa historia.

Como dixen antes, no cima do outeiro había un garrido e altivo castelo."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.203) Nota a pé de páxina que recolle este fragmento do conto, omitido na versión do libro, pero publicado inicialmente en O tío Marcos da Portela parrafeo 145, 12 de setembro de 1886,  páxs.1-4.

domingo, 21 de junio de 2015

Un fato de malas casas

"Xa fai moito tempo que foi; a vila de Ourense, inda non era máis que un fato de malas casas, suxeto sempre  ás arbitrariedades dos condes de Lemus e Monterrei, e máis dunha vez sirviu de loita intestina entre estos dous sustentadores do despotismo e a tiranía. Entre os varios castelos daqueles señores que cheos de fárragos e pergamíos exercían sobre do pobo toda caste de abusos, contábase o conde de "Castel-Ramiro".

  Os donos dil tiñan un solo fillo chamado D. Alonso, en quen fiaban toda a súa espranza de que había de seguir honrando o seu nobre linaxe, como lle correspondía a un fillo dun conde, tan conde, como o de Castel-Ramiro."

Heraclio Pérez Placer,("O puzo da Sila") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.203)

sábado, 20 de junio de 2015

A obra maestra que Dios ten de reserva

"Fai dous anos, nunha das túas brancas casas reuníanse cinco rapaces, dos cales o máis vello contaría dazanove anos; alí ensaiábanse os seus probes versos, e sós, sin axuda de naide, correxíanse uns ós outros como podían.

  Deses, non sendo un, xa son todos conecidos en Galicia, dous xa son redautores de ilustrados periódicos, e un xa foi premiado nun certame literario; pois ben, eses que en ti sintiron a pormeira ispiración, ¿cres ti que non festexarán a túa belleza singular?...

 Adiós, adiós, dende eiquí lonxe, envolto nestas brisas que pasan xogando cos meus cabelos e bicando as miñas páledas meixelas, che mando centos de salaios que a túa ausencia me arrinca o curazón, pero antes vouche a contar o que me dixo un ánxel ó tempo de en ti pensar: "Fas ben, fillo de Ourense, fas ben en lle cantar, porque é a obra maestra que Dios ten de reserva pra cando os ánxeles e os santos se cheguen a cansar dos pensiles celestiales"...

 ¡Ourense, meu Ourensiño!..."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.186/187)

viernes, 19 de junio de 2015

Non soilo son eu a cantarche

"Pero volvamos atrás, os dous ríos do Polvorín cínguente polo outro lado, un vén de cerca, e o outro vén das llanuras do Limia, cuios romaxes e tradiciós nos fai conocer ó xoven e simpático poeta Manuel Núñez, e dempois de dar mil voltas e revoltas xúntanse co outro, e formando o Barbaña, veñen morrer ós teus pés.

  Ourense, Ourense, pátrea de Feixoo, é tanta a túa galanura, inspiras tanto cos teus encantos, que de ti saen poetas a centos. Si cantas as túas penas esconsolos Carvaxal, aláudate e aléntate Ferreiro, en tanto que a bellísima Filomena chora dende Madril por non estar xunto a ti.

 ¡Salve, salve cibdá das Burgas, ninfa do Miño! Non soilo son eu a cantarche, outros sin ser teus fillos che cantarán tamén."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.185/186)

jueves, 18 de junio de 2015

A pormeira muller que amei

"Polo outro lado cínguente os dous ríos do Polvorín, que esvarando entre cheirosas froles, baixo bóvedas de alboredas formadas por altos amieiros que entretexen a porfía as silveiras e os xamís, as madreselvas e as cepas, véñense a reunir mesmo beira das túas casas pra formar o marmurador Barbaña...

 ¡Ou! ríos do Polvorín, ríos queridos, alí onde vos xuntades formando unha especie de peninsuliña, alí naquela humilde chouza e naquela pequena horta, na que parece se deron cita tódalas froles dos xardís e tódolos paxaros do mundo, alí foi onde eu nacín, alí onde me arrulou a nai do curazón, alí onde conecín á pormeira muller que amei, alí... pero ¿pra que seguir, si cando me bañaba nas vosas craras augas conteivos tódolos meus sacretos?...

 Vós tamén sodes o símbolo dos homes.
 Corredes tranquíos polos verdes campos, brilando as vosas augas entre as herbas tremborosas e sourrindo con brando rumor hasta ó pé da cibdá, estonces os teus lindos cristaes, esnaquizánse no rodicio dos muíños, retórceste con furor, ximes con angustia, empórcaste nas inmundicias da vila e a túa fermosura desaparece pra sempre..."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.184/185)

miércoles, 17 de junio de 2015

Xumiando xordamente

"Por un lado o xoguetón do Loña formando bulidoras cascadas cubertas con riscadas brondas e espumosos encaixes esvarando de laxa en laxa, e de penedo en penedo, enfiando as augas polas brilantes areas, xumiando xordamente e ocultándose de vez en cando pra logo aparecer máis brilante, descompoñendo a luz en mil coores, hasta que vai morrer ó Miño maxestuoso, que cal anguía de niquel corre silencioso, quizais cheo de fantesía por levar no seu seo o ouro que lle regala o Sil, ou quizais por non te despertar vai caladiño mirando as feitizadas ribeiras, nas cales se prende cal si quixese quedarse, e formando multitú de isliñas hasta que se perde polo Ribeiro, por aquel país celestial qe cría mulleres cal anxos, daquel país cuia fermosura canta en sentidas trobas o xílgaro de San Clodio, o ispirado vate Eladio Rodríguez."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.184)

martes, 16 de junio de 2015

As nereidas do Miño

"Parece que estás gravada na miña mente, pois sempre te recordo. Recrinada en frondosos viñedos, nos que se ven casiñas brancas cal pombas, dormes ou sonas.

  Pareces un ramallo de cheirosas froles fantasioso mirándose nas augas das fontelas, ou un brilante caído da coroa da Virxen, que as nereidas do Miño apreixaron en esmeraldas sementadas de pelras e rubís, que tal parecen os teus temborosos e frescos lameiros e as túas recendentes campías bordadas con brancas e roxas froles.

 Os catro ríos que te cercan, formando coro cos miles de regatos e fontelas, parece que che dan serenata ou que te adormen."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.183)

lunes, 15 de junio de 2015

Pracer e door ó mesmo tempo

"¿Pero pra que recordar tempos que xa non volverán? ¿Pra que recordar aquelas noites de branco luar e aquelas tardes de vran en que a miña chola de neno se enchía de ilusiós e risoñas esperanzas? ¡Pobres ilusiós! Pasouvos o que lles pasa ás follas, que dempois de lle dar galanura ó albore, vén o vento e por premio azoutas polo bulleiro, ¡así a vós, o vento do desengano foivos levando a todas! ¡Inda son cuase un neno e xa pouquiñas quedaron!...
 
  Ourense, meu Ourensiño, ó pensar en ti sinto pracer e door ó mesmo tempo.
¡Que feitizada eres e que linda, cibdá bendita!

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.183)

domingo, 14 de junio de 2015

Neses amañeceres sobrimes

"Aló cando as brétemas da noite van fuxindo e o sol aparece cheo de preguiza dourando a cume dos altos poicoutos, e temboroso mirándose nos barrulleiros regatos e nas craras fonteliñas, en tanto que centos de paxaros saúdan o novo día con cántecos de amor, mezcrando seus harmoñosos gorxeos co balar medoñento das ovellas e enfinidá de marmurios misturados e confusos que enchen a ialma de felicidá e o corazón de dicha.

 Neses amañeceres sobrimes e incomparabres que ti solo tes, foi onde comencei a sentir, foi onde conecín que ó meu peito faguía un algo que non podía definir, nin comprender."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.181)

sábado, 13 de junio de 2015

Nai garimosa

"Ourense, feitizo dos mortales, niño dos meus amores, ¡canto te eu amo!... Aí estás, meiga de fermosura, cibda bendita, cal pomba durmindo entre cheirosas froles, e arrolada polo Miño que manso corre polos teus pés. Ourense... Ourense, que estranías sinto lonxe de ti, de ti, nai garimosa, berce dos meus ensonos, testigo dos meus xogos infantís, garda dos meus máis caros sentimentos, ispiradora das miñas risoñas esperanzas, lembradora das miñas tristuras e esconsolos...

 Aí neses amañeceres que ti tan solo tes, neses amañeceres en que todo é poesía, sono mil veces."

Heraclio Pérez Placer,("Ourensiño, meu Ourense) Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.181)

viernes, 12 de junio de 2015

Recuan pra cumprir côs seus deberes


Heraclio Pérez Placer, Contos da terriña, Editor Andrés Martínez, A Coruña, 1895,
páx.225 ("Os dous foliôs")