domingo, 7 de octubre de 2018

Un sol negro e violento

"Eu non me sentía roubada nin burlada nin asaltada, senón amada. Pero sentía tamén que todos aqueles veráns de Beiro, as nosas conversas no Carpazal, o noso mundo do wigwan, as historias que nos contaba o criado Anselmo, todo, absolutamente todo canto levabamos vivido naquela casa, incluso a vida da propia mamá, aquel seu encontro con Leopoldo durante aquel afastado verán, todo estaba tinguido agora pola color vermella daquela auga manchada de sangue que eu vira na bañeira o día da morte de Carlos, e que sería imposible de recordar xa nunca máis a limpeza azul e transparente dos ceos color turquesa que amparaban as nosa vidas cando estabamos en Beiro. Tiña  a impresión, pechada na biblioteca, escoitando de lonxe os ruídos que chegaban de fóra, o picar dos canteiros en Zas, as voces dos labregos traballando a terra nos campos de arredor, o cacarexar das galiñas no patio da casa, á beira do pozo, mesmo o silencio das teclas inmóbiles do piano, que se convertían nun estrondo, como se o pistoletazo que Carlos disparara naquela madrugada quedase para sempre suspendido no aire, convertido nun sol negro e violento."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 240-241.

sábado, 6 de octubre de 2018

Crebacabezas inmenso

“Os recordos, tan recentes todos aínda, revividos había uns días durante a viaxe con Arturo ata a cidade para avisar á miña nai, despois do disparo daquela noite fatídica, empezaban agora a trastocarse cun crebacabezas inmenso, igual que se o mundo se descompuxese en miles de cubos xigantescos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 240.

viernes, 5 de octubre de 2018

"Na última carta, Leopoldo declinaba unha invitación de mamá, na que ela non lle debía falar deles os dous nin do desexo de encontrarse, senón de min, e el lle respondía que sería mellor deixar pasar algún tempo, facer talvez algunha visita esporádica á casa da cidade, a tomar café, por exemplo, pero non ir a Beiro pasar unha semana. Nesa carta, Leopoldo cede, non obstante, a unha petición de mamá, é dicir,  que Carlos poida ir pasar o verán enteiro na casa de Beiro, e que me coñeza a min e poidamos xogar xuntos, que nos viría moi ben aos dous."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 239.

jueves, 4 de octubre de 2018

O día máis limpo e fermoso

"...que para el, para Leopoldo, aquela tarde que pasaran xuntos e sós no Carpazal, fora o día máis limpo e fermoso da súa vida, e que actuara coa conciencia tranquila de non estar facendo nada malo, nin sequera co sentimento de estar traizoando a  hospitalidade que lle brindara Indalecio ao invitalo a pasar aquela semana na casa de Beiro con eles os dous, e que aquel fora tamén o día máis feliz que vivira, ao poder tela por fin entre os seus brazos, morder os seus labios, bicar os seus peitos, acariciar o seu ventre e amala con aquela paixón absoluta, como non amara nin podería amar nunca máis a ningunha muller."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 227.

miércoles, 3 de octubre de 2018

Un pequeno buraco nalgunha balda

"Nunha delas, que aparecía gastada e rota nos dobrados, e que supuxen que antes de estar metida naquela carpeta debera ter ocupado outro lugar distinto, talvez máis secreto, quizais un pequeno buraco nalgunha balda da librería, Leopoldo dicíalle a mamá que non tiña que sentir remordementos polo que pasara aquela tarde no Carpazal, ao rematar de comer, cando os dous foran dar un paseo, que despois de todo non se engana a un home ao cal non se quere con amor."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 238.

martes, 2 de octubre de 2018

Pola horta

"En primeiro lugar, porque tía Mercedes falou con Adolfo só por suposicións, pois ela non sabía nada, simplemente non soportaba velos aos dous, a Leopoldo e a mamá, paseando pola horta, sentados no merendeiro ou baixando ata o Carpazal. Para min xa  non era necesario ler nada máis, pero abrín con ansiedade as catro últimas cartas que me faltaban aínda por ler."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 238.

lunes, 1 de octubre de 2018

No río con esa intención

"Nela dicíalle que ela non tiña que sentirse culpable de ningunha maneira, que as tendencias autodestructivas de tío Adolfo viñan de antigo, que el xa escoitara dicir na súa casa, moitos anos antes, que en Beiro tiñan ese problema co fillo maior, e que non fora a primeira vez que se metera no río con esa intención".

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 237.

domingo, 30 de septiembre de 2018

Sós na biblioteca

"Logo vén o relato da conversa que Leopoldo tivo coa avoa Rafaela, metidos os dous sós na biblioteca, mentres fóra se escoitaba a voz de papá dicindo que as criadas empezaran a baixar coas cestas para o xantar no Carpazal. Hai logo cinco cartas, escritas tres anos despois, (...) pois recoñece que non lle vai ser fácil convivir con tía Mercedes, a unha invitación de mamá para pasar uns días en Beiro."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 236.

sábado, 29 de septiembre de 2018

Sen retórica

"Hai un pouco aínda, lin unha vez máis o paquete de cartas que me entregou a miña nai antes de regresar á cidade, o venres pasado. (...) Son quince cartas de Leopoldo, as tres primeiras escritas ao principio, cando el se foi de Beiro, , despois de que tía Mercedes os sorprendera bicándose no salón. Son cartas dun adolescente namorado, escritas cunha sinxeleza emocionante, sen retórica."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 235-236.

viernes, 28 de septiembre de 2018

Un cempés repugnante

"Cando me dixo isto último pensei por primeira vez no enterro do día seguinte e sentín, en primeiro lugar, que aquela palabra era fea como un cempés repugnante desprazándose pola fronte inmaculada de Carlos, e despois como se a viaxe que tiñamos que facer a Bóveda ao outro día pola mañá se convertese nunha tarefa odiosa, tan insoportable como subir ao alto dun monte escarpado co corazón desbocado e ameazando con rachar en mil cachos dentro do peito, dinamitado por un esforzo superior para o cal nunca estivera preparado."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 235.

jueves, 27 de septiembre de 2018

Saloucos suaves e silenciosos

"Cando chegamos á casa de Beiro, a primeira persoa á que atopei foi a Leopoldo, o pai de Carlos. Nada máis verme entrar no salón, abrazouse a min e empezou a chorar cuns saloucos suaves e silenciosos, mentres me pasaba a man pola cabeza, como se fose el quen quixese consolarme a min."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 234.

miércoles, 26 de septiembre de 2018

Longamente nos labios

"Conforme nos iamos achegando a Beiro, Carlos baixou a velocidade e ao chegar a Tralaira, parou debaixo dos castiñeiros do campo da festa, sen apagar o motor, e alí me bicou de novo longamente nos labios."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 227.

martes, 25 de septiembre de 2018

O día da sedución

"Ao revés, dábame a impresión de que, desde o día aquel que Arturo chamaba o día da sedución, cando nos coñeceramos na Coruña e foramos os dous xuntos ao Hotel Finisterre, ata a última vez que falara con el, na casa de Beiro, pouco antes de que Carlos e mais eu nos meteramos no coche para saír a dar un paseo, a quen eu realmente traizoara fora a Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 226-227.

lunes, 24 de septiembre de 2018

Arrepiada un niño de vermes

""Si, pero cando cheguei a Beiro para pasar aquel verán, nada máis baixar do coche de papá, olláchesme cunha cara de noxo que mesmo parecía que estabas mirando arrepiada un niño de vermes", dixo Carlos sorrindo, aínda envolto no aire radiante de felicidade que nos dominaba."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 224.

domingo, 23 de septiembre de 2018

Un ser horrible

"Respondinlle que si cos ollos e preguntoume se eu pensaba que el o fixera con Alexandra, aquel verán  que andaba tan triste, e que marchara con aquela rapaza á Fontemoura, onde os descubrira un amigo do criado Anselmo. Respondinlle que si. (...) "Víame como un monstro a min mesmo", dixo, e logo explicoume que aquel ano, pola primavera, unha mañá, na casa de Bóveda, ao erguerese e entrar no cuarto de baño, descubrírase no  espello como un ser horrible..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 223.

sábado, 22 de septiembre de 2018

Aínda dentro de min

"Sentíame completamente feliz, igual que se todos aqueles veráns que pasaramos en Beiro se xuntasen repentinamente nun punto de alegría concentrada, nun instante, naquel momento de fulgor que estabamos vivindo, o mesmo que se durante todos aqueles anos esstivesemos acumulando minutos, horas e días de contento para facelos estralar naquel delirio dos sentidos que acababa de estourar dentro dos nosos corpos e que agora se deslizaba pola nosa pel  co aleteo dun sono que nos invitaba a seguir deitados un ao lado do outro, con Carlos aínda dentro de min, sen dicir nada."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 222.

viernes, 21 de septiembre de 2018

Na curva aquela

"...pouco máis tarde, ao chegarmos xuntos á casa de Beiro, despois de despedirse de min na porta do salón, dicíndome en voz baixa que era o home máis feliz do mundo, se metera no cuarto de baño e se pegara un tiro na cabeza. Eu aínda levaba o cheiro da súa pel nas miñas mans e no meu corpo, e aínda levaba nos oídos un eco afastado que me repetía aquelas palabras que Carlos me dixera alí, na curva aquela, ao pé das árbores que baixaban formando un bosque desde o alto de San Vitorio, cando me explicara cómo tía Mercedes sorprendera a mamá e a Leopoldo bicándose diante da ventá do salón que estaba ao lado do piano."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 220-221.