viernes, 22 de septiembre de 2017

Testemuñas do "paseo"

"En 1987 Casares publica Os mortos daquel verán. Daquela ninguén reparou no que a novela tiña de precursora no tratamento do tema da guerra do 36 por parte daqueles que non a viviran en primeira persoa, pero que medraran no ambiente ferido de ausencias e represións da Galicia da posguerra. (...) Que non se reparase no que a novela supuña de revulsivo no tratamento do tema pódese deber, na miña opinión, ao feito de que se impuxo unha lectura que puña o acento na filiación con A Esmorga. Dende a súa publicación en 1959 especulárase coa hipótese de que a orixinal solución enunciativa que Blanco Amor atopara para o seu relato viña determinada pola necesidade de eludir dar a palabra ao personaxe do xuíz, algo que resultaría problemático tanto se falase en galego (polo inverosímil que sería unha figura así no tempo en que transcorrían os feitos narrados) coma se o fixese en castelán, o que non debía do agrado dun autor como Blanco Amor, que tanto e tan ben teorizara sobre o galego como lingua literaria. Os mortos daquel verán viña demostrar o avance experimentado polo proceso de normalización e enriquecemento estilístico do galego en apenas tres décadas, un avance que lle permitira a Casares crear no seu idioma os dez informes xudiciais elaborados por un funcionario e no que se recollían as declaracións doutras tantas testemuñas do "paseo" do boticario dunha vila galega. Casares saía así airoso do reto co que Blanco Amor non se puidera enfrontar tres décadas antes: facer funcionar literariamente o rexistro burocrático propio dos documentos xurídico-administrativo."

Dolores Vilavedra. "A singularidade literaria de Carlos Casares", Revista Grial, nº 213, xaneiro-marzo 2007, páxs. 51-51

No hay comentarios:

Publicar un comentario