Auria é unha cidade secreta, oculta na memoria do
tempo, perdida no mar dalgún punto da historia, porque Auria é unha cidade
líquida e atemporal. Atemporal porque nela non existen os reloxos, nin os
almanaques, nela conflúen viaxeiros procedentes de tódolos tempos, do pasado,
do presente e tamén do futuro. Pero é sobre todo unha cidade líquida que
abandonou xa hai moito tempo a súa condición de cidade mariña para buscar
refuxio nalgún recuncho (lugar agachado) da terra, pero sen perder nunca a súa
condición líquida, e converteuse para sempre nun verdadeiro oasis do pensamento
ao que chegan viaxeiros procedentes de tódolos lugares do mundo, e da historia,
na procura dese paraíso (lugar) no que ficar para sempre mesturado coas súas
xentes e coa memoria de todos aqueles que algún día tiveron a fortuna de poder
visitar os seus restos e transitar polas súas veas.
Para chegar a Auria o viaxeiro debe camiñar
durante longo tempo pola súa imaxinación ata dar con algunha das líquidas
portas que conducen ata ela, calquera pode chegar ata alí, só é necesario desexalo. Hai entradas desde o
presente, o pasado e o futuro. Hai camiños de augas quentes que proceden das
raíces máis fondas da historia, xentes procedentes do pasado que deciden voltar
algún día ao paraíso da súa infancia, ou aos vellos currunchos do seu primeiro
amor nos que baixo o acuático luar recibiron o seu primeiro bico e descubriron
por primeira vez os camiños que recorren a pel, mortos que nunca visitaron
Auria e deciden que xa chegou a hora de coñecela. Por iso en calquera lugar de
Auria podes atoparte de súpeto unha nova fonte de auga fervendo que xurde do máis
profundo da terra, (de ningures.)
Pero se o habitante de Auria prefire ver
camiñantes que proceden do futuro non ten máis que achegarse a unha das
múltiples pontes que cruzan os seus ríos.
Polas súas augas, procedentes non se sabe de que lugares, aínda inexistentes e
de tempos aínda sen contabilizar chegan seres estraños na súa forma de vestir,
nos seus costumes, na súa forma de falar… pero en Auria ninguén é estranxeiro e
segundo cruzan por debaixo da última ponte as súas roupas, os seus hábitos, as
súas palabras xa forman parte do uso común de tódolos seus habitantes
(aurienses).
Finalmente, quen queira aproximarse a Auria desde
o momento presente só ten que mirar o ceo, esperar que chova e ser capaz de
seguir toda a traxectoria que esas nubes veñen de recorrer xa que toda a chuvia
do mundo nace en Auria, nas súas fontes de augas ferventes, e logo espállase
polo mundo enteiro.
Pero a viaxe a Auria sería incompleta se ao chegar
alí rematara o camiño, porque Auria non é mais que o inicio a novas soñadas
viaxes, de amizade, de amor, de soidade… en compaña de novos, vellos e futuros
amigos, e para isto só necesitamos baixar as súas plutónicas tabernas e
saborear a súa poción máxica: o viño.
Tradución ao galego dun relato pertencente a un
manuscrito, atopado no Bar Ludeiros (rúa Prado Lameiro-Ourense) a principios da
década dos 80 do século pasado, escrito en italiano, co título “Le citta
invisibile”, asinado por un tal Italo Calvino, co título As cidades ocultas, 6 (aínda que debaixo deste título, tachado,
aparece: As cidades líquidas,1).
Trátase do último relato do manuscrito.
Tradución de Plubia. Manteñénse as variantes
recollidas no orixinal.