domingo, 31 de enero de 2016

O silencio percorría os claustros

"Os relixiosos alertados comezaron a deambular por todo o convento en busca daquela malévola voz que crían do diaño para conxurala. (...)

  Ao amparo da invisibilidade que lle ofrecía aquela apócema que inxeriran en Listanco, agora podería pescudar sen ser visto e desenmascarar ao culpábel. (...)

  O silencio percorría os claustros daquela enorme copistaría e só era turbado polo murmurio dos eremitas que rezaban sen descanso, máis que pola alma das vítimas polo temor que espertaba neles a presenza de tanto mal.

  Algún laiábase convencido de que o asasinato non era outra cousa que o xusto castigo divino polos pecados de gula e folganza aos que tan entregados andaban os habitantes do convento."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.88-90

sábado, 30 de enero de 2016

Á vida monástica

"Aquel coitado infeliz dera cos seus ósos no convento simplemente por ser fillo de familia nobre e, sendo demasiado novo para loitar nas cruzadas pero fidalgo dabondo como para aspirar ao patrimonio do seu irmán primoxénito, condenárano para sempre á vida monástica. Así, desposuído dos seus apelidos, chegou Ursino ao mosteiro de Oseira. (...) un día acertou a entrar nna cociña do convento onde se atopaba Cotela, unha criada azorada entre os potes dos frades. Ao vela, Ursina namorouse irremediablemente dela, tal era a súa sinxeleza e louzanía."


Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.86

viernes, 29 de enero de 2016

Baixo pena de excomunión

"Era san Gonzalo das Penas, o abade do mosteiro de Aciveiro, quen non moi convencido co suceso acontecido cos seus monxes e a correa de tenreiro, decidira afastarse a Oseira para meditar.(...)

  Cando o plantígrado se esvaeceu do mesmo xeito que aparecera deixando o terreo despexado, ambos os dous amigos decidiron aproximarse ao convento. Ante as portas manifestábanse airados os veciños de Cotelas, o suburbio da abadía, quen en tempo de Coresma acusaban aos frades de comer porco mentres a eles lles estaba prohibido achegarse a esa carne baixo pena de excomunión."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.82 

jueves, 28 de enero de 2016

Terra abondosa en osos

"-Non todos son iguais- intentaba convencer o rapaz ao xigante-, acompáñame a san Xoán de Ursaira. Alí verás como os monxes se dedican á oración e ao consolo dos necesitados.(...)

  Marchando a bo ritmo, ao quinto día puideron contemplar, desde o camiño que conducía ao val onde se levantaba o mosteiro, a silueta dunha poderosa mole de granito traballado que abeiraba un dos conventos máis produtivos do reino.(...)

  Situado nunha terra abondosa en osos, serviu para dar nome ao mosteiro: san Xoán de Ursaira, que co tempo, como moitos outros, acabaría por mudar a súa advocación para converterse en santa María a Real de Oseira."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.80-81

miércoles, 27 de enero de 2016

O medo en forma dun cabalo

"...colleron camiño cara a Terra de Montes, onde xa nun pasado aquel providencial territorio lles ofrecera hospitalidade.

  E así chegaron tras longas xornadas á parroquia de Xirazga onde se decataron de contado da lamentábel situación que vivían os seus habitantes. Lindando con Portela da Cruz, na Veiga do Piñeiro onde está o paso de Portocabalo en dirección ao Campo das Correas, aparecía polas noites o medo en forma dun cabalo que asustaba ás xentes.

  (...) conseguindo unha interminábel correa coa que, rodeando unha inmensa extensión de terreo, ocuparon íntegro o recinto do Campo da Correa, que desde ese momento pasou a engrosar os bens do mosteiro."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.79-80

martes, 26 de enero de 2016

San Martiño de Tours

"Solucionado o conflito, a delegación continuou o seu camiño á capital para dar conta ao monarca das instrucións de Martiño de Dumio. Pero cando chegaron a Ourense, decatáronse de que se demoraran tanto na viaxe que Carriarico (...)

  En gratitude polo milagre obrado, o monarca suevo erixiu unha basílica para honrar a san Martiño de Tours no lugar onde até agora o pobo veneraba á deusa Nai.

  Pero Arcádigo, o primeiro bispo nomeado para exercer o seu ministerio na nova catedral, axiña reparou en que a súa igrexa estaba completamente baleira, polo que solicitou a Carriarico reliquias para adornar o templo."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.77-78

lunes, 25 de enero de 2016

As reliquias de Wintila

"Continuando polo camiño, xa en Punxín atopáronse en metade dunha liorta na que os poboadores da veciña aldea de Freás discutían acaloradamente  cos de Punxín cal das dúas aldeas abeiraría as reliquias do recentemente falecido Wintila. Este vivira en santidade entre os montes de santa Marta de Punxín e santa María de Freás, atopándose de cando en vez con Leocris, co que elevaba as súas pregarias ao ceo. (...)

  Por suposto que pouco tivo que ver o azar xa que aos bois lles pareceu máis doado o camiño descendente cara a Punxín que subir turrando do carro a Freás."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.76-77

domingo, 24 de enero de 2016

Matar unha serpe

"Tras pórse novamente en marcha co mellor ánimo que até agora e tras cubrir apenas un quilómetro máis alcanzaron o limite de Punxín, no lugar de Santa María da aldea do Viñao. Vivía alí entregado á oración o ermitán Leocris.

  O santón ocupaba unha chaira encostada a unha pequena ermida que el bautizara como de San Pedro, na que entre ladaíñas cicelaba un sartego. (...)

  Como ía matar unha serpe? O coloso suxeriu a un dos veciños que se achegase á próxima vila de Listanco en busca da meiga por se con algún meigallo era quen de inutilizar á cóbrega, coa esperanza de que así polo menos o animal non resultase danado.

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.74-75

sábado, 23 de enero de 2016

Prodixios e milagres

"E dando as oportunas ordes, a embaixada iniciou a viaxe de regreso aproveitando o Camiño Real en dirección á capital.

 Cubrirían uns once quilómetros cando se atoparon nas inmediacións de Listanco. Detivéronse xusto ante a capela de San Miguel de Armeses, en cuxo interior unha pequena icona do santo pisaba unha enorme cabeza que representaba a Satanás.

  No exterior unha muller de aspecto miserábel ofrecía prodixios e milagres a quen pagar unhas cantas moedas quixer, e de non telas valería o mesmo vender a alma."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.73

viernes, 22 de enero de 2016

Á pena dos namorados

"Ambos consentiron en formar parte daquela delegación na compaña dun destacamento por escolta e un pelotón de servos que cargasen co tesouro e as vituallas e, sen deterse demasiado tempo, puxeron rumbo á pena dos namorados no curso do río Arenterio, entre as aldeas de Señorín e Mesego, nas proximidades do muíño do Anxo, onde se dicía que o venerábel Martiño se afanaba en evanxelizar aos pagáns."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.70

jueves, 21 de enero de 2016

Ti, o milhomes, achégate

"Nestes turbios pensamentos meditaba Carriarico cando saíu ao balcón de palacio para refrescar a súa mente coa vista das Burgas e reparou no xigante en compañía do raparigo. (...)

  -Ti, o milhomes, achégate -chamou o rei ao coloso-. Preciso que me fagas un servizo.

Brais acompañou a Nemeto a través da escalinata do palacio despois de que a garda lles franquease a entrada. Acompañados dun soldado, os nosos heroes foron conducidos ao salón do trono onde os agardaban. (...)

 Cheos de dúbidas, ambos os dous legados iniciaron o camiño de regreso á corte ourensá.

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.70/73

miércoles, 20 de enero de 2016

Vila Alaricii

"Enfastiado e aflixido, Carriarico desterrou ao sacerdote que, tomando a aqueles que se mantiñan fieis á súa doutrina, emprendeu o camiño do exilio en dirección ao castro de Armeá. Unha vez alí, a beiras do río Arnoia, próxima ás súas ruínas da cidade do pretor Olibrio, o sacerdote fundou a súa propia urbe, que a partir de entón sería coñecida como Vila Alaricii, a vila de Alarico, e que co tempo se coñecería por Allariz."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.69

martes, 19 de enero de 2016

O rei Carriarico

"O rei Carriarico gozaba dunha tranquila monarquía no seu palacio ourensán. A súa terra era próspera. Acuñaba a súa moeda e organizara o territorio en parroquias e lugares, o que permitía que a súa facenda non deixase de medrar con tributos. (...) Protexido polas terras orientais destes últimos grazas aos aurienses que combatían indistintamente a ambos os dous contendentes, Carriarico compracíase dun reinado bastante próximo á paz."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.68

lunes, 18 de enero de 2016

Calpurnia Abana

"Polo menos As Burgas continuaban onde as deixaron, aínda que neste momento presentaban un aspecto máis urbanizado. Xa non era aquel manancial natural fumarento, senón unha fonte perfectamente entallada de granito.

  Os amigos chegaron no intre xusto no que unha muller chamada Calpurnia Abana Aeboso, descendente dos abbisocios que eles coñeceran, daba instruccións precisas aos seus criados para que depositasen aos pés do nacente unha ara votiva.

 A muller invocou ás ninfas das Burgas ofrecéndolles aquela ofrenda en gratitude por unha visión que tivera durante un soño.

  Rematada a cerimonia, os participantes dispersáronse até despexar completamente o lugar.
-Debe estar deliciosamente quente esa auga -coincidiron os fatigados viaxeiros-, un bo baño non nos faría mal.

  E sen dubidalo, espíronse mergullándose nunha poza anexa onde a temperatura da auga era pracenteira.

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.66-67

domingo, 17 de enero de 2016

Unha cidade mudada até no nome

"Brais e Nemeto decidiron ser os primeiros en probar aquel enxeño gañando a beira oposta que os conduciría, tras cinco xornadas de marcha, a Anfiloquiópolis. Decidiran que estaban cansos de tanto trotar e que sen dúbida naquela urbe coñecida se atoparían con lugares familiares onde gozar dalgunha comodidade.

  Mais cando chegaron, deron cunha cidade mudada até no nome. Agora chamábanlle Auria, e alí onde Nemeto lembraba a casa do seu amigo Anfiloquia, levantábase agora un pretorio romano.

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.66

sábado, 16 de enero de 2016

A lagoa

"Os habitantes afanábanse en contruír un gran rego para canalizar o río Sil que regaba aquelas paraxes.

  Coa forza dos brazos desecaran a lagoa contruíndo a ambas marxes senllas aldeas, A Rúa e Petín, onde estaba o berce daquela canle. (...)

  Daquela decidiron construír un embarcadoiro en Viloria fretando unha barca que salvase a corrente para unir ambas as dúas marxes cun groso cabo que asegurase a estabilidade da embarcación facilitando o traxecto."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.65-66

viernes, 15 de enero de 2016

A fonte de Augas Santas

"E sen dubidalo, ao chegar á foz do Arnoia, decidiron remontar aquela canle en busca dalgunha paraxe onde descansar. Por fin, logo de case media xornada remando a contracorrente, alcanzaron unha vila aos pés do castro de Armeá,, administrada polo prefecto romano Olibrio. (...)

 -Chámome Mariña -explicou a moza-. Son filla do gobernador da cidade de Antioquia. O meu pai encomendou a miña educación a unha aia desta vila. Ignorándoo o meu proxenitor, aquela boa muller era cristiá e educoume na súa fe.(...)

  Pero para cando chegaron xa nada podían facer: a machada do verdugo segaba o pescozo de Mariña. A cabeza rodou dando tres chimpos no chan mentres os seus beizos pronunciaban: "creo, creo, creo". Alí onde o cranio rebotou xurdiu un manancial que, a partir de entón, se coñecería como a fonte de Augas Santas."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.62-63-65

jueves, 14 de enero de 2016

Xúpiter e Xuno

"Admirado pola beleza daquela terra, o deus cheo de emoción imprimiu unha pegada tan forte que fendeu diagonalmente o chan, de onde inmediatamente brotou o río Miño.

  Vendo Xuno aquel prodixio, a esposa de Xúpiter sentiu celos pola paixón que Gallaecia espertaba no seu marido, e en vinganza golpeu as montañas abrindo unha fenda que formou o canón do Sil.

  (...) Cando a aflixida consorte pediu clemencia, o deus consentiu que se transformase no río Sil. Desde a máis extrema altura da Ribeira Sacra, Xúpiter observaba como o río discorría manso e caudaloso. Sedento de amor de Xuno, Xúpiter transformouse no río Miño para poder atoparse coa súa amada nos Peares."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.60-61

miércoles, 13 de enero de 2016

Caeran todos os castros

"En canto puido recuperar os folgos, comezou a relatar xesticulando vivamente. Lograra fuxir do choque inimigo contra o castro de Mao. Na súa fuxida percorreu cantas fortificacións achara ao seu paso para dar parte do acontecido. (...)

  O castro de Trelle caera. Antes de sucumbir, algúns dos seus habitantes escavaran un oco para evitar que o seu máis prezado tesouro, unha trabe de ouro que adornaba o centro do castro, caese en mans inimigas. (...)

  Un tras outro caeran todos os castros: Marcelle, Armeá, Garfián, Antioquia, Lánsbrica, Magros, Vilachá... a lista era interminábel. Só o castro do monte Medulio estaría en pé, segundo os seus datos."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.46-47

martes, 12 de enero de 2016

Río sacro

"De todos os lugares que estivera até agora, Nemetóbriga parecíalle a Brais o lugar máis suxestivo e fermoso. Nemetóbriga non era unha simple cidade: era toda unha comarca. Próxima a antiga Viana, por un momento o rapaz lembrou a aqueles troianos que se separaron de Anfiloquia. (...) Pero aquela zona era ben distinta á que lle describiu Nemeto naquela carreira impetuosa por alcanzar a súa cidadela; de feito, atopábanse ao abeiro das chamadas Terras Altas, nun val bañado por un río de nome Navea. Cara á fronte estendíase o bosque da Fraga ao que os Tiburos, indíxenas do lugar, reverenciaban como bosque sacro.

  A dicir do sacerdote da tribo, era o santuario onde se adoraba aos deuses e se facían sacrificios, sobre todo á protectora do lugar, a deusa Navia, cuxo nome, que signifca río sacro, bautizaba a corrente que o bañaba e que, tras percorrer a Serra de Queixa e os bosques de Casteglio, Coba e Pedrazás, saciaba a sede do río Bibei."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.39-40

lunes, 11 de enero de 2016

Laetes

"...até que, certa mañá, chegaron voces de que unha poderosa lexión romana estacionara á beira do río Laetes. (...)

  O Limia discorría manso ante os pés das tropas latinas, o que convencía aínda máis aos aterrorizados de que se o cruzaban esquecerían a súa patria, a súa casa e os seus nomes, e xa nunca poderían regresar.

  O xeneral impacientábase por veces até que, enfastiado do terror e a negativa das sáus forzas a cruzar o Flumen Oblivionis, foi directo ao abandeirado e, arrincándolle o estandarte das mans, encamiñouse con paso decidido a cruzar aquela maldita corrente que o detiña.

  (...) se atopaban ao redor do ano 19 a. n. e., recoñecendo que aquela canle que os indíxenas chamaban o Belion, non era outro que o río Limia."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.38-39

domingo, 10 de enero de 2016

Anfiloquiópolis

"Pasado o tempo, o capitán que comandaba aquela rea de troianos coñeceu a outro pobo que habitaba preto de onde, nunha ocasión anterior, Nemeto e Brais foran testemuñas do sono dun río. Aquela dama que descansaba chamábase Loña, e na súa desembocadura moraban os pacíficos abbisocios. (...)

  Todo o pobo, troianos e abbisocios, xa convertidos nun só, choraron a morte do prócer, e na súa honra bautizaron aquela cidade que fundaran á calor das burgas co nome de Anfiloquiópolis, a cidade de Anfiloquia.

  Pero o tempo non ten piedade de ninguén e aos poucos borrou a memoria daquel pasado grego, mentres os moradores da cidade extraían ouro das montañas do val do Miño, así como das súas areas que lavaban á luz da lúa."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.36-37

sábado, 9 de enero de 2016

Tan quente que queimaba

"Arrepiados, os acantonados decidiron levantar o campamento buscando un lugar seguro onde cruzar o río.

  Tras media hora de camiñada, atoparon ao cabo o paso polo que a auga apenas cubría os nocellos. Chamaron a aquel lugar o Camiño do Vao, para logo iniciar unha ascensión polo empinado terreo e, sen deterse, continuaron despois de que a zona se tornase plana até chegar a un manancial do que xurdía auga e vapor..

  Un dos troianos achegou a súa man ao chorro para comprobar que a auga saía tan quente que queimaba. Aínda que a zona era despexada, permitía unha limpa vixilancia de todo o territorio que os circundaba. Tras decidir que a localización era segura, comezaron a edificar casas para asentarse."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.35

viernes, 8 de enero de 2016

Ás profundidades

"Ao amencer espertaron todos sobresaltados por un alboroto que procedía do centro da canle. Inquedos comprobaron como un nutrido grupo de seres con tronco humano e cola de peixe rebuldaban no río ignorando aos presentes.  (...)

  Ese foi o momento xusto no que apareceu fronte á ribeira o pai daqueles seres, quen anoxado reprendía aos seus fillos. Só que aquel suxeito era humano da cabeza aos pés, o que confundiu aínda máis, se cabe, á tropa. (...)

  Ao chegar ás profundidades do Miño onde vivían os demais xacios, a nai foi vítima destes, que a mataron e esnaquizaron por renegar do seu orixinal culto. O viúvo viu os anacos da xacia aboiando polo río mentres se escoitaban os seus queixumes."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, 33-34-35

jueves, 7 de enero de 2016

Os fillos alleos

"-¿Pretendes dicir que esa ánima deitada é o espírito deste caudaloso río Miño?-preguntou o mozo incrédulo.

  -De ningún xeito -aclarou o titán-, esa é a alma dalgún río próximo máis pequeno que verte nesta canle. (...)

  O seu enorme compañeiro satisfixo a súa curiosidade explicándolle que naquel río vertían moitos outros, e que o Miño, preñado de eles, víase na obriga de transportar todas aquelas augas alleas ao mar. Por iso un día, canso de levar os fillos alleos, decidiu deixar de ser unha dama e mudou nun home vello, para evitar que lle fixesen as beiras os demais ríos."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx. 33

miércoles, 6 de enero de 2016

Semellante ao minio

"O caudillo heleno dirixiuse aos seus homes facéndoos partícipes da oferta de ambos os dous aldeáns. Non todos estaban de acordo, de maneira que se separaron en dous grupos. O máis reducido continuou a súa viaxe cara ao norte alcanzando unhas frías terras que recibirían o nome de Viana do Bolo, mentres o groso das tropas enfilaba máis cara ao sur até alcanzar un outeiro desde o que se albiscaba un círculo de montañas que rodeaban un val, dándolle forma de ola.

  O lugar parecía benigno e descenderon á zona máis baixa onde atoparon un ancho e manso río cuxa cor, semellante ao minio, suxeriulles bautizalo co nome de Miño."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.31

martes, 5 de enero de 2016

Río do Esquecemento

"Finalmente, tras aquela odisea deambulando por infinidade de lugares, na seguine xornada alcanzaron a ribeira do río Limia, onde saciaron a súa sede e decidiron, logo, cruzalo por un vao. A paixaxe que se abriu ante eles causoulles unha fonda emoción: ante os seus marabillados ollos unha natureza amábel e xenerosa fíxolles pensar que chegaran ao paraíso.

  (...) Reunidos despois ao redor dun oráculo dedicado ao deus Menesteo, consultaron o camiño a seguir. A resposta foi fulminante: fosesn onde fosen, xa nunca deberían regresar a Turdetania.

 Algún dos sublevados vacilou ante a idea de non volver ver á súa familia, aquel pensamento atormentábaos e seguía dándolles voltas nas súas cabezas, de modo que un deles convenceunos para que arroxasen todo vestixio de seu pasado ao río, até a roupa, e xa espidos decidiron esquecer para sempre a súa patria e mesmo o seu nome.

  Tanta paixón puxeron en arrecunchar calquera recordo do pasado, que chegaron a convencerse de que aquel  que a partir de entón chegase a cruzar aquela corrente esqueceríao todo, polo que desde aquela a canle coñeceuse co nome do Río do Esquecemento."


Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páxs.24-27

lunes, 4 de enero de 2016

Avanzada extraviada de explotadores

"-Ah¡ -exclamou Nemeto-. Non te preocupes: apenas é unha avanzada extraviada de exploradores Turdetanos.

  Ao xigantesco guerreiro non lle custou identificalos dado que tempo atrás xa vira exploradores daquela tribo. Por suposto informárase nunha vila pola que transitaran moito máis abaixo da desembocadura do Miño."


Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx. 21

domingo, 3 de enero de 2016

O inicio da idade castrexa

"Considerando a contorna, vestimentas, ferramentas, modos de vivir e demais, tiña que atoparse ao redor do inicio da idade castrexa, sobre o 600 a.n.e.; e a xulgar pola paisaxe, o tipo de árbores, os bosques, os hortos e o clima, a pesar de non situarse con exactitude, tiña claro que se atopaba en Galiza. E valorando que había xa tempo abandonaran a costa, atoparíanse preto de Ourense, ou directamente no territorio desa provincia."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx. 20

sábado, 2 de enero de 2016

Nese intre

"Brais era un estudante de segundo da E.S.O. que aos seus trece anos vivía no Carballiño. Nin alto nin baixo, nin gordo nin delgado, nin feo nin guapo..., de estatura normal para a súa cidade, bombeaba un discreto ventre. De pel clara e ollos tan castaños como o seu cabelo, pasaría desapercibido en calquera rúa do século XXI.

  Mais estaba claro até para Brais que esa non era precisamente a época na que se atopaba nese intre."


Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.18

viernes, 1 de enero de 2016

A antiga cidadela

"A algarabía podía ouvirse a dous quilómetros á redonda. Do autobús escolar estacionado na chaira de entrada ao castro de san Cibrao de Lás baixaron sesenta ruidosos estudantes do instituto Chamoso Lamas que gozaban dun día de excursión.

  Os profesores afanábanse en reunilos a todos nun grupo vixiábel mentres, a viva voz, unha docente explicaba que aqueles muros albergaban a antiga cidadela de Lánsbrica, bautizada así polos romanos."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx. 7.