"De todos os lugares que estivera até agora, Nemetóbriga parecíalle a Brais o lugar máis suxestivo e fermoso. Nemetóbriga non era unha simple cidade: era toda unha comarca. Próxima a antiga Viana, por un momento o rapaz lembrou a aqueles troianos que se separaron de Anfiloquia. (...) Pero aquela zona era ben distinta á que lle describiu Nemeto naquela carreira impetuosa por alcanzar a súa cidadela; de feito, atopábanse ao abeiro das chamadas Terras Altas, nun val bañado por un río de nome Navea. Cara á fronte estendíase o bosque da Fraga ao que os Tiburos, indíxenas do lugar, reverenciaban como bosque sacro.
A dicir do sacerdote da tribo, era o santuario onde se adoraba aos deuses e se facían sacrificios, sobre todo á protectora do lugar, a deusa Navia, cuxo nome, que signifca río sacro, bautizaba a corrente que o bañaba e que, tras percorrer a Serra de Queixa e os bosques de Casteglio, Coba e Pedrazás, saciaba a sede do río Bibei."
Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.39-40
No hay comentarios:
Publicar un comentario