miércoles, 31 de marzo de 2021

Matinando nas súas cousas

"-¿Qué, paseando, Castor?

Outras veces preguntábanlle:

-¿E logo, Castor, hoxe non fuches a Arzádegos?

O Castor detíase un pouco coa xente, e seguía despóis o seu paseio, matinando nas súas cousas. (...)

-Castor, ven que tenemos que ir a Verín.

Entón o Castor arrumábase á escaleira da casa pra que montase a rapaza, e sen máis nada, toca pra Verín.

-Castor, vamos deica os muíños, pero temos que ir por Arzádegos -dicíalle Manoliño ou calquera de seus irmaus.

E o Castor collía dereito pra Arzádegos sin máis espricacións. (...)

Era un burro famosos aquel  Castor. Pola súa persoalidade e notabilidade, podía dicirse que perteñecía ás forzas vivas de Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 122-123.

martes, 30 de marzo de 2021

Nin xiquera un crego

"Na dianteira viña o cabalo de Manoliño, todo fachendoso; pero enriba del non viña o Obispo; nin xiquera un crego. Viña o sacristán de Vilardebós. Manoliño sintíuse doorido polo desprezo que o señor Obispo fixera do seu cabalo. (...)

 Mais adiante, ao cabalo, que era a vaidade de Manoliño, tamén o levóu o demo. Houbo que vendelo. Mercóuno un pescadeiro, e non moito despóis Manoliño atopóuno nunha rúa de Verín, enganchado a un carrillo."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 121.

lunes, 29 de marzo de 2021

En xira de confirmacións

"Un día aparecéu por Vilardebós o señor Obispo de Ourense, en xira de confirmacións. Pra levalo polas parroquias, o cura do pobo pidíulle o cabalo emprestado á mai de Manoliño. A Manoliño gustóulle que llo emprestara, porque os dous -o Obispo e o cabalo- á forza tiñan que facer boa parexa, tiñan que lucir moi ben.

Pra o outro día, o obispo e a comitiva saíron pra a Terra de Arriba."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 120-121.

domingo, 28 de marzo de 2021

Nos tempos de Arzádegos...

 "A pouco de morrer o pai de Manoliño, o comercio, as leiras e os prados de Arzádegos levóunos o demo. De canto alí tiña seu pai, Manoliño e os seus irmaos só conservan hoxe un prado, un pinal e unhos muíños vellos.

Pero Manoliño sinte fondas querencias por Arzádegos e polos seus veciños, e sempre que alá chega, as xentes vellas lémbranlle a seu pai e os tempos que alí pasóu el e os seus irmaos, sendo cativos. (...)

Nos tempos de Arzádegos..."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 120.

sábado, 27 de marzo de 2021

Arzádegos

 "Arzádegos esténdese polo fondo da ladeira Norte do Marco da Cota. É unha aldeia fría, sombriza, rica, contrabandista e xogadora. Manoliño sinte agarimo por Arzádegos porque alí naceron a mitá dos seus irmaos. (...) Por esta razón, Manoliño, a súa mai e os seus irmaos, sempre andaban atravesados no camiño de Vilardebós a Arzádegos, ou de Arzádegos a Vilardebós. Pero a cotío, os irmaos de Manoliño e Manoliño vivían en Vilardebós, entre outras razóns porque en Arzádegos non había escola. Por outra banda, en Vilardebós tamén tiñan comercio os pais de Manoliño atendido pola súa mai, doña Carolina, nacida en Verín pero de orixen igoalmente zamorano."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 119-120.

viernes, 26 de marzo de 2021

"Olraite"

 "O alcalde de Vilardebós noméase Paulino. Pero o alcalde de Vilardebós ten nemigos, e andan a remexer Ourense con Madrid pra tumbalo. Mais o alcalde conta co apoio do seu tío don Hilario, conta con algúns vellos devotos do San Roque e conta coas simpatías de don Joseíño. Don Joseíño é o cura de Soutochao, un santo home. Un cura pequeno, intelixente, esmirriado, que coida as ovellas, xoga as quiñelas, ademira a García Sabell e dice "olraite"."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 119.

jueves, 25 de marzo de 2021

Meio Portugal

 "Pra alá do Marco, o primeiro pobo portugués chámase Travancas; pra acá do Marco, o primeiro lugar de Galicia chámase Arzádegos. Nas Travancas viviu Manoliño meses inesquecibres; alí ten amigos que xamáis esquecerá.

 Do cimo do Marco da Cota percébense horizontes aínda máis grandiosos que dende Portas Abertas. Albíscase meio Portugal. O cura de Arzádegos asegura ter visto dende alí, con axuda de anteollos de longa vista, as áugoas do río Duero a descer por terras do Porto."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 118.

miércoles, 24 de marzo de 2021

Da lonxanía

 "Dende a ermita de Portas Abertas descóbrense grandes panoramas, menos pola banda Sur. Da lonxanía destes panoramas, falaremos dende outro lugar máis axeitado. Pola banda Sur a nosa ollada bate de cheo nun monte que se ergue a unhos catro kilómetros de Flor de Rei. É o Marco da Cota, redondo e limpo, que sinala o límite de Hespaña. Sinala, tamén, o punto máis alto do municipio de Vilardebós: 1.100 metros, máis ou menos."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 118.

martes, 23 de marzo de 2021

A raíña de todas as Virxens

 "A ermita está unhos dous centos metros desviada do camiño que vai de Vilardebós a Flor de Rei; por el pasóu moitas veces a mai de Manoliño, e sempre ao pasar por diante da capela lle rezaba á Virxen. (...)

 Esta imaxen, igoal que o San Roque de Vilardebós, foi tamén sacada da capela por un tolo, fai anos. O tolo era portugués e levóuna pra Portugal. Anduvo con ela polos pobos do país irmao, mostrándolla aos veciños. A xente de Flor de Rei, ao decatarse que a Imaxen non estaba no seu sitio, coidóu que a Virxen se marchara da capela pola súa conta, e anduveron buscándoa polos xestás e polas terras darredor.

A Virxen de Flor de Rei é a raíña de todas as Virxens do municipio de Vilardebós."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 116-117.

lunes, 22 de marzo de 2021

Florderrei

 "Flor de Rei, ou Florderrei, é unha aldea encostada na ladeira Sur dun castro que leva o mesmo nome do pueblo: Castro de Flor de Rei Vello. Este castro ten sido moi pouco esplorado. Enriba del érguese unha ermita; dentro da ermita hai unha Virxen pequeniña, linda coma unha fror, e ten un nome fermoso: Nosa Señora das Portas Abertas."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 116.

domingo, 21 de marzo de 2021

Inmenso, bruto e tatexo

"Don Basilisco tiña un irmao, ou medio irmao, tamén maestro, en Flor de Rei Vello. Chamábase Pereda. Flor de Rei é un pobo pequeno perto de Vilardebós. Pereda era un home inmenso, bruto e tatexo. Facía por tres e comía por vinte. Ninguén soupo o que era capaz de comer aquel home. (...)

 Mais, a pesares deso, os veciños de Flor de Rei quixérono matar un día. Nunha ocasión o Pereda sintíuse moi doente, cuase a morrer, a causa dunha indixestión de ameixas. (...)

¡Calquera sabe! O caso é que, da noite pra a mañá, pasóu de guarcia civil a maestro de Flor de Rei."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 114-116.

sábado, 20 de marzo de 2021

A berros

 "O Silabario, o Catón, a Cartilla, o Fleure, Frases y Cuentos, Guía de Artesanos, Gramática, Aritmética, Geometría...e para de contar. (...)

 Na escola, os rapaces de Vilardebós estudiaban como se estudiaba en todas as partes: a berros; e nos recreos adivertíanse tamén coma os rapaces de todas as escolas: mexándose uns aos outros."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 108-109.

viernes, 19 de marzo de 2021

Cor café

 "Manoliño non pasóu do primeiro ensino. Adeprendéu a ler con don Basilisco Barreiro, maestro de Vilardebós. Nunca foi bo estudante. (...)

 Don Basilisco era un home de meia estatura, tirando a pequeno. Traxeaba limpo. No inverno usaba zamarra cor café, e cando chovía ía á escola de zocas abertas, a usanza de Portugal. (...) Era home de grande dinidade. Vivía no Canto do Eixido, lugar moi feo, inda que o de millores vistas do pobo. A súa casa tiña un balcón de madeira, e sempre andaba paseando por el nas horas ceibes. A escola estaba no cimo do pobo; pra ir a ela, polo camiño dereito, o maestro había de pasar por diante da casa do cacique, e pra non se topar con el, arrodeaba un kilómetro, polo camiño do Douto."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 107-108.

jueves, 18 de marzo de 2021

Tan pavero

 "Total, diremos pra rematar esta historia, que dende ese día os Guardias Civiles do coartel de Ourense fixéronse clientes do zapateiro Juan Tallón. En Ourense vivíu o Tallón moitos anos; pero despóis tornóu pra Vilardebós, e por alí anda hoxe, tan pavero coma sempre, cos ollos máis pequenos e a mirada máis pícara."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 104.

miércoles, 17 de marzo de 2021

Un tolo

 "Un bo día embrollóu os martelos e as subelas e foise pra Ourense; alí, nun portal perto do coartel da Guardia Civil, estabrecéuse de zapateiro remendón. Unha certa mañá, non sabemos pra qué nin por qué, entróu na zapatería o Teniente Coronel da Guardia Civil. Puxéronse a falar os dous, e dunha noutra o Juan veu a dicir que era de Vilardebós.

-¿De Vilardebós? -repetíu curioso o Teniente Coronel-. Por alí vive un tipo que aínda nos deu que facer. Un tolo que lle daba a manía de tocar un cornetín todas as noites. ¿Coñecelo?"

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 103.

martes, 16 de marzo de 2021

Arelas de marcharse

 "Tanto e tanto pamplinóu o noso zapateiro, que ao fin saíu do despacho do Gobernador cunha carta pra o comandante do posto da Guarda Civil de Verín. E á media noite de aquel mesmo día, a corneta do Juan soaba de novo nas rúas de Vilardebós.

 O cabo non puido afaguerse nunca aos concertos do zapateiro, e pidíu ser trasladado. E cando se marchóu, o Tallón deixóu de tocar o cornetín, e sentíu arelas de marcharse el tamén."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 103.

lunes, 15 de marzo de 2021

O seu cornetín

 "Pero nunha destas, a famosa corneta caíu de novo nas maos do cabo, quen fixo entrega dela no coartel de Verín. O Tallón baixóu á vila a recramala, e por pouco non fica no coartel coa corneta. O asunto tomaba mao cariz, e os veciños de Vilardebós coidaron que o Juan perdera pra sempre o seu cornetín; que, ao fin, o cabo saíra coa súa. Mais o zapateiro era testán e foise a Ourense a falar co Gobernador. (...)

-Mire, señor Gobernador, con todos os respetos lle digo que non me vou de Ourense así coma así."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 102-103.