domingo, 28 de febrero de 2021

O estouro das bombas

 "Ao romper do día o estouro das bombas esperta aos veciños de Vilardebós. Nos ouvidos dos nenos adormiñados a alborada mañanceira soa a música celestial. Nas tendas abertas, os vellos madrugadores toman copas de augardente, e algún mozo que non se deitóu pide licorcafé."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 77.

sábado, 27 de febrero de 2021

Rexas loitas

 "O San Roque sempre foi un problema en Vilardebós, incruso motivóu rexas loitas entre os seus aditos e os devotos ao Sagrado Corazón. Loitas que, naturalmente, tiñan orixen na política do pobo.

 Por mor de don Mauro, que era conservador, e de aquel don Caseano de que falamos, que era liberal, os veciños do lugar ficaron divididos nos de Arriba e nos de Abaixo. (...)

 Cando chegaba a festa do Sagrado Corazón, os de Arriba facían festividás moi costosas: boa misa, bo sermón, boa procesión, boa música, moitos santos en ringleiras, moitas frores sobre os santos e moitos señoritos de Verín. Pola tarde, moito baile agarrado, moita cortesía, moito castelán nas conversas e moito aborrimento no ambente.

 Pra os de Abaixo, as festas do Sagrado Corazón tiñan miuda importancia. (...) 

As festas do San Roque eran outra cousa."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 74-75.

viernes, 26 de febrero de 2021

Sin pensalo máis

 "Un día o tío Nicolasillo alcontrábase en Ourense e lembróuse que era día de festa en Vilardebós. De Ourense a Vilardebós hai 85 kilómetros ben medidos. Serían as dez da mañá. Sin pensalo máis, botóuse ao camiño, e ás seis da tarde, en oito horas, entraba no Cruceiro de Vilardebós. (...)

 En xeral, os mozos de Vilardebós eran, e aínda o son, bromistas, preguizás e devotos do San Roque. Como traballan pouco, pasan as noites cantando. Cantan moi mal."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 72.

jueves, 25 de febrero de 2021

Un istrumento

 "Vilardebós ten outra singularidade: non dá mozos de oficios. Si non poden ou non queren estudar unha carreira, quédanse de labradores, de xornaleiros ou de vagos. Non adeprenden profesións manuás. Tampouco lles tira a música.

 Manoliño só recorda en Vilardebós tres persoas que souperan tocar un istrumento: o Rodrigo, que tocaba a caixa; a María "Cazallera", que tocaba o pandeiro, e o tío Castor, que tocaba a flauta."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 71.

miércoles, 24 de febrero de 2021

Así foi

 "Así foi. Cansos e doídos dos cadrís, regresaron a Vilardebós ao lusco fusco. Á entrada do pobo dixo Manoliño:

 Vouvos dicir unha cousa; pero non me fagades nada.

-¿Qué é? -preguntáronlle.

-A pedra dos muíños atopéina na miña casa.

¡Ah, bandido, canalla, sinvergonza, espía! ¡Ímoste matar!"

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 68-69.

martes, 23 de febrero de 2021

O wolfran

 "Era un tempo en que o wolfran valía diñeiro. No municipio de Vilardebós esprotábanse na época unhas minas antergas deste mineral. Son as minas de Villardeciervos. A realidade destas minas espertóu a cobiza dos veciños do auntamento, e comezáronse a denunicar minas por todas as partes.(...)

Os muíños estaban a oito ou nove kilómetros de Vilardebós, mesmo na raia de Portugal."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 65-66.

lunes, 22 de febrero de 2021

Tristeira, sin xardín

 "Coral vive casada en Ourense. Xa ten anos, pero aínda conserva un esprito animoso. En troques, a súa casa de Vilardebós non conserva nada do que foi. Abandoada, tristeira, sin xardín, é das cousas que máis magoan a Manoliño cando vai a Vilardebós.

 Os señoritos do pobo, sendo estudantes ou recén rematadas as carreiras, xuntábanse todos en Vilardebós na tempada de vacacións."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 64.

domingo, 21 de febrero de 2021

Noivos namorados

 "Outra casa a onde acostumaba ir o señoritismo de Vilardebós era a casa da Coral, filla de don Caseano. Esta casa estaba no fondo do pobo, cabo da de don Eloi. Don Eloi e don Caseano eran parentes, e os dous, nemigos a morrer de don Mauro.

Coral era unha das señoritas máis fermosas e raiolantes que deu Vilardebós. E como acontez no teatro, Coral, filla de don Caseano, e Xaime fillo de don Mauro, foron noivos namorados.

A casa da Coral dá pena vela hoxe. Noutro tempo foi a lediza dos señoritos de Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 63.

sábado, 20 de febrero de 2021

Nunha lomiña

 "Ás veces, don José sentábase nunha lomiña ou nun outeiro, e pedíalle á súa filla e á amiga da súa filla que subiran piñeiral acima, collidas do brazo, cantando melodías tristes. Gustaba, sobre todo, de ouvir a cantiga "Unha noite na eira do trigo". A estampa das fermosas señoritas, véndoas camiñar por entre os pinos, de ganchete, e cantando a balada de Curros, facíalle cair bágoas."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 63.

viernes, 19 de febrero de 2021

Aurita

 "Amiga de Carmiña era unha señorita de Verín, moi brillante e de grande distinción que se chamaba Aurita. Contan -Manoliño non o recorda- que cando esta señorita viña polo vrao a Vilardebós, as dúas amigas paseaban xuntas, en compaña do médico don José. (...)

Aurita casóuse logo en Castro Caldelas e tuvo dous fillos. Un deles é o fiscal e poeta Manolo Casado Nieto. Anos despóis morréu Carmiña; tampouco vive a mai de Casado, inda que falescéu moitos anos atrás de Carmiña."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 62-63.

jueves, 18 de febrero de 2021

Tristeira

 "Un día os irmaos de Carmiña emigraron pra o Uruguai. Carmiña quedou tristeira coa marcha dos seus irmaos. Os irmaos de Carmiña deixaron correr anos sin escribir a seu pai e a súa irmá. Pasado tempo chegaron noticias a Vilardebós de que tiña morto en Montevideo o irmao máis novo de Carmiña, que se chamaba Manolo e a quen ela máis quería. Carmiña vistíu de loito e andaba sempre apenada por Manolo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 62.

miércoles, 17 de febrero de 2021

Tempadas de vrao

 "Antigamente, Vilardebós foi unha aldeia de moito e requintado señorío, non só por algunhas xentes do pobo senón polas señoritas e familia de Verín que subían a pasar nel tempadas de vrao. Este señorío mantúvose notábel hasta 1920, máis ou menos. Despóis foi minguando pouco a pouco até desaparecer case de todo.

 Unha das persoas máis sinaladas de Vilardebós que recorda Manoliño, era o médico don José González."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 61.

martes, 16 de febrero de 2021

Outras no chao

 "Hoxe, á beira da carretera, hai seis ou oito casas de construción nova. Pola contra, pobo adiante, vense outras no chao. Sobre todo no alto do lugar. Casas abandoadas polos seus donos emigrados. Familias enteiras de Vilardebós andan polas Américas, maormente no Brasil e na Arxentina. Vense tamén outras casas pechadas, que só se abren no vrao, cando veñen habitalas os seus donos que viven fora de Vilardebós.

As casas novas á beira da carretera, e outras remozadas polo meio do pobo, fan o resto do lugar máis lixoso e vello, con cantos, recantos e esquinas por todas as partes."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 59.

lunes, 15 de febrero de 2021

Fronteirizo

 "Frente á casa de don Mauro hai un cibo de avenida, que leva o nome do poeta Núñez González. De eiquí arranca unha estrada aberta fai dous anos polo esforzo gratis e persoal de dous pobos fronteirizos: Flor de Rei e Arzádegos. Vilardebós ten unhos vintecinco kilómetros de fronteira con Portugal, e con pouco esforzo e poucos cartos podía comunicarse co país veciño por dúas carreteras. Unha polo Sur e outra polo Este. Estas súas estradas xa eisisten, pero quedaron paradas a tres kilómetros, ou menos, da fronteira. O día que se empaten con Portugal, Vilardebós será un punto importante fronteirizo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 58.

domingo, 14 de febrero de 2021

Un olmo que da peras

 "Vilardebós, pois, é un olmo que da peras. Manoliño pensa de cando en cando que Vilardebós merecía millor sorte, máis atencións de quen pode darllas. Merecía mesmo un homenaxe de Galcia enteira, porque na nosa terra, e cecáis fora dela, non hai outra aldeia que se lle asomelle. Sin embargo, Vilardebós non ten xiquera un Grupo escolar, e si non se lle pon remedio, dentro de pouco non terá nin carretera. E digamos, pra rematar, que só hai unhos meses que ten luz eléitrica."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 48.

sábado, 13 de febrero de 2021

No confín

 "Si a esta relación de nomes engadimos que eiquí, neste pobo, naceron 14 ou 16 maestros e maestras, que andan espallados por todas as partes, podemos preguntarnos: ¿Cántas aldeas hai en Galicia, cántas hai en España, que poidan presentar un censo de tantas persoalidades e persoas notábeles como Vilardebós?

Porque non se esqueza que Vilardebós é unha aldeia de cento trinta veciños; non se esqueza tampouco que está emprazado no confín de Galicia, afastado de centros de cultura, sempre con deprimentes escolas, arrodeado de pobos insiñificantes, desviado de Ourense 85 kilómetros e sin ser camiño de paso pra ningún lugar de importancia."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 58.

viernes, 12 de febrero de 2021

Traxe negro, sin andar de loito

"Sara falescéu cando Manoliño xa non estaba en Vilardebós; pero Manoliño lémbrase dela. Era a señorita principal do pobo. Alta, de grande prestancia, moita gravedade e moito recato. Só saía da casa pra ir á misa. E sempre de traxe negro, sin andar de loito. Vestía con preferenza traxes de chaqueta comprida."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 56.

jueves, 11 de febrero de 2021

Máis arriba

"Máis arriba, á dereita, facendo esquina, hai unha casa de pouca aparencia. Nela naceron os irmaos José e Vicente Luis Méndez. O primeiro, prestixioso salesiano na Arxentina, onde vive; o segundo, comenzóu tamén de salesiano e rematóu sendo escritor e poeta de nostálxicas delicadezas. Morréu en Buenos Aires."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 56.

miércoles, 10 de febrero de 2021

A casa máis grande

 "Ven logo a casa máis grande de Vilardebós, de moito señorío e moito rumbo en pasados tempos, e hoxe en estado lamentábel. Eiquí vivíu e finóu o Rexistrador don Manuel Núñez González, poeta e místico estremelado, autor de "Efusivas", "Salaios", "A Poesía Popular Galega" e outros traballos interesantes."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 55.

martes, 9 de febrero de 2021

Maestro de xeneracións

 "Rente desta casa ven outra, de balcón longo. Nela crióuse Jacinto Santiago, irmao de Manoliño. Jacinto Santiago foi un exemplo de dinidade. Jacinto Santiago foi maestro de xeneracións ourensás. Jacinta Santiago foi unha das prumas máis brillantes, tensas e de millor temple do periodismo galego.

 Jacinto Santiago, tamén morréu no ano 1936, da mesma doenza que matóu a Eloi, o farmacéutico."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 55.

lunes, 8 de febrero de 2021

Poden moito.

"Naturalmente, o Ramón e o José teñen moitas influencias; por eso mesmo, en Vilardebós están algo queixosos deles, "por non facer canto poden polo pobo". E poden moito. Ao menos, eso é o que se fala.

 Tornando a O Cruceiro, subindo calle acima, ven unha casa de baranda e galería, noutro tempo moi vistosa. Nesta casa naceron dous irmaos. Luis e Recaredo Romero. Luis morréu hai moitos anos. Recaraedo vive estabrecido en Verín, e é cecáis o comerciante máis intelixente, máis agudo e máis millonario que hai na provincia de Ourense."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 55.

domingo, 7 de febrero de 2021

Cabo da fonte

 "Manoliño sabe que o Caseano anda por Madrid, e as irmás, por terras de Ourense; pero fai vintecinco ou trinta anos que non se ven.

 Máis adiante da casa que foi desta familia, e despóis doutras dúas casi no chao, cabo da fonte, está a casa dos tío España."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 54.

sábado, 6 de febrero de 2021

Nesta cemba había negrillos

 "Do Cruceiro sae outra calle, que chaman a Canella da Fonte, pola que se vai ao Toural. É unha rúa dereita, mitade calle, mitade camiño. Só ten casas por unha banda; pola outra, a todo o longo, hai unha cemba alta. En tempos, nesta cemba había negrillos que daban sombra e facían belida a Canella; agora, sin os negrillos, é máis ben fea. (...)

 O Eloi morréu en 1936, perto de Celanova, en olor de matrimonio, pois íase casar por aqueles días."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 53.


viernes, 5 de febrero de 2021

"La elegancia de París"

 "Despóis da casa de doña Pepita, ven unha ringleira de casas con barandas de madeira baixas, vellas e feas. Enfrente está a igresia do pobo, colocada de esguello e estorbando o paso dos carros. Ven logo unha praciña, que se chama O Cruceiro. É unha praza de esquinas e cantos, sin xeito e sin concerto.

 Nesta praza esbandallada, ás portas dunha casiña pequena, un xastre que veu estabrecerse a Vilardebós, puxo este letreiro chocante e coraxoso: "La elegancia de París". Este letreiro nas rúas de Vilardebós é tan pavero coma un caravel nas solapas dunha chaqueta vella."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 51.

jueves, 4 de febrero de 2021

Morte a un soldado francés

 "Pola parte de atrás desta casa hai un canelló ou calexón, e tamén unhas fragas. Nestas fragas, en 1809, os veciños do pobo deron morte a un soldado francés. No mesmo día deron morte a outros dous,. Un deles matárono na serra, nun lugar que chaman a Pascuiña; outro rematárono perto de Osoño, onde os franceses estaban acampados. Os tres soldados viñeron a Vilardebós e o pobo alporizóuse coa súa presencia e deu cabo deles. Cando os franceses tuveron conocimento destas mortes, quixeron vir dende Osoño a queimar Vilardebós; pero naquel intre recibiron órdenes de sair pra outro lugar e Vilardebós libróuse de ser queimado."

 "Da figura de don Cándido, Manoliño só recorda que usaba botíns. Don Cándido tiña en Ourense bufete de abogado, e era, ao mesmo tempo, catedrático da Normal. Polas cousas que Manoliño soupo despóis, don Cándido debéu ser un romántico.

 Nesta casa, de moi bo humor e de moita familia, orgaizáronse os millores carnavás de Vilardebós, entre os fillos de don Jesús e os irmaos de Manoliño."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 49-50.

miércoles, 3 de febrero de 2021

Un romántico

  "Da figura de don Cándido, Manoliño só recorda que usaba botíns. Don Cándido tiña en Ourense bufete de abogado, e era, ao mesmo tempo, catedrático da Normal. Polas cousas que Manoliño soupo despóis, don Cándido debéu ser un romántico.

 Nesta casa, de moi bo humor e de moita familia, orgaizáronse os millores carnavás de Vilardebós, entre os fillos de don Jesús e os irmaos de Manoliño."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 49.

martes, 2 de febrero de 2021

Con luz de carburo

 "Unha vez chegóu a Vilardebós unha "compañía" de cine, e con luz de carburo proieutaron unha película. Foi un acontecimento no pobo.

 Aquela noite ceouse cedo na casa de Manoliño pra ir ao cine. Na mesa había un prato de tirabeques, que non lle gustaban a Manolio. A súa mai aproveitóu a ocasión do cine pra llos facer comer. Manoliño non probaba un."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 48.

lunes, 1 de febrero de 2021

O grande pensador

 "A entrada ao pobo por esta rúa é deprimente, mesmo noxenta. Á mao dereita vese unha palleira, onde xogóu Manoliño moitas veces; á mao esquerda hai outra palleira, e logo unha casa que parece un forno, tapando case a entrada do pobo. Rente desta casa, recollida pra tras, érguese a que foi morada do grande pensador don Eloi Luis André. (...)

Don Eloi tiña a testa grande e redonda, de pel fina, e Manoliño miráballe de reollo pra ela a ver si lle vía rebulir a sabiduría. En Vilardebós chamábanlle o Catro Ollos, porque gastaba lentes."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 46-47.