"A xente botouse a aplausar. A Evanxelina da Severa ripou, con anoxo, unha bágoa da meixela.
-¡Cala xa, Espranza Taborena!, déixame seguir.
Ouviuse a gallopada dos cascos nas lousas da rúa da Corona.
-¡Que ninguén se mova, compañeiros, que ninguén conteste á provocación!
As dúas parexas escomenzaron a meter o morro dos cabalos no xentío. No faiado da casa dos Romeral viuse un escopetazo. A munición esparexeuse na follax dos negrillos da praza dos Coiros.
O s do Centro baixaron axiña istruíndo á xente e formando cordón de mulleres e nenos frente aos xendarmes.
A xente íase, ordeadamente e a de apouco, pola rúa da Libertade, subindo á Pena Vixía, dando a volta polo calexón do Turco. O Elixio e mais a Evanxelina ían por entre a xente, abrindo paso ás mulleres cos nenos."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 251-252, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)
No hay comentarios:
Publicar un comentario