"Pepe Pallozas volvía ás andadas co seu estilo expeditivo e prometía unha nova tanda de vitorias. En titulares destacaba a súa solidariedade co Tigre Cameselle, que levaba varios días gardando cama no Cristal-Piñor logo de recibir unha tunda do Depredador no Barbarela, onde o convalecente acudira moi borracho para lembrar diante das amizades a suposta condición homosexual de Penide.
Erguín a vista e posteriormente acendín un pito. Tiña ante min os ollos seculares, coa súa inmensa porción de universo azul. Miraban sen matar de todo, coma se fose a última vez que concentraran feixes de luz para min. Tiña o aguillón cravado onde non existen receitas para calmar as recaídas. Helena continuaba fulminándome a pupilazos. (...)
-Claro que podes, muller. Non esperaba verte -dixen pechando o xornal
-Xa. Por iso vés xustamente ao bar que está máis preto da miña casa-tiña certa sorna primeiriza o asunto. "
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.167-168
No hay comentarios:
Publicar un comentario