"Ás tantas, apareceu por fin a Tina. Chameille cantas había. Unha vez que se vía fóra do lío, volvía á súa vida, ós tratos do Vilar, e a min que me desen por onde se enfían as agullas. Foime perdoada a desconfianza, achacable á incomodidade da vendaxe e á ferida que tiraba. Non tiña motivos para pensar mal. Esperara á noite para non coincidir cos meus amigos, dáballe apuro, e logo meteuse a ver unha película e fixéraselle tarde.
-O doutor Zhivago. ¡Preciosa! ¡Se souperas o que chorei!
-Ás mulleres píngavos o moco por menos de nada. O domingo que vén imos ó baile á Troya. A ver se saio de aquí a tempo.
-A Troya está moi ben para pasar os domingos, pero logo hai que contar cos días soltos.
-Nos días soltos... ¿que che parece un paseo á tardiña? Quizais unhas tapas no Eirociño.
-¿E as noites?
-As noites son das cabras do aire."
Bieito Iglesias, "Luanda" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.33-34
No hay comentarios:
Publicar un comentario