lunes, 26 de enero de 2015

Plan para sabotar todas as termas

"Corremos onda o Lois, pero xa el estaba apertando os botóns daquel cadeado. Cadeado que, ademais, era cadrado, escuro e moi semellante á caixiña que atoparamos en San Francisco.

 Foi tocalo e escoitar berros abraiantes nas pozas de Canedo e nas de Outariz, aos dous lados da pasarela.
 -Que pasou?
 -Non hai dereito!
 -Será unha avaría?
 -Onde se reclama?
 -Eu viñen de moi lonxe para isto, non o podo aturar...

 Todas as queixas eran do mesmo estilo. Corremos as varandas da pasarela. Miramos as pozas. Todas estaban con xente en bañador, furiosa... e sen auga ningunha.

 Comezamos a entender o que pasaba.
 -Rapaces -dixen eu-. Isto forma parte dun plan para sabotar todas as termas de Ourense. 
 -Este cadeado -insistiu Raia- debe ser o mando a distancia que afecta á condución das augas termais e dos sumidoiros destas pozas. Alguén debeu alterar os sistemas de canalización das augas.
 -O mesmo que na fonte das Burgas, na cidade!"
Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.51-52

No hay comentarios:

Publicar un comentario