miércoles, 30 de diciembre de 2015

Regalos aurienses para cativas e cativos



Nadal de 2015: como en decembros anteriores rematamos un ano e comezamos o seguinte recomendando lecturas para cativos e cativas que os introduza no mundo literario e xeográfico de Auria. Se en anos anteriores viaxamos coa familia Bolechas e o capitán Aspanitas e o seu equipo, desta viaxamos, con Brais e Nemeto, a Lánsbrica.

Os Bolechas van de viaxe: As pozas de Ourense (2009) , banda deseñada de Pepe Carreiro, presume de ser a primeira guía turística de Ourense, guía para que os cativos entren en contacto, xa con poucos anos, cos lugares emblemáticos de Auria: a ponte romana, as Burgas e as pozas e a pasarela de Outariz. Outros lugares como a traseira da Ribeira de Canedo e o Tinteiro son  menos coñecidos. Facer un percorrido desde a praza Maior até Outariz no tren turístico que usan os mesmos protagonistas da historia é unha oportunidade marabillosa para descubrir a cidade por parte dos cativos, e tamén dos visitantes que se achegan por vez primeira a nosa cidade.  A idea de fotografar aos menores nos mesmos lugares que visitan os Bolechas pode ser o complemento ideal a nosa experiencia iniciática, tanto literaria como turística. Baixo un intenso calor estival os nosos protagonistas entrarán en contacto coas augas quentes da cidade,  ao tempo que se introduce o tema das separacións dos pais, tan frecuente hoxe en día, e como certos nenos/as cambian de casa algunhas fins de semana.De 0 a 5 anos.

O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (2013) de Ramón Caride. Novela infantil, con debuxos de Jaime Asensi, que tendo de novo como protagonistas as augas da cidade, esta vez cun aire de intriga, é unha desculpa perfecta para realizar un recorrido literario-turístico pola cidade de Ourense. Acompaña a novela dous mapas que poden axudar aos rapaces e rapazas a aprender a orientarse, ao tempo que seguen as aventuras dos nosos protagonistas. Auditorio, Burgas, Canedo, Catedral, Chavasqueira, cemiterio, edificios (Bispado, Correos, Simeón), esculturas (Ánxo Caído, Leiteira, Santo Cristo) Muíño das Veigas, Oira, Outariz, parque S. Lázaro, Ponte Romana, prazas (Bispo Cesáreo, Correxidor, Ferro, Maior,  San Marcial),  Remedios, río Miño, rúas (Cardeal Quiroga, Concello, Desengano, Fornos, Lepanto, Parada Justel, Paz, Progreso, Ribeira Sacra, San Miguel, Santo Domingo) e  San Francisco. Múltiples lugares que descubrir da nosa cidade, recorrelos, familiarizarnos con eles. Unha boa opción é seguir en bicicleta, como os protagonistas, o recorrido desta aventura. O Capitán Aspanitas, o noso superheroe local tamén nos permite achegarnos ao mundo e a labor das persoas discapacitadas. De 6 a 12 anos.

Viaxe a Lánsbrica (2012) de Miguel Mosquera Paans, novela xuvenil que nos achega a historia das terras ourensáns, desde a prehistoria, e múltiples lendas que aínda se conservan polos recunchos da nosa provincia. Brais, un estudante de secundaria do Carballiño, visita xunto aos seus compañeiros/as o castro próximo de san Cibrao de Lás. Despois de caer nun  pozo fará unha viaxe no tempo até a prehistoria, e dende aí, xunto ao xigante Nemeto irá recorrendo distintos lugares de Ourense nunha viaxe pola nosa historia.  Ideal para empezar a coñecer a provincia, e tamén toda Galicia. De 12 a 16 anos.

martes, 29 de diciembre de 2015

Os soños sicalípticos

"Con dous narcotraficantes e dous guías detidos, e co Delirios pechado por trata de brancas, todos volviamos ser felices. Só pensaba en descansar seguido. (...)

 Outro taxi perdeuse entre o tráfico, esta vez cara á Estación Empalme. Despedinme desexándolles sorte ás dúas no periplo porno catalán, que empezaba superando de cheo todas as expectativas posibles, sobre todo tendo en consideración o nome do recinto ferroviario de onde partían os soños sicalípticos."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.171-172

lunes, 28 de diciembre de 2015

Para reanimarme

"O taxi perdeuse polo Progreso e fiquei cos brazos cruzados, con cara de pasmón, tentando ralentizar os aceleróns do coche entre o tráfico. Helena desaparecera igual que Silvia Puga, igual que Marina cando se fartara dun borracho. A historia repetíase, só que agora eu tamén quería desaparecer, e non me faltaban ideas.

  Volvín entrar no Condal e pedín un lingotazo de whisky para reanimarme."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.170

domingo, 27 de diciembre de 2015

Media vida e algo máis doutra

"Os meus estereotipos avellentaran. Non houbo carantoñas. O taxista, un espectador canso e desmoralizado, agradeceuno. Xa na rúa, Helena deume unha aperta que nos cravou no chan o tempo equivalente a unha carreira entre Seixalbo e A Carballeira. Era media vida e algo máis doutra. Nunca sufrira arreguizos tales, nin sequera cando de totalitarismo hormonal, aloxado para sempre nas primeiras borrascas da adolescencia. O tacto dunha man nas miñas costas que emprendía un traxecto con curvas de apego nada ecuánime, dixerido aos tropezóns, erea o causante dos arrepíos.

- Adeus, Horacio -dixo ao tempo que se separaba de min.

- Adeus, princesa."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.169-170

sábado, 26 de diciembre de 2015

O aguillón cravado

"Pepe Pallozas volvía ás andadas co seu estilo expeditivo e prometía unha nova tanda de vitorias. En titulares destacaba a súa solidariedade co Tigre Cameselle, que levaba varios días gardando cama no Cristal-Piñor logo de recibir unha tunda do Depredador no Barbarela, onde o convalecente acudira moi borracho para lembrar diante das amizades a suposta condición homosexual de Penide.

 Erguín a vista e posteriormente acendín un pito. Tiña ante min os ollos seculares, coa súa inmensa porción de universo azul. Miraban sen matar de todo, coma se fose a última vez que concentraran feixes de luz para min. Tiña o aguillón cravado onde non existen receitas para calmar as recaídas. Helena continuaba fulminándome a pupilazos. (...)

-Claro que podes, muller. Non esperaba verte -dixen pechando o xornal

-Xa. Por iso vés xustamente ao bar que está máis preto da miña casa-tiña certa sorna primeiriza o asunto. "

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.167-168

viernes, 25 de diciembre de 2015

Cimbreque desaforado

"O día do seu antolóxico regreso aos cuadriláteros, o Caimán de San Francisco tombara en só corenta e cinco segundos ao Depredador de Viñoás. Seica Penide saltara ao ring moi baldado, xa que a noite anterior tivera que cumprir con catro meretrices da Peroxa moi libertinas, amigas de chupar cámara e do cimbreque desaforado nas posturas máis abstrusas. Afectáralle o esforzo. O Caimán, exultante logo de coñecer a sentenza do xuíz que o exculpaba de atracar o Champion do Posío cun estilete, só tivera que cumprir cun gancho de esquerda errado e un dereitazo destrutor."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.167

jueves, 24 de diciembre de 2015

Baixo mínimos

"Non houbo resposta. Sentíame coma case sempre e coma cando non estaba borracho: baixo mínimos. (...)  A noite do RockClub transformárase nun retallo co que debía apandar, un estudado axuste de contas no cal nada era o que parecía, pero que os dous necesitabamos coma un cravo ardendo ao que agarrarnos miserablemente. Marina solucionárame moito frío futuro cun irreflexivo estrambote, mais o agasallo viña envolto nunhas contraindicacións insufribles.

  Pedín un café con gotas para celebrar a retirada definitiva. (...) 

  A esas horas da mañá -era case mediodía- o Condal tiña costume de converterse nunha concentración de altos funcionarios satisfeitos."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.166-167

miércoles, 23 de diciembre de 2015

Parellas á xaneira pouco sibaritas

"O sicario con cara de cráter deu orde de que me conducisen ata un túnel adxacente, onde anos atrás se reparaban os trens avariados. Bastoulle estirar o pescozo coma un pito para que os compinches que dirixía lle fixeran caso. Helena non me soltaba e eu mesmo non quería que se soltase de min nunca, mais esa era outra historia. A galería que cheiraba coma o diaño, convertérase en lugar frecuentado por politoxicómanos empedernidos e parellas á xaneira pouco sibaritas, xa que o chan era unha fedorenta colección de xiringas e zorollos de recente feitura.

 (...) Faciamos as últimas filigranas por entre os raís cando o rostro de Acevedo, por fin, se burlou de nós dende o chan, cos ollos entornados."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.162-163

martes, 22 de diciembre de 2015

Ecoaban xa preto da explanada

"Grazas á pericia dos condutores, uns verdadeiros iniciados que me lembraron os mellores tempos de Carey Loftin, os sicarios conseguiron introducirse na explanada da estación. Levaron por diante unha portería que coñecera tempos mellores -o terreo estaba acondicionado para a práctica futboleira- e, por un momento, pareceume que non se ían resentir do estropicio causado polos excelentes tiradores que me precedían. A carreira, non obstante, non se prolongou todo o que desexaban. Antes de que puideran levantar po polos carreiros paralelos ao camiño de ferro, os dous coches bateron contra un dos muros do recinto ferroviario.

 (...) As sirenas da policía e das ambulancias ecoaban xa preto da explanada. Non sabía se viñan por min, polos colombianos ou polos guías, mais non me importaba en absoluto."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.157-158

lunes, 21 de diciembre de 2015

Dous bólidos americanos

"Os sicarios, a bordo de dous bólidos americanos, ascendían pola Rúa Coruña mentre eu, a unha distancia demasiado prudencial, tentaba imitar con escaso xeito a súa condución fitipáldica.  Vin que se aproximaban á saída do túnel que desemboca no remate de Pena Trevinca para virar á esquerda.  Algo xogaba ao meu favor. Os badocos deles non contaran -eu tampouco- coa presenza dun cuarto automóbil que me precedía.  Os ocupantes participaban xa nos enfrontamentos a base de balazos, todos perfectamente dirixidos aos pneumáticos dos bólidos, que estiveron a piques de provocar unha verdadeira desfeita cando esvararon nas inmediacións do apeadoiro de San Francisco. Tiñan as rodas rebentadas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.157

domingo, 20 de diciembre de 2015

Zigzagueando

"Non me quedaba outra opción. O seguinte destino conducíame á casa de Silvia Puga, se é que non me recibían a balazos.  Acelerei a fondo por Ervedelo e a piques estiven de levar por diante un operario do servizo de limpeza, que traballaba no acondicionamento da zona, aínda coas secuelas da festa independentista.  O fulano dedicoume xenerosas faltadas, todas moi comprensibles agás á que se referiu á miña potencia sexual, pouco decorosa. Derrapei e fun dar de cu cunha sucursal bancaria da Avenida de Portugal. Avancei en dirección prohibida ata o Progreso, zigzagueando entre os coches, e pisei a fondo ata o Posío."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.153

sábado, 19 de diciembre de 2015

Treboada

"Conducín coma un tolo ata chegar á cidade. Non respectei nin un sinal e a piques estiven de provocar varios accidentes. Sobre todo, cando dei en adiantar a un camión que provocara un atasco fabuloso á entrada da Avenida de Santiago. Tomei o carril contrario e piseille a fondo. Para non colisionar comigo, os conductores apartáronse á beirarrúa, onde os peóns brincaban para evitar atropelos.

 Cando cheguei á casa, Iris agardábame no portal, con bágoas nos ollos. O seu rostro anunciaba treboada."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.152

viernes, 18 de diciembre de 2015

Facéndolle ás beiras

"As churrianas, moi dispostas, chamaran á policía. Foi por iso polo que temín o peor cando os maromos da Garda Militar penetraron no local, todos enarborando as ferramentas. (...)

 Subín á peza do váter para gañar a fiestra. A superficie estaba escorregadiza por mor do mexo salferido por algún cirangallo saloio, e esvarei.

- (...) mais cando soubo que Adrián Seivane se deixaba caer polo local dedicouse a chantaxealo. Ameazouno de morte. Seguiuno varias noites pola cidade e soubo que andaba facéndolle ás beiras a Malena, o que lle facilitou moito o traballo."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.150-151

jueves, 17 de diciembre de 2015

Incisiva patada nos troles

"A súa relación co crime do avogado era evidente, xa que o feito de que quixera impedir a presenza do morto no Delirios apuntaba cara a escenarios sentimentais. Por moitas moreas de billetes e moitos quilos de farlopa que haxa polo medio, a necesidade de durmir ao quente sempe pronuncia a última palabra. (...)

 De camiño ao Delirios, non conseguía afacerme de todo ao Fura de Iris, tan acostumado como estaba á condución do meu carro, que supuxen feito unha vulgar ferralla nalgún cemiterio de automóbiles. (...)

 O lupanar inauguraba a xornada. A primeira hora, os puteiros eran poucos e non estaba nada borrachos. (...)

 As churrianas corrían espaventadas mentres o paifoco tentaba lanzarme unha poderosa artillaría de botellas e copazos, intención que malogrei cunha incisiva patada nos troles que o deixou sen folgos."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.146-147-149

miércoles, 16 de diciembre de 2015

Fame atrasada

"Non fun ao enterro de Noriega. O lobo tiña fame atrasada e visitaba o cemiterio de San Francisco para saír na foto. "O termo da vida aquí o vedes, o destino da alma segundo obredes." As forzas vivas da cidade, así como unha nutrida representación institucional encabezada polo conselleiro Carlos Luís Pereira, rendéranlle unha pomposa homenaxe cun discurso breve e emocionado -todos eran así- no cal se gababa a súa impecable folla de sevizos, "todo un exemplo para os cidadáns de ben, comprometidos coa democracia e o respecto ás liberdades"."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.145

martes, 15 de diciembre de 2015

A noite deixaba xa de escorregar

"Helena bocexou con todo luxo de detalles. Era hora de marchar. Cando saímos, a noite deixaba xa de escorregar polas ribeiras do Barbaña, dando paso ás primeiras luces da mañá.

 - Ou sexa, que me queres- dixen fronte á igrexa de Fátima.

 - Si. Pero non cho vou repetir máis.  En canto unha tía se sincera un pouco, os tíos sempre pensades que tendes o camiño feito."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.143

lunes, 14 de diciembre de 2015

Supoño

"-¿Que fose a onde?

 - A onde irían sempre, eu que sei. Ao puticlub onde traballaba Malena, supoño.

 O Delirios aumentaba a súa clientela.

 - Apareceu morta esta mañá- díxenlle.

- Non o sabía.

Helena puxo cara de non ter visto un cadáver na súa vida."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.142-143

domingo, 13 de diciembre de 2015

Kalimotoxos

"Helena estaba empeñada en irmos tragar kalimotoxos con licor de amora ao Tytadine, pero negueime con rotundidade de pai insubornable. Un encontro cos incendiarios podía ser fatal. Suxerinlle o RockClub e aceptou de bo grado e moi submisa, disposta como estaba a acceder a todos os meus desexos para que esquecese o episodio do carro malogrado.

 Abandonárame completamente a razón.

(...) Apenas ficaba xente no local, mais a festa non tiña trazas de rematar así como así.  Helena fumaba moi concentrada e eu sentía que o interrogatorio debía cambiar de bando.  Soaba algo dos Stooges."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.139-141

sábado, 12 de diciembre de 2015

Uliscaban pola zona

"Todo Ervedelo eran restos de batalla campal. As leiteiras da Garda Militar e os camións dos bombeiros esforzábanse porque todo volvera á normalidade, mentres algúns curiosos uliscaban pola zona buscando ser entrevistados por xornalistas de base. Horas máis tarde, os especiais informativos de todas as cadeas destacaban a ausencia de detencións e a eficaz intervención policial."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.138

viernes, 11 de diciembre de 2015

A mascada

"Ao caer a medianoite estaba totalmente empipado. As consignas e os berros enlatados dos corifeos da Vangarda Popular, que montaban barricadas en Ervedelo, confundíanse cos diálogos dunha película malísima. O sono empezaba a atacarme e só puiden liberarme dos sopores etilícos cando Helena veu con noiticias frescas que me fixeron botar a mascada. A Vangarda Popular prendéralle lume ao meu Dyane 6."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.136

jueves, 10 de diciembre de 2015

Fargallos

"-Esta noite montan cisco na Praza do Couto. Voume. Feliz borracheira.

  Iris acendeume a televisión. Logo sacou unha botella de licor-café do moble bar e deixouna enriba da mesa xunto a unhas copas. Rematou a actuación retirando unha morea de fargallos cheos de cascarra que se acumulaba enriba da cadeira de brazos.

 -Graciñas, pero sonche un borracho algo infeliz. Traguiños estes-dixen catando o licor.

 -Mexericas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.135

miércoles, 9 de diciembre de 2015

Esparavanado no chan

"Crucei a Avenida de Santiago para buscar outra perspectiva. O tráfico volvérase aínda máis impracticable nas inmediacións do Parque de San Lázaro. As negativas de Marina, o corpo de Noriega esparavanado no chan e a sesión de escuma con Helena atordábanme a cacheira. Xa en San Francisco, subín ata o Montealegre e de novo ollei a panorámica da cidade toda, sumida nunha pachorra falsaria que pretendía agachar varias semanas de cadáveres e mentiras, como se o formidable caos urbanístico, máis propio da mourería magrebí que do envexado estilismo vasco que tanto admiraban os guías, bastante tivera con ser espectador privilexiado."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133-134

martes, 8 de diciembre de 2015

Na fochanca

"Cheguei ata Seixalbo e dei a volta ata o Posío, de onde me dirixín á Carballeira e posteriormente ao Vinteún. A cidade, esborrallada na fochanca erosionada polo Miño coma as pezas dun xoguete, fervía nun caldeiro de néboa densa e apiñada, disposta a non abandonar a poza en días."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133

lunes, 7 de diciembre de 2015

Sen rumbo

"Pasei varias horas conducindo sen rumbo pola cidade mentres agardaba o titular nos boletíns radiofónicos. Atravesei a Ponte do Milenio, o Progreso e a Avenida de Zamora. Non me incomodou o tráfico mesto á hora da saída das escolas. Conducía de vagar, respectando escrupulosamente o código da circulación para desesperación dos conductores que me precedían, fartos do meu academicismo. "O comisario Ambrosio Noriega aparece morto na súa casa. Os primeiros indicios falan dun posible suicidio."."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133

domingo, 6 de diciembre de 2015

¿Pereira?

"-¿Como está Roi? -preguntei.
- Perdeu moito peso.
- ¿Por que raio non o traen a Pereiro? - protestei.
- Cando o GIA entregue as armas e acate o Estatuto Provincial quizais se traslade aos presos enfermos. Pero vai ser difícil.
- Parece que vos gusta que isto non remate nunca.
- Acabará cando nós xa non esteamos. Non facemos falta.
- Todo é unha farsa, cago na cona. ¿Quen se beneficia a Silvia Puga? ¿Pereira?

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.131

sábado, 5 de diciembre de 2015

Nunha tobeira escura

"Noriega quería comentarme "asuntos importantes" na súa casa. Dende que o deixara a parenta vivía nunha tobeira escura da Avenida das Caldas, preto da estación do ferrocarril. A muller quedara co chalé pareado en Rairo. Aparquei o meu Dyane 6 cor vermello-Barrantes ao carón da Sarita e antes que botar un pito preferín tomarlle dous viños nunha tasca próxima para non alimentar máis sarabullos. Debía coller folgos antes de subir a un cuarto sen ascensor."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.127

viernes, 4 de diciembre de 2015

Lercha

"-Vas ter que falar. Ata o de agora só fuches ti quen fixo as preguntas. ¿Como a coñeciches?

 -Nunhas colonias salesianas en Allariz. Ela era catequista e eu axudaba na misa. O resto é demasiado tórrido.

 - (...) Ou se o prefires, podo comentar no Tytadine que cada día que pasa melloras máis a túa técnica para torturar os nosos.

 -Lercha. Puta que te pariu.

 - (...) Coñecía a Marina da Vangarda Popular e unha noite que había festa no Tytadine presentounos. Daquela o GIA estaba en tregua e resultaba máis cómodo engulir kalimotxos sen bombas lapa."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.124

jueves, 3 de diciembre de 2015

Os encarapuchados

"A Garda Militar seguía cargando nalgúns manifestantes que se dispersaban por Emilia Pardo Bazán, mais a batalla rematara e só se distinguían algúns retallos. Os encarapuchados, que atoparan un lugar cómodo e seguro para mallar en min ata cansar, acubillados nun casarello ruinoso da subida ao Montealegre, propinábanme piñazos un tras doutro na dentamia. Saíanselles os ollos das cuncas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.117

miércoles, 2 de diciembre de 2015

Arrebolar pedras

"A batalla campal estendeuse ata San Francisco e de alí ata a explanada do antigo cuartel, onde conseguín atrincheirarme cunha ducia de encarapuchados que se sorprenderon pola miña falta de pericia á hora de arrebolar pedras e erguer o puño. Non tardaron en darse de conta de que non era un deles, o que meu deu azos para non mandar a Noriega a tomar polo saco."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.115

martes, 1 de diciembre de 2015

Cantullos e botellas a esgalla

"A Praza das Flores infundía respecto mesmo nos organismos máis apátridas e choqueiros. (...)

  A intervención da Garda Militar interrompeu os discursos e avinagrou definitivamente os ánimos. Comezaron a voar cantullos e botellas a esgalla. Os colectores cruzados na Pena Corneira chamaban ás barricadas e os máis atrevidos encarábanse con improvisadas estacas á policía, que cargaba nos concentrados coa mesma saña con que estes repartían carallazos con sinais arrincados do pavimento e outros elementos do mobiliario urbano."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.114-115

lunes, 30 de noviembre de 2015

Concentración silenciosa

"-Hai unha concentración silenciosa de apoio aos presos na Praza das Flores. Se queres que vaiamos, estamos a tempo.

  -Non. Irei eu só. Ti quedas na casa. (...)

  Separámonos na intersección entre Ervedelo e Xoán XXIII. Subín por Capitán Eloy -¡presente!- e alí estaba o vello, á altura do Xesteira, rodeado dun batallón de xornalistas. Os rapaces que ían camiño da Praza das Flores, mochila ao lombo, mirábano con fame atrasada."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.113-114

domingo, 29 de noviembre de 2015

O mes que vén cumpro dezaoito

"En Santiago ilegalizaran formalmente a Vangarda Popular acusándoa de formar parte do GIA, e todo aquel que compartira os obxectivos da banda, aínda que lle desen grima Chuck Norris e as filloas de sangue de cocho estilo Baixa Limia, era sospeitoso de alentar crimes horrendos. Mais no referido á retención ilegal de colaboradores do GIA menores de idade e guapísimas, o baleiro legal era estremecedor.

  -¿Cantos anos tes?

  -O mes que vén cumpro dezaoito."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.103

sábado, 28 de noviembre de 2015

Tempo sen entrar

"Era día canda saín á rúa. Preferín non coller o coche e airear por Ervedelo adiante. Merquei o xornal nunha pequena librería e fun directamente aos deportes. Boas noticias: Pepe Pallozas aceptaba o envite do Depredador Penide. Tamén fixen acopio de tabaco para varios día. Anos atrás sempre que saía do RockClub con día grande, paraba naquel quiosco para mercar os xornais frescos. Levaba tempo sen entrar..."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.100

viernes, 27 de noviembre de 2015

Outro ron

"-Só ía ao Delirios cos amigolos de sempre, claro. Unha panda de avogados moi larpeiros. Seguinos unha noite. Eses pagan ben e non alardean. O Nékora era doutra calaña. Un vidiñas metido a revolucionario.

  Malena pediu outro ron e baleirou o vaso dunha tacada.

  -O Nékora non matou a Adrián -confesou-. Ese fulano non ten nada que ver con todo isto."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.99

jueves, 26 de noviembre de 2015

Unha man tremelicante

"Pedín un whisky e unha auga mineral, soltei a cifra e, antes de que puidera poñerme medianamente nostálxico lembrando gloriosas enchentes no local na compaña de Roi Maceira -dono da maior colección de vinilos de punk rock coñecida na cidade, evindentemente-, unha man tremelicante demandoume unha protección que eu non podía ofrecer. Era Malena. Sen a tatuaxe ao aire e cuns lentes escuros non a coñecera.

  -Supuxen que a estas horas nos atopariamos aquí-ironicei. Precisamente estaba a piques de subir ata o Delirios a ver se algunha das túas compañeiras me pode resultar máis útil ca ti para resolver o caso."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.97

miércoles, 25 de noviembre de 2015

In corpore adfecto

"Conducindo xa por Ervedelo adiante, venceuna o sono. Por veces non era quen de manter o equilibrio e recostaba a cacheira no meu colo, axudándose coas mans. Os maromos do Tosca, sempre facendo garda, contemplaban o espectáculo dende a beirarrúa mentres saudaban a dúas negras espléndidas que entraban a fichar. Acelerei a fondo e pasei todos os semáforos en vermello para chegar canto antes e deitar a Helena, que seguía lapixando nas miñas pernas á procura de acomodo.

  (...) Penseino mellor. A esas horas, o RockClub sempre estaba aberto e a vida nunca me sorría. Fixen café e preparei dúas lonchas que metín in corpore adfecto."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.94-95

martes, 24 de noviembre de 2015

Aos tombos

"Cerqueina pola cintura. Alcanzamos a Praza Maior e fomos aos tombos ata os xardíns das Burgas. A xeada congregara unha morea de mendigos que combatían os rigores climáticos con viñoco, cubertos con mantas esfiañadas e cartóns en torno ao cano."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.94

lunes, 23 de noviembre de 2015

Unha marioneta desencarreirada

"-¡Helena, Helena!-berrei.

  Non perdera o coñecemento. Conseguín poñela de pé e sentala nas escaleiras que baixan ata a Praza Maior. Movía a cabeza construíndo círculos imaxinarios mentres debuxaba figuras imposibles cos brazos, coma unha marioneta desencarreirada.

  -Queren matar a miña nai -esbardallaba-. Os colombianos queren matar a miña nai e vou quedar soa.

  Os borrachos e os nenos sempre din a verdade. Os pastilleiros, ademais, póñense cariñosísimos. Non dei abasto."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.93

domingo, 22 de noviembre de 2015

Unha gargallada estrepitosa

"Con media botella de Dyc enriba empecei a facerme moita graza. Tanta que non puiden evitar soltar unha gargallada estrepitosa cando vin unha rapaza trousando na porta da igrexa de Santa María Nai.

  -¿De que ris, fillo de puta?- preguntoume a rapaza con ton desafiante.
  -De min- respondinlle a berros.

  A voz esgazada pola friaxe e o alcohol resultoume familiar."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.93

sábado, 21 de noviembre de 2015

Ganas de farra

"A Praza da Madalena era un bo sitio para intentalo. Apañei uns cartóns dun contedor, axustei a bufanda ao pescozo e busquei un lugar apartado para sentar no chan. O pic-nic non prometía moito, pero polo menos tiña intendencia abonda para renderme unha pequena homenaxe. O Zoco estaba pechando e os derradeiros clientes que saían á praza -algúns deles en manga curta, ostentosamente mamados- convidaban aos despistados a continuar a xoldra. Eu tiña ganas de farra, pero sen ter que dar conversa."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.93

viernes, 20 de noviembre de 2015

A fame

"A min, coa desilusión entroume a fame. Subín pola Pena Corneira e merquei nun vinte e catro horas un bocata mexicano, vasos de plástico, tres paquetes de Ducados e unha botella de Dyc. Non tiña ganas de volver a casa e atopala desordenada, inhabitable e fría. Pensei que o mellor sería remediar a fame no momento e seguir emborrachándome."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.92

jueves, 19 de noviembre de 2015

O silencio

"Deixeille propina ao camareiro, que esta vez non era o fulano que non se parecía ao poeta Roi Maceira, e nin mo agradeceu. Ao saír incomodoume moito o silencio da Praza do Correxidor, pero resultoume idóneo para coller aire, acender un cigarro e marcar o número de Marina. Necesitaba vela dunha vez por todas e aclarar o acontecido a noite antes de que Noriega me amargara o descanso dominical."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.91-92

miércoles, 18 de noviembre de 2015

Todas as mesas de todos os bares

"En realidade, estiveramos sentados en todas as mesas de todos os bares posibles onde nunca entraba a policía, "territorios liberados" que seguían engordando en densidade, ano tras ano, entre a Rúa dos Fornos e a Lepanto, pasando antes pola Rúa da Paz e as inmediacións do conxunto catedralicio. Transporteime dez anos atrás e vinme naquela barra, menos canso e máis roxelo, máis tolerantes coas resacas e..."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.91

martes, 17 de noviembre de 2015

Na mesma mesa, ou en calquera

"Subín da Praza das Flores á do Correxidor. O Tytadine era un discreto fervedoiro de xente. Sentei na única mesa baleira e pedín un whisky. Dúas rapazas botaban moedas nunha urna colocada enriba da barra, ao carón dunha fotografía do Nékora. O xesto servía para subvencionar parte das pompas fúnebres. (...) Decateime de que anos atrás estivera sentado nesa mesma mesa con Marina, ou en calquera, mantendo conversas que remataban sempe co penúltimo licor-café e o antepenúltimo canuto."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.91

lunes, 16 de noviembre de 2015

Recuncaban

"-Politicamente, máis ben pouco. Pero pode ser que co Nékora si tivese algún tipo de relación. Os dous recuncaban no Delirios, ¿non si? Celos, xogo, drogas, borracheiras... O de sempre. O guía quizais quixo cometer un asasinato persoal por causas que descoñecemos, reivindicalo no nome da banda e así alimentar a confusión."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.90

domingo, 15 de noviembre de 2015

Como xa sabes

"Os clientes do Montecarlo daban conta de tapas de xamón asado e tortilla, case todos chimpando cañas. Os únicos que só bebiamos eramos Noriega e mais eu. Ao terceiro viño, o camareiro deixounos a botella enriba da mesa.

   -¿Que me contas do Nékora?-preguntei.

   -Tres anos na Vangarda Popular e dez anos de militancia no GIA. A finais dos oitenta estivo en Bonxe, acusado de queimar un autobús urbano. Cando o da tregua saíu do cárcere porque non tiña delitos de sangue, e de alí a nada ingresou no Comando Arenteiro. Adicábase á captación de novos membros, como xa sabes. Mais quizas descoñezas que ultimamente non gozaba do favor da nova cúpula. O fulano ía moito por libre, e seica xa lles creara algún problema no Couto Mixto."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.89

sábado, 14 de noviembre de 2015

Nos probadores

"Pertencía a esa clase de mulleres felizmente casadas que, aos dous minutos de conversar con elas, parece que están pedindo longas sesións de sexo oral nos probadores do Carrefour. Todos devecían por ela. Guapa, intelixente, de boa familia e cunha educación exquisita, encantáballe que a convenceran de todo. Necesitaba ser o centro de atención, que piaran ao redor dela, mais cando ao vello non lle ía a auga para o lameiro, é dicir, case sempre, montaban esceniñas lamentables."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.88

viernes, 13 de noviembre de 2015

Calma tensa

"En todos os arrabaldes sucedíanse as protestas e as concentracións de apoio ao guía morto. Cumpría gardar as formas.

  Pola tarde regresou a calma tensa, terminoloxía acuñada polos veciños da zona vella para se referiren ás noites sen barricadas e sen detencións. A zona dos viños estaba practicable para a inxestión masiva de mencías, e só algún control policial delataba o estado dos ánimos. Nogueira agardábame no Montecarlo."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.88

jueves, 12 de noviembre de 2015

Zonas quentes

"De camiño á casa, evitei atravesar as zonas quentes. Na Praza de San Marcial os rapaces da Vangarda Popular enfrontábanse con cantullos e cócteles molotov á Garda Militar. A Praza Maior estaba tomada pola Policía Estatutaria e nas portas das sucursais bancarias da Rúa do Paseo foran colocados taboleiros de madeira para evitar estragos."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.87

miércoles, 11 de noviembre de 2015

Coche bomba

"O GIA fixera estoupar un coche bomba ao paso dunha furgoneta da Garda Militar, xusto na intersección entre as rúas do Progreso e Marcelo Macías. As primeiras noticias falaban dun garda morto. Arsenio Muñoz González, de vinte e dous anos, solteiro e veciño de Beade. Os guías, probablemente do Comando Faramontaos, activaran o coche bomba cun temporizador e fixeran voar polo aire un Ford Orion con vinte e cinco quilos de dinamita no maleteiro."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.87

martes, 10 de noviembre de 2015

Un bo cliente

"-Xuraría que os dous asasinatos poden levarnos a unha mesma persoa, ou a varias. O teu pai e o Nékora eran clientes habituais do Delirios, un lupanar para compartir. Cando lle meteron unha bala na cabeza, o teu camarada levaba enriba unha carteira chea de números de teléfono de prostitutas, incluído o de Malena. Era un bo cliente. Eu mesmo atopei o seu corpo a poucos metros do garito."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.83

lunes, 9 de noviembre de 2015

Desabotoei a gabardina

"-Vale -contestou-. Agárdote no Condal. Está dous portais máis alá do meu. (...)

  De camiño ao Condal merquei a prensa máis sensacionalista que atopei e, mentres percorría a actualidade informativa, deixeime contaxiar -aínda máis do habitual- por unha sensación de inmobilidade vella e desacougante, tantas veces repetida que se achegaba polo carril central ao peor dos paroxismos. A Rúa do Paseo vociferaba o meu nome. "Atopan o cadáver dun terrorista do GIA falecido en estrañas circunstancias." Desabotoei a gabardina."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.81-82

domingo, 8 de noviembre de 2015

Auria Ceive e Socialista

"-Agora mesmo non penso en nada -sentenciei-. En canto deteña ao camareiro do Tytadine por intento de asasinato, infórmote.

  (...) O Nékora era máis puteiro que patriota -así o era o común dos habitantes da cidade-  mais no ambiente revolucionario as debilidades con pendangas pasaban demasiada factura.

  (...) No entanto, estaba a piques de levar outra sorpresa. Heleniña fora previsora. "Auria Ceive e Socialista. 730 148 423. Chámame. Bicos." Noriega podía agardar toda a vida. Helena tivera a xenial idea de introducir un papeliño rosa nun dos petos traseiros do meu pantalón. "Auria Ceive e Socialista."."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 77-80

sábado, 7 de noviembre de 2015

A erupción ía ser inminente

"Contornaríanse en brazos doutro -pensei- e Marina seguiría cun fulano parvo, gris e larafuzas mentras eu me mamaba coma un can, pero Helena agardábame no Tytadine e iso chegaba.

  Saínd do Delirios trazando curvas perigosísimas. Antes de chegar ao coche, os chincharrazos de whisky colisionaron no meu estómago, sumido nun brutal revoltallo de líquidos incandescentes e falto de compango sólido. A erupción ía ser inminente."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx. 74

viernes, 6 de noviembre de 2015

Dous outeiros lumegantes

"A querindanga de Adrián Seivane chamábase Malena. Morenísima -Helena acertara- e prostitutísima, a fulana era unha gilda de postal salvaxe e veterana no oficio. Ágatha transmitiulle os meus desexos e a boneca achegouse paseniño, regalándome a visión dun dragón verde, con impregnacións vermellas, que trousaba lume aloxado nas súas nádegas, dous outeiros lumegantes que foran cimentados por un xenio creador indiscutible.

  (...) Estiven a piques de deixar que se confundira para sempre entre os borrachos e regresar ao Tytadine, onde Helena me agardaba catando viño barato e soñando soberanías populares."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.70-71

jueves, 5 de noviembre de 2015

Un strip-tease moi paifoco

"Aparquei o Dyane 6 diante da porta, esta vez sen disimular as miñas intencións. O Delirios parecía un lugar apetecible, propicio para beber whiskies caros ao quente e, sobre todo, á conta do vello. (...)

  No Delirios non se escoitaban hits autóctonos. O Caribe gañaba a partida. As putangas preferían éxitos varios de gasolineira, moi trillados e intrascendentes, mais impagables para desgobernar entrepernas. (...) Unha recua de solteiros que ían deixar de selo, todos moi mamados, convidaban a un godallo imberbe a petiscar a perrecha dunha das churrianas que, con pouca fortuna, ensaiaba un strip-tease moi paifoco."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.67-68

miércoles, 4 de noviembre de 2015

O tempo da castañeira

"Entrei no Tytadine e busquei un lugar discreto na barra, lonxe de miradas escrutadoras.  A decoración do local non mudara moito. Con máis disimulo que interese decateime de que os caretos dos guías históricos - Secundino Arias Lestedo, alias Cassen e Margarida Boulloso Castiñeiras, alias Raxada- seguían pendurados das paredes, pero os máis novos non os coñecía. Unha enorme bandeira cubría o teito todo e varias coleccións de fotos con escenas de manifestacións e tundas da policía enchían as paredes. (...) Só unhas rapazas se atrevían a mandarlle uns bailongos ao fondo do local, entre risos e consignas político-festeiras:
Agora que vén o tempo,
o tempo da castañeira, 
é cando lle falan d´amores
a unha meniña solteira.

  Celebrei a decisión para o baile das clientas máis novas con outra copa de licor."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.64

martes, 3 de noviembre de 2015

Chincharrazos: química e certezas

"Supuxen que o Tytadine debía ser un rebumbio de xente. Había moitos anos que non entraba, concretamente dende que Marina lanzara a hipótese de que non eramos dous, senón tres, mais logrei sacar forzas para deixarme ver nun ambiente que agora sería demasiado hostil. Se todo ía como pensaba, antes de pedir cita no Delirios íanme sentar ben un par de chincharrazos de licor. (...) Na Praza do Correxedor, a estatua de Otero Pedrayo falaba para un auditorio fantasmal. As xélidas temperaturas impedían permanecer máis de cinco minutos á intemperie sen desexar  licores vigorosos. Non ocorría o mesmo as fins de semana, cando o patriarca amosaba os seus dotes de orador ante un público atordado polo garrafón, á procura de química e certezas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.63-64

lunes, 2 de noviembre de 2015

Bullotes asados

 
"Na Praza do Ferro cheiraba a bullotes asados. O Andrés desmontaba o telderete despois do show. Parei na Vereda e no Montecarlo para tomarlle uns viñocos, manducar uns roxóns e ler a prensa do día, que anunicaba máis manifestacións polas dúas bandas. Varios políticos de Santiago tiñan previsto "chegar á cidade nas vindeiras horas para participar nunha multitudinaria concentración"."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.63

domingo, 1 de noviembre de 2015

Visita ao cemiterio de S. Francisco



Era a finais de xaneiro cando a granítica Auria diluíuse nun líquido pluvial que viaxou ao fondo estixio dunha antiquísima cidade dominada por verbas do pasado,  por rostros rexuvenecidos, por amores que contribuían a derreter aínda máis a pétrea cidade: ese día viaxei á cidade dos mortos, a ese lugar silencioso que parece estar no alto dun monte alegre pero que nembargante está debaixo de cada paso que dou mentres recorro a túa cidade. Todos os habitantes de Auria de todos os tempos  míranme, obsérvanme e pregúntanse quen é este individuo que prefire pasar unha tarde de sábado con eles, cadavéricos aurienses, antes que coas fermosas pero efémeras rosas que se ocultan tras o río do inverno. Recorro sendeiros, observo tumbas, imaxino rostros,  gozo de belezas cadavéricas pero non atopo a quen busco: Blanco-Amor, Valente; tan só Pedraio me saúda. Ninguén sabe deles... estarán a escribir afogados nas estixias augas. Blanco-Amor e Valente  decidiron viaxar unha vez máis a mundos ignotos aos que só se pode acceder mediante  ríos de tinta que brotan das Burgas cando o frío da noite nubra a mirada dos elixidos.

                                                                             Plubia

  ( Media noite do sábado 25 de xaneiro de 2014, no Tragaluz, rúa Tendas,11, despois de ter visitado o cemiterio de San Francisco, en Auria)


sábado, 31 de octubre de 2015

Fracasadas conversas

"A foto pertencia a unha época de relativa calma: o GIA declarara unha tregua indefinida, unha vez abertas de par en par as posteriormente fracasadas conversas de Chandrexa co Goberno de Santiago. (...) Marina entusiasmárase con aquel "escenario de paz e democracia" e eu co licor-café do Tytadine, de aí a nosa sona de parella modélica entre a xente que se movía neses ambientes. (...) O dono do Tytadine, un rancio de agarrarse -termo empregado polos guías de novo cuño para se referiren aos inmobilistas-, acusárao de ter veleidades anarquistas e de relaxar o adoutrinamento musical e político da rapazallada."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.62-63

viernes, 30 de octubre de 2015

A xénese do rock and roll local

"... ademais de ser unha ilustrada eminencia en todo o referido á xénese do rock and roll local. Grazas a el souben de Los Murciélagos, uns toliños de Ribadavia que gravaran nos locais de La Voz del Miño unha versión do Satisfation aló por 1966. Coñecín tamén a Los Cramps (os anteriores a Lux Interior e Poison Ivy, por suposto), que puxeran a cidade patas arriba co cancións de Elvis Presley e aos protopunkies Ben Posta, que seica compartiran escenario con Los Sirex en Barcelona enchendo ata a bandeira. A lista non remataba aí. Nueva Democracia, Los Posters, (antes Los Dráculas), Los Wagners, Los Meteoros, Los Volcanes, Los Poker, Los Gringos e moitos outros completaban unha chea de bandas das que Roi falaba durante horas, xurando atopar gravacións que, por desgraza, non existían."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.62 
 
Carátula do único disco conservado de "Los Murciélagos", 1996: extraído do blog "18 rodas", e cuias cancións pódense escoitar na plataforma musical Spotify.

jueves, 29 de octubre de 2015

Cando baixaba a persiana

"Ás poucas noties de parar no Tytadine fixéramonos íntimos. Cando baixaba a persiana do bar, Marina e máis eu ficabamos dentro, sempre moi mamados, apurando as últimas cañas para rematala canda el no RockClub. Roi morría por Radio Birdman, polos Cynics e polos Nomads..."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.62

miércoles, 28 de octubre de 2015

Escéptico e desencantado

"Unha das instantáneas, a máis pródiga en lembranzas,deixaba ver anos atrás unha parella nova, feliz e guapa, cervexa e canuto en man, acompañados do daquela ínclito camareiro do Tytadine, Roi Maceira. Da hostalaría á loita armada, e da militancia, ao Puerto de Santa María. Roi cumpría agora unha condena de doce anos por participar no secuestro de Xoán Manuel Calvo, director do diario do Noroeste. Unha demostración de forza que se saldara coa detención de todos os integrantes do Comando Baixa Limia. Alí fora caer un Roi escéptico e desencantado, sen máis ocupación que ver pasar os días, fumar porros, encherse de licor-café e sulfurarse coa lectura dos xornais."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.61-62

martes, 27 de octubre de 2015

Entre o tráfico

"Noriega despediuse con cara de merecer máis derrotas. Vin como se perdía entre o tráfico máis alá do estadio do Couto, onde un garda se empeñaba en contribuír ao colapso. Fiquei no medio da calzada algo atordoado, sen ser moi consciente do balbordo provocado polos claxons, que me suxerían amablemente -xunto coas correspondentes alusións familiares dos condutores- unha urxente saída por pernas. Con cartos no peto a dor resultaba tan soportable como a humillación."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.61

lunes, 26 de octubre de 2015

Media cidade

"Noriega sacou un sobre do peto do pantalón e deumo antes de provocar un formidable atasco. A esas horas da mañá, media cidade cruzaba Ervedelo en coche.

 -Está ben, respondeu. Aquí tes.
 -Grazas. Serei boa persoa -dixen apalpando o billetame-. E a ver se deixas de conducir coma un animal, que isto non é a Subida á Saleta."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.60-61

domingo, 25 de octubre de 2015

Parada e fonda

"Noriega seguía remexendo o café sen escoitarme, tusindo nerviosamente. Polo aspecto xeral da fachada -cabelo graxo e barba prolixa-, levaba días sen facer parada e fonda na ducha, onde seica lle daba tamén á chupeta.

  -Repítoche que necesito cartos -dixen-. Necesito investir no Delirios."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.58

sábado, 24 de octubre de 2015

Cheo de mazaduras

"Os guías, moi atentos, abandonáranme preto da praia fluvial de Oira. Tiveran o detalle de non levantarme a documentación, o que puxo en bandexa a filantropía dun paseante que chamou a Iris, moi alarmado polo meu estado físico. Aquel bandallas era eu, devolto á casa cunha morea de dúbidas na cabeza. Tiña o corpo cheo de mazaduras."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.54

viernes, 23 de octubre de 2015

Síndrome de abstinencia

"-Preferiría que fose polas boas ou por cartos. Pero necesito tempo para traballar a fondo. Con tal de que non me sinalen co dedo nas vosas tascas doume por satisfeito. Hai tempo que non podo ir polo Tytadine tomarlle uns lingotazos de licor-café. Teño síndrome de abstinencia."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.53

jueves, 22 de octubre de 2015

Malamente

"-Está ben, está ben -murmurei dende o chan-. Chámome Horacio Dopico e nunca serei policía. ¿Queredes algo máis? Cando era novo colaboraba na causa bebendo kalimotxos no Tytadine.

  Os encarapuchados axudáronme a recuperar, malamente, a verticalidade. Co corpo desfeitiño pola descomunal reverberación das hostias, logrei sentar e pedir clemencia."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.51

miércoles, 21 de octubre de 2015

Mexo de gato sen pretensións

"A choiva, esta vez un mexo de gato sen pretensións, todo pingolexo, obrigoume a forzar o paso cara á Avenida de Portugal, así que abandonei a posibilidade de determe nas ribeiras do Barbaña para procurar algunha solución coa que enganarme e manter o pensamento aletargado."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.47