"-Polo si ou polo non, imos seguir andando polo Progreso coma se nada, sen mirar para atrás. Á altura do edificio Simeón, Raia, botas outra ollada polo espello. E se aínda nos segue, dobramos por Cardeal Quiroga e convocamos o Capitán.
Así o fixemos, seguimos camiño. E cando pasamos o edificio Simeón, Raia tornou a sacar o espello, coma se tal retocase a sombra dos ollos. Mireina de esguello, e ela acenou coa cabeza. Todos nos puxemos alerta. Apuramos o paso ata atopar a entrada da rúa á nosa dereita.
Non ben estivemos onda o monumento á Leiteira, fixemos un aparte, e cada un fixo o seu sinal. Principiou o noso ritual secreto:
-Terra!
-Aire!
-Auga!
-Fogo!
Xuntamos as nosas mans, concentrando toda a nosa enerxía e, nun alustro, estivo á nosa beira o Capitán Aspanitas."
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.24-25
No hay comentarios:
Publicar un comentario