“Francisca bonita.
Hoxe non hai lúa. De estarmos xuntos ti e mais eu aínda, hoxe iriamos ver estas
estrelas. Se cadra viriamos a este lugar ou pode que eu non me volvese mover do
teu lado. Os animais non marchan da man do aloumiño e do alimento. Polo menos
os cans, as cadelas e as estrelas son as mesma aquí ou na nosa casa. Falaríache
dos cercos, de como se lle fai batida ao lobo cun enorme círculo de ruídos para
logo ir estreitando o redondel cara ao centro, xuntos cóbado contra cóbado os
cazadores. (...) Ti sabes que eu lle rezo a Deus pero tamén a ti che vou
falando, porque fun buscándote no colo doutras mulleres igual que procurei en
ti o que busquei dentro do meu corpo. Todo foi ir estreitando o lazo da caza,
chegar ao punto de morrer ou recibir a morte. Ti escapáchesteme, eu fun tamén
deixándome soa embaixo da pelica. Xa me caeu, amor, xa marchou a fada. Agora só
quedo eu a loitar comigo e con todo o que me cala dentro.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario