sábado, 30 de septiembre de 2017

Coa Sarasqueta calzada ao lombo

"dixera na súa presencia que ata Sober chegaran noticias de que no inverno pasado, e tapado co pretexto da cazata, andara don Andrés Fuentes Iglesias levantando escopetas pola zona, que mesmo na aleda veciña das Casoupas da Veiga conseguira ó Herminio Varela Vallejo, o mellor tirador da provincia, vintecatro cartuchos para vintedúas perdices, ó que convencera de que se viña a guerra se presentase na Fábrica; e que o pasado día dezanove pola noite vira el ó tal Herminio alandillando polas sebes de Parada cara á vila, coa Sarasqueta calzada ao lombo e munición para acabar con douscentos homes polo menos."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 22.

viernes, 29 de septiembre de 2017

Un barullo de palabras que non se oían

"citou en primeira instancia o denunciante a don Rudesindo Arias Peaguda, mestre nacional,  o cal aseguraba que a el lle contara quen o sabía que a véspera do día de autos, quérese dicir o pasado día vinte, despois da concentración nocturna na Praza Maior, viran a don Andrés Fuentes Iglesias na compaña do capataz da Fábrica e outros tres ou catro individuos non identificados, nos arredores da botica, sinalando co dedo cara ó local e penetrando despois no seu interior para armar un barullo de palabras que non se oían, pero que se podían adiviñar a través dos vidrios da porta polos xestos de puños e mans."
Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 20-21.

jueves, 28 de septiembre de 2017

O boticario aparecera morto

"Demandado para que explicase que grao de estensión alcanzaran os citados rumores nos medios sociais e profesionais por el habitualmente frecuentados, respondeu que en primeiro lugar estes circulaban intensamente en tales medios desde a mesma mañá en que chegara a noticia de que o boticario aparecera morto no Campo das Poldras, e que eran igualmente recibidos."
Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 18.

miércoles, 27 de septiembre de 2017

Coa muller do citado Caralladas

"que así mesmo lle constaba ó denunciante que o citado veciño da Rúa de Peligros dicía que todo se derivaba do asunto do milagre, concordando polo tanto na atribución da causa coa muller do citado Caralladas, o que no seu modesto xuício non se debía imputar a simple coincidencia."
Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 18.

martes, 26 de septiembre de 2017

Sotana de merino

"contestando seguidamente, a preguntas do funcionario que suscribe, que en terras da Pedrosa cosía, entre outros, para o señor abade titular daquela parroquia, a quen abastecía de sotana de merino cada tres anos, de dulleta cada catro, ademais das correspondentes partidas de pantalóns, puños, camisas e panos de fío, aínda que había xa máis de seis meses que non recibía visita del; que cosía igualmente para o capador de Laroá, moi escollidos en cuestións de chalecos; que lle tiña feito un par de traxes ó tendeiro da Costa, o cal lle pagaba sempre en especie, quérese dicir en xamóns de Dacón, folla de bacallau de Noruega e aceite de Puente Genil."
Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 15.

lunes, 25 de septiembre de 2017

Só para parolar un pouco

"Inquerido sobre a identidade da persoa ou persoas a quen o expeñente oíra dicir que o presunto estaba agachado en terras da Pedrosa, respondeu que era ese un extremo que non podía precisar, debido a que no negocio de xastrería entraba e saía moita xente, algún só para parolar un  pouco, e máis nos últimos días con tantas novidades como se estaban producindo."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 13.

domingo, 24 de septiembre de 2017

Co cura dentro e sete mulleres

"Ítem máis contou o referido que lle constaba o feito de que o home que vive na Rúa de Peligros estedera tamén alarmas e rumores cando a Folga Xeral Revolucionaria de novembro do ano pasado, que concretamente se presentara nun negocio veciño do que posúe o infraescrito dicindo que había xente do sindicato disposta a lles prender lume ós bens daqueles que non secundasen, especialmente un operario portugués moi encirrado que xa na revolución do trinta e catro queimara unha igrexa para a parte de Vilanova, co cura dentro e sete mulleres..."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 12-13.

sábado, 23 de septiembre de 2017

Polo menos o mandara matar

"un individuo que se indentificou a si mesmo como Avelino López Furelos, de corenta e seis anos de idade, de profesión xastre, casado e con cinco fillos, sen antecedentes e con boa conducta, o cal denunciou que oíra dicir no seu negocio, non podendo precisar exactamente o nome da persoa que o fixera, que un home que desde hai nove días vive na Rúa de Peligros andaba dicindo  por aí que o boticario da Praza Maior, don Modesto Vilariño Dacal, non morrera de accidente, como se dixera, que el sabía de certo que o mataran e que precisamente o matara don Andrés Fuentes Iglesias, o dono da Fábrica, ou que polo menos o mandara matar."

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, ed. Galaxia, 1ª edición, Vigo, 1987, páxs. 11-12.

viernes, 22 de septiembre de 2017

Testemuñas do "paseo"

"En 1987 Casares publica Os mortos daquel verán. Daquela ninguén reparou no que a novela tiña de precursora no tratamento do tema da guerra do 36 por parte daqueles que non a viviran en primeira persoa, pero que medraran no ambiente ferido de ausencias e represións da Galicia da posguerra. (...) Que non se reparase no que a novela supuña de revulsivo no tratamento do tema pódese deber, na miña opinión, ao feito de que se impuxo unha lectura que puña o acento na filiación con A Esmorga. Dende a súa publicación en 1959 especulárase coa hipótese de que a orixinal solución enunciativa que Blanco Amor atopara para o seu relato viña determinada pola necesidade de eludir dar a palabra ao personaxe do xuíz, algo que resultaría problemático tanto se falase en galego (polo inverosímil que sería unha figura así no tempo en que transcorrían os feitos narrados) coma se o fixese en castelán, o que non debía do agrado dun autor como Blanco Amor, que tanto e tan ben teorizara sobre o galego como lingua literaria. Os mortos daquel verán viña demostrar o avance experimentado polo proceso de normalización e enriquecemento estilístico do galego en apenas tres décadas, un avance que lle permitira a Casares crear no seu idioma os dez informes xudiciais elaborados por un funcionario e no que se recollían as declaracións doutras tantas testemuñas do "paseo" do boticario dunha vila galega. Casares saía así airoso do reto co que Blanco Amor non se puidera enfrontar tres décadas antes: facer funcionar literariamente o rexistro burocrático propio dos documentos xurídico-administrativo."

Dolores Vilavedra. "A singularidade literaria de Carlos Casares", Revista Grial, nº 213, xaneiro-marzo 2007, páxs. 51-51

jueves, 21 de septiembre de 2017

Os mortos daquel verán (1987)

1ª edición. 1987. Galaxia.


5ª edición. 2009. Galaxia. Colección Biblioteca Carlos Casares.
Versión castellana, con traducción de Carlos Casares. Alfaguara, 1999.

Cartaz da versión dramática do ano 2017.

martes, 19 de septiembre de 2017

Nunha pucharquiña borrosa e azulada

"Ao chegar aquí, duas bágoas redondas e grosas foron caer no medio do papel, sobre o nome de "Aleceios", que ao instante se convertíu nunha pucharquiña borrosa e azulada. As campás da catedral iniciaron o toque da agonía, o laio funeral por unha alma a punto de render contal. Ilustrísima rachou o plego emborranchado, colleu otro e facendo un esforzo inmenso para mover o brazo, púxose a escribir de novo."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 129.

lunes, 18 de septiembre de 2017

Con letra angulada e temblorosa

"Con letra angulada e temblorosa, repousadamente, empezou a escribir: Nós, o doutor Fernando Fanego, pola Gracia de Deus e da Santa Sede Apostólicia bispo desta diócesis, a tódolos diócesanos facemos saber: Que téndose publicado nun periódico desta cidade unha serie de artículos que poden contribuír á perturbación da necesaria paz das conciencias e desexando por riba de toda humana consideración o ben espiritual da nosa amada Igrexa, expresamente condenamos ditos artículos e mandamos ao seu autor, quen quera que sexa a persoa que se encubre debaixo do seudónimo "Aleceios", en aras do ben de todos, e especialmente da comunidade que por El Señor nos ten sido encomendada, depoña a sua actitude a fin de conseguir a paz que tanto desexamos."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 128-129.

domingo, 17 de septiembre de 2017

Unha melopea obsesiva

"Coas mans voltas cara enriba, lixeiramente inclinado, como se lle faltaran forzas para aguantar o peso da cabeza, Ilustrísima víuse a si mesmo como a representación tráxica dun animal obrigado a porse de pé sobre as patas traseiras. Desde lonxe, quizáis desde a porta da catedral, chegaban berros ditos a coro. Tiñan o ritmo dunha melopea obsesiva e amenazante, a curva melódica dun cantar de guerra."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 127-128.

sábado, 16 de septiembre de 2017

Unha descomunal caracola

"Atravesaron a modo por diante de Palacio, moitos deles virando os ollos curiosos cara o balcón principal. Foi entón cando Ilustrísima volveu sentir que se lle doblaban as pernas. Agarrouse á cortina para non caer e aguantou así un par de minutos, hasta que se puido achegar ao sillón. Unha door punzante como un coitelo afiado atravesáballe o peito de parte a parte. Chamou pedindo axuda varias veces, pero a sua voz bateu contra as paredes do salón, baixou retumbando polas escaleiras e perdeuse entre os cantos da rúa. De súpeto o mundo empezou a ser sóio ruido, unha descomunal caracola adormecéndolle o cerebro."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 126-127.

viernes, 15 de septiembre de 2017

Cos pés espidos

"Animado, colleu a novela de Stevenson e, a cachos, volvendo ás veces sobre o lido, conseguíu pasar algunhas páxinas.  Interrumpíuno un balbor de rezos e de cantos que subían desde a rúa. Asomouse á ventá e víu unha procesión en doble fila, homes e mulleres marchando cos pés espidos e con velas encendidas nas mans. Ao frente iba Sor Sabina, desmaiada e sostida en brazos por duas monxas. (...) A continuación, nenos e nenas das escolas da cidade e unha riada de xente entonando cantos de penitencia e perdón."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 125.

jueves, 14 de septiembre de 2017

Na xirola

"A insolencia da provocación non conseguíu alterar o natural pacífico do prelado, que se retirou cara o interior da catedral sin retrucar. Ao pasar por diante da capela de Santa Eufemia, na xirola, sentíu de repente que se lle doblaban as pernas. Arrimouse ao enrexado e tratou de aguantar de pé, agarrándose con fortaleza aos barrotes de ferro. O corazón resonaba alterado e canso na caixa do peito e un desagradable sabor a xofre entumeceulle a lengua. Por un momento baréuselle o sentido e pensou que iba caer, pero os brazos, casi empotrados na forxa, impediron que acabara no chan."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 123-124.

miércoles, 13 de septiembre de 2017

Pluma de Satanás

"As reaccións en contra dos artículos non tardaron en chegar. A mais dura producíuse o terceiro domingo de Advento, durante os oficios relixiosos celebrados na catedral. Don Telesforo atacou con veemencia desde o púlpito a "ese cobarde que se esconde detrás de nombre tan noble". Chamoulle "espíritu perverso", "enemigo de deus" e "pluma de Satanás". (...)

  Unha alusión a "quienes beben la ponzoña de su filosofía en libros extranjeros" fixo pensar a Ilustrísima que o coengo identificaba a "Aleceios" co director de El Liberal."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 121-122.

martes, 12 de septiembre de 2017

Unha gran nube de tronada

"Ao rematar, volveu ler o que escribira, firmou debaixo co seudónimo "Aleceios" e púxoo nun sobre branco coa dirección de El Liberal. Despóis entrou no oratorio a rezar.

 A aquel artículo de "Aleceios" seguiron cinco mais, todos escritos no mesmo tono crítico, coa mesma indignación bíblica con que escribira o primeiro: a idea dunha Igrexa sectaria e sementadora de odios producíalle anguria e noxo. Unha violencia espesa e silenciosa envolvía a cidade como unha gran nube de tronada."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 120-121.

lunes, 11 de septiembre de 2017

Cheiro a chamosco

"Despertóuno un badelar soliviantado de campás. Desde a igrexa de San Francisco tocaban a incendio. Incorporouse axiña e foi mirar pola fiestra. Non víu nada. Dirixíuse ao despacho. Desde alí puido contemplar unha fumata espesa que se erguía imponente desde o barrio extramuros de Vilachá. Ardía o Cine Barbagelatta. As enormes chamas saltaban por riba das chouzas.Unha multitude xesticulante e nerviosa movíase de aquí para alá, correndo dun lado para outro con caldeiros de auga e basoiras na man. O cheiro a chamosco chegaba hasta alí. Ilustrísima retirouse."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 118-119.

domingo, 10 de septiembre de 2017

Exactamente

"-¿Quere decirse que esa nota foi remitida por Ilustrísima?

 -Exactamente -puntualizou a prelado.

  Esquecéndose coa presa de todo o protocolo, o fámulo abandonou correndo o despacho episcopal. Antes de pechar a porta, como para correxir o que lle debeu parecer unha acción pouco respetuosa, ensaiou unha reverencia que quixo ser solemne, pero que non foi mais que ridícula."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 115.

sábado, 9 de septiembre de 2017

Ás doce da mañá

"Ás doce da mañá subíu don Xenaro a comunicarlle que durante a misa, Sor Sabina sufrira un desmaio seguido de vómitos de sangue que os médicos se mostraban pesimistas respecto da súa saúde. A noticia correra rápida pola cidade e a xente estaba nerviosa. Ninguén dudaba que a causa da indisposición súpeta da sor fora a campaña antirrelixiosa iniciada novamente por El Liberal con motivo da Nota do Episcopado sobre o cinematógrafo. Era tal a excitación que se respiraba nos barrios altos, que el mesmo tivera que convencer a un grupo de mozos que amenazaban con asaltar o periódico, para que volveran ás suas casas."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 114.

viernes, 8 de septiembre de 2017

Puntual e contundente

"A reacción de La Verdad, puntual e contundente, non pillou a Ilustrísima de sorpresa. O periódico conservador acusaba ao seu rival de inventar a noticia e de manipular a realidade co fin de achegar simpatías á causa anticlerical do señor Canalejas. "

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 113. 

jueves, 7 de septiembre de 2017

Forzas tebregosas

"Batérase a puñetazos por duas veces co director de La Verdad, a quen se refería sempre como "Cura honorario", e tiña enfilada a Sor Sabina. (...)

  A nota apócrifa de La Verdad fixéralle mal. (...)

  Pasado mañá, tal vez ao día seguinte, El Liberal publicaría en primeira páxina o desmentido: "O bispo da diócesis non condenou o cinematógrafo". Podía imaxinar fácilmente a interrogación que o redactor Vázquez engadiría debaixo das letras negras do titular: "¿Quén é entón o responsable da nota publicada hai días por La Verdad?". E a insinuación agardada: "Forzas tebregosas incrustadas no mesmo pazo episcopal poderían estar somentendo ao señor bispo a un cerco abafante coa intención inconfesable de alinealo coa superstición, a intolerancia, o fanatismo e a loucura". "

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 110-111.

miércoles, 6 de septiembre de 2017

Por culpa das campás da catedral

"Arredor do periódico que el dirixía xuntábase un pequeno grupo de cabezas pensantes da cidade. Os cartos púñaos o diputado Anselmo Pérez, home xeniudo e teatral, que sobrevivira a mais de quince desafíos, sete deles con pistola. (...) Era o demo con cornos do lectoral, a quen en privado lle chamaba "La Bella Lola." Metía moita bulla en Madrid e mantiña coa curia desde había anos un pleito interminable por culpa das campás da catedral, o toque das cales quería restrinxir."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 108-109.

martes, 5 de septiembre de 2017

Tertulia no medio e medio

"Recadou Ilustrísima outro plego de papel de barba, mollou a pluma no tinteiro de prata da escribanía e sin parar apenas, como se a tivera moi pensada, empezou a escribir a nota de rectificación para El Liberal. (...)

  Había tres días que subindo cara San Martiño, de paso para o asilo, ao doblar a esquina da Rúa de Arcedianos, Ilustrísima se atopara cun grupo de persoas facendo tertulia no medio e medio da calzada. (...) Un dos contertulio era o director de El Liberal."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 107.

lunes, 4 de septiembre de 2017

Ás atoutiñas

"Entón decatouse de que a conxestión desaparecía do seu rostro e que un frescor como chegado de fóra lle aliviaba a door que sentía nas tempas. Deixara de chover e ouvíanse algunhas voces na rúa. Os borrachos, pechadas as últimas tabernas do veciño Caleixón dos Peligros, protestaban sin convicción contra a autoridade mentres marchaban ás atoutiñas camiño da casa."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 106-107.

domingo, 3 de septiembre de 2017

A chuvia esgarabellaba

"Sentía unha calor turxente que lle encendía o rostro. A frente empezáballe a doer polo lugar onde a man soportara todo o peso dunha tensa cavilación que duraba xa desde había un par de horas. Unha incomodidade areosa obrigábao a manter os ollos a medio abrir. A escuridade de fóra era absoluta. A chuvia esgarabellaba nos cristales da fiestra e un vento tolo e desatado andaba a poñer medo polas rúas. De cando en vez, un lóstrego abría o ceo durante uns segundos e quedaba logo no aire unha expectación azulada que reventaba en trebón contra os montes. Iba frío."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 105.

sábado, 2 de septiembre de 2017

Un solo domingo

"-A nota de condena do cinematógrafo non é da miña autoría. (...)

 -Penso que Ilustrísima excusa preocuparse. Desde que chegaron á cidade, non se sabe que pisaran a igrexa un solo domingo. Mala xente, monseñor. Pode estar seguro.(...)

 -Si -respondeu o director. Ademáis -continuo- debo decirlle que según as noticias que teño, esa nota foi moi ben acollida na cidade."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 102-103.

viernes, 1 de septiembre de 2017

Hiperbólicos e fumadores de kif

"Escribía os editoriales de La Verdad e firmaba co seu nome unha sección titulada "Ariete cristiano", incisiva e mordaz, intransixente e rexa, que dedicaba ao comentario da actualidade política nacional.(...) 

 Sinxelo sin ser simple, preciso e claro, sin mais adornos que os estrictamente necesarios, posuía unha agradable fluidez, debaixo da cal se intuía un disciplinado labor de poda que os seus enemigos, especialmente os mozos modernistas da revista El pájaro verde, hiperbólicos e fumadores de kif, teosóficos e emplumados, con valoraban con xusticia. (...)

 A aquelas alturas, o bispo ignoraba por qué motivo non tiña publicado en La Verdad a nota que lle remitira."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 98-99.