domingo, 1 de noviembre de 2015

Visita ao cemiterio de S. Francisco



Era a finais de xaneiro cando a granítica Auria diluíuse nun líquido pluvial que viaxou ao fondo estixio dunha antiquísima cidade dominada por verbas do pasado,  por rostros rexuvenecidos, por amores que contribuían a derreter aínda máis a pétrea cidade: ese día viaxei á cidade dos mortos, a ese lugar silencioso que parece estar no alto dun monte alegre pero que nembargante está debaixo de cada paso que dou mentres recorro a túa cidade. Todos os habitantes de Auria de todos os tempos  míranme, obsérvanme e pregúntanse quen é este individuo que prefire pasar unha tarde de sábado con eles, cadavéricos aurienses, antes que coas fermosas pero efémeras rosas que se ocultan tras o río do inverno. Recorro sendeiros, observo tumbas, imaxino rostros,  gozo de belezas cadavéricas pero non atopo a quen busco: Blanco-Amor, Valente; tan só Pedraio me saúda. Ninguén sabe deles... estarán a escribir afogados nas estixias augas. Blanco-Amor e Valente  decidiron viaxar unha vez máis a mundos ignotos aos que só se pode acceder mediante  ríos de tinta que brotan das Burgas cando o frío da noite nubra a mirada dos elixidos.

                                                                             Plubia

  ( Media noite do sábado 25 de xaneiro de 2014, no Tragaluz, rúa Tendas,11, despois de ter visitado o cemiterio de San Francisco, en Auria)


No hay comentarios:

Publicar un comentario