lunes, 13 de mayo de 2019

Risco e Romasanta


Vicente Risco foi quen rescatou a súa historia a principios do século XX, e quen iniciou o camiño para que a figura de Romasanta se divulgara amplamente chegando a súa sona ata os nosos días, onde cada vez son máis as producións artísticas e as investigacións arredor dos seus asasinatos. O 23 de febreiro de 1929 Vicente Risco le o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega baixo o título: “Un caso de lycantropía (o home-lobo)”, onde di:

“Alá pol-os anos de 1852 ô 1854, chamou moito a atención da xente, dentro e fora de Galiza, e ainda ben lonxe, a causa que lle formaron no xusgado d´Allariz a Manuel Blanco Romasanta, a quen chamaban o home do unto. Iste proceso ten canto precisa pra ferir o maxín dos homes, e garda unha semellanza chocante co-esas soadas causas por crimes estranos, que se solen dar en Francia en  todol-os tempos, mais con especialidade diante das cortes do antigo réxime. Unha causa com´a do dulceiro Miquelón, ou a da Marquesa de Brinvilliers, no tempo antigo, ou as de Jack o Estripador ou Troppman, nos modernos; e n-outras cousas, lembra tamén os procesos de feiticería. Por outra banda; o ter atraguido xa d´aquela a opinión centífica ou pseudo-centífica, dalle ainda intrés. O certo é qu´esta causa preséntanos diante unha chea de probremas referentes a todal-as ramas da cencia, e que n-ela, por onde queira apálpas-o misterio.  A xurisprudencia e a lóxica, a meiciña legal e a psiquiatría, a metapsíquica e o ocultismo, a mitoloxía e o folk-lore, teñen que ser chamados a capítulo, e marcan difrentes aspeutos pr´estudarmol-os feitos d´un home raro e misterioso qu´a xustiza condenou a morte.”

Estamos ante un asasino en serie de mediados do  século XIX no rural galego, concretamente nas proximidades das montañas ourensás da Serra de San Mamede, o seu caso chegou a ser recollido pola prensa internacional nos seus días, preocupándose polo caso xentes estranxeiras, e intercedendo por el a mesmísima raíña Isabel II. Asasino que se xustificou na licantropía e na maldición das fadas para explicar e xustificar os seus crimes, e que foi obxecto de estudos desde múltiples perspectivas do saber. Pero a súa figura foi moito máis alá do real para converterse en todo un mito que inspirou novelas, películas, relatos, libros de fotografías, etc. Acadando no 2018 o seu cénit artístico coa novela Besta do seu sangue de Enma Pedreira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario