miércoles, 30 de diciembre de 2015

Regalos aurienses para cativas e cativos



Nadal de 2015: como en decembros anteriores rematamos un ano e comezamos o seguinte recomendando lecturas para cativos e cativas que os introduza no mundo literario e xeográfico de Auria. Se en anos anteriores viaxamos coa familia Bolechas e o capitán Aspanitas e o seu equipo, desta viaxamos, con Brais e Nemeto, a Lánsbrica.

Os Bolechas van de viaxe: As pozas de Ourense (2009) , banda deseñada de Pepe Carreiro, presume de ser a primeira guía turística de Ourense, guía para que os cativos entren en contacto, xa con poucos anos, cos lugares emblemáticos de Auria: a ponte romana, as Burgas e as pozas e a pasarela de Outariz. Outros lugares como a traseira da Ribeira de Canedo e o Tinteiro son  menos coñecidos. Facer un percorrido desde a praza Maior até Outariz no tren turístico que usan os mesmos protagonistas da historia é unha oportunidade marabillosa para descubrir a cidade por parte dos cativos, e tamén dos visitantes que se achegan por vez primeira a nosa cidade.  A idea de fotografar aos menores nos mesmos lugares que visitan os Bolechas pode ser o complemento ideal a nosa experiencia iniciática, tanto literaria como turística. Baixo un intenso calor estival os nosos protagonistas entrarán en contacto coas augas quentes da cidade,  ao tempo que se introduce o tema das separacións dos pais, tan frecuente hoxe en día, e como certos nenos/as cambian de casa algunhas fins de semana.De 0 a 5 anos.

O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (2013) de Ramón Caride. Novela infantil, con debuxos de Jaime Asensi, que tendo de novo como protagonistas as augas da cidade, esta vez cun aire de intriga, é unha desculpa perfecta para realizar un recorrido literario-turístico pola cidade de Ourense. Acompaña a novela dous mapas que poden axudar aos rapaces e rapazas a aprender a orientarse, ao tempo que seguen as aventuras dos nosos protagonistas. Auditorio, Burgas, Canedo, Catedral, Chavasqueira, cemiterio, edificios (Bispado, Correos, Simeón), esculturas (Ánxo Caído, Leiteira, Santo Cristo) Muíño das Veigas, Oira, Outariz, parque S. Lázaro, Ponte Romana, prazas (Bispo Cesáreo, Correxidor, Ferro, Maior,  San Marcial),  Remedios, río Miño, rúas (Cardeal Quiroga, Concello, Desengano, Fornos, Lepanto, Parada Justel, Paz, Progreso, Ribeira Sacra, San Miguel, Santo Domingo) e  San Francisco. Múltiples lugares que descubrir da nosa cidade, recorrelos, familiarizarnos con eles. Unha boa opción é seguir en bicicleta, como os protagonistas, o recorrido desta aventura. O Capitán Aspanitas, o noso superheroe local tamén nos permite achegarnos ao mundo e a labor das persoas discapacitadas. De 6 a 12 anos.

Viaxe a Lánsbrica (2012) de Miguel Mosquera Paans, novela xuvenil que nos achega a historia das terras ourensáns, desde a prehistoria, e múltiples lendas que aínda se conservan polos recunchos da nosa provincia. Brais, un estudante de secundaria do Carballiño, visita xunto aos seus compañeiros/as o castro próximo de san Cibrao de Lás. Despois de caer nun  pozo fará unha viaxe no tempo até a prehistoria, e dende aí, xunto ao xigante Nemeto irá recorrendo distintos lugares de Ourense nunha viaxe pola nosa historia.  Ideal para empezar a coñecer a provincia, e tamén toda Galicia. De 12 a 16 anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario