lunes, 6 de abril de 2020

"Cantar de Romasanta". Luar na Lubre.(2018)



No último disco de Luar na Lubre dedicado á zona da Ribeira Sacra ourensá aparece este cantar, con letra dos irmáns Castro Vicente, Felix e Cástor, que tamén colaboran no tema tocando concertina e frauta respectivamente, que se inspiran nun antigo prego de cordel sobre o caso.


Nesta canción participan: Marisa Valle Roso (voz)  –a cantante no resto do disco é Belém Tajes, quen a interpreta nos directos-, Bieito Romero (gaitas, acordeón diatónico e zanfona), Antía Ameixeiras (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor e djimbek), Pedro Valero (guitarras acústica, eléctrica e española, bouzouki e baixo pedal), Xavier Ferreiro (percusións latinas e efectos), Xan Cerqueiro (frautas). Ademais colaboran neste tema Nani García (teclados), Félix Castro Vicente (concertina) e Cástor Castro Vicente (frauta).

Letra:
Felix e Castor Castro Vicente.


Veñan novos e mais vellos
esta historia  a escoitar
do máis grande criminal
que coñeceron os tempos.

O lobishome de  Esgos
que en Allariz foi xulgado
                            polos nove asasinatos,                        
das irmás García Blanco,
Antonia en Rebordechao
E cinco  infantes coitados.

Manuel Blanco Romasanta,
tendeiro de profesión,
sen chisco de compasión
as súas vítimas mataba.

Dicíalles que as levaba
a servir a Santander
e que así poderían ter
unha vida regalada.

A San Mamede marchaban           
 e non se volvían ver.

Na aldea Castro de Laza        
xa faltaba tanta xente
que comezou a dicirse
que era o Manuel que as mataba;
e o unto que lles quitaba
nas boticas foi vendido.


Ao asasino fuxido
apresárono en Toledo,
xa non meterá máis medo!
xulgaranse os seus delitos.

Axiña confesaría
que por culpa dunha fada
que o seu mal pai lle botara
en lobo se convertía.

E coas gadoupas abría
das vítimas as entrañas,
a súa carne devoraba,
e as roupas logo as vendía
dende Ourense ata Boticas
coa tenda que comerciaba.     

Todo o mundo horrorizado
non dá creto ao que lle escoita,
non se fala doutra cousa,
grande sona toma o caso.

O Manuel foi indultado
de morte en garrote vil.
Preso en Ceuta o seu fin   
morreu dun cancro terrible.
Deus castigou os ruíns crimes
do home lobo de Allariz.

Presentación do disco no Teatro Principal de Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario