viernes, 31 de agosto de 2018

Un rumor de vento

"Chegoume aquela frase como un rumor de vento no bosque, por entre as imaxes revoltas da noite anterior, con Carlos botado para atrás no asento do coche, a cabeza apoiada no alto do respaldo, mirando para aquel ceo estrelado que nos iluminaba no medio da noite, na curva aquela escurecida polas árbores do bosque de pinos que baixaba desde o alto de San Vitorio ata a beira da mesma estrada que agora percorriamos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 192-193.

jueves, 30 de agosto de 2018

Naquel instante

"Naquel instante gustaríame abrazalo, pero non o fixen porque me pareceu que entre o corpo dos dous se interpuñan cousas ou experiencias que nos separaban, talvez aqueles veráns de Beiro que el non vivira comigo e que só coñecía a través de palabras soltas ou de lembranzas filtradas por un corazón posto coma unha barreira diante da memoria."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 192.

miércoles, 29 de agosto de 2018

Dun sol de ouro

"O rostro máis ben sereno do principio, cando subimos ao coche no patio da casa de Beiro, mesmo a color da pel, que daquela tiña o ton escuro e brillante dun sol de ouro pegado na cara, foran cambiando lentamente ao longo dos quilómetros que levabamos percorrido."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 191.

martes, 28 de agosto de 2018

Cando el era neno

"Seguimos alí, de pé, mirando ao río, durante varios minutos. (...)

   "Aquela  noite deume a impresión por primeira vez na miña vida de que a túa nai, ao falar de Arturo, non falaba coa transparencia de sempre", díxome Carlos no coche, a noite da súa morte, cando estabamos parados preto da Fontemoura, naquel sitio onde Anselmo dicía que un día de chuvia, despois dun trono terrible, caera do ceo un home espido, cando el era neno."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 188-189.

lunes, 27 de agosto de 2018

Cunha antuca

"Carlos díxolle que un día o seu pai lle contara que viñera de visita, cando tiña dezaoito anos, e que o primeiro día, á hora de comer, cando estaban todos sentados no merendeiro da Carballeira da Fonte, no Carpazal, a non ser mamá, de pronto viuna chegar polo camiño que saía do paseo dos buxos, vestida de branco, coa melena solta, tapándose do sol cunha antuca, e quedou coa boca aberta."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 187-188.

domingo, 26 de agosto de 2018

Máis ou menos

""Vós, de nenos, ¿xogabades tamén no Carpazal?" Díxome que si, que máis ou menos era era como dóra para nós:  merendas, comidas os domingos, baños no estanque. Carlos preguntou taén: "¿É certo que foi no Carpazal onde vos coñecestesa ti e o meu pai?" "

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 187.

sábado, 25 de agosto de 2018

O afogado

""Gústame observar o río de noite. Esa color negra e brillante resúltame como misteriosa. Pasábame xa así cando era nena2. Atrevinme a dicir: "Quizais teña que ver coa morte de tío Adolfo, o afogado". Díxome que non, que era un  sentimento anterior. "Esa foi sempre a teoría do teu pai, que o río carece de misterio e que todo está na miña imaxinación desde que pasou aquilo"."


Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 187.

viernes, 24 de agosto de 2018

Aquel xogo tan fermoso

"Quedei durmindo coa ilusión de que ao día seguinte volveriamos ao Carpazal, a facer de novo aquel xogo tan fermoso, e que podíamos estar máis tempo podermos navegar máis lonxe e chegar ata o Pozo da Cañota, entr dous amieiros onde lavaban as mulleres..."


Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 184-185.

jueves, 23 de agosto de 2018

Helena de Troia

"Acordábame do verán en que Carlos me nomeara Helena de Troia e construíra a barca con dous caixóns de froita e uns poucos vimbios, na que andabamos polo estanque do Carpazal, fuxindo de Menelao, que me quería rescatar."


Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 182.

miércoles, 22 de agosto de 2018

Un pequeno buraco

"Eu non apartaba os ollos da mancha apagada do río, igual que se mirase por un pequeno buraco, talmente como se só dispuxese dun oco aberto no aire a través do cal podía fuxir da solaina, onde sentía que non estaba. (...)

  Só vin que Carlos a miraba moi serio, logo dirixiu a ollada cara ao río, acendeu un cigarro e finalmente díxolle..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 180-181.

martes, 21 de agosto de 2018

Furtivos

   "Acendín un cigarro e púxenme a mirar para o río. Había algunhas luces que se deslizaban parsimoniosamente sobre a auga, sen dúbida as barcas dalgúns pescadores que ían e viñan, furtivos, a ver se aínda pillaban algunha troita, pero naquela situación convertéronse para min nunha especie de carrusel de verbena, como a montaña rusa que se instalaba todos os anos, polas festas do Corpus, na Alameda da cidade."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 179-180.

lunes, 20 de agosto de 2018

Abertamente retadora

"Díxollo Amparo: "Carlos, estás guapísimo", e a continuación ela cambiou de postura, púxose de costas ao río e quedou fronte por fronte del, mirándoo dunha maneira abartemente retadora, como invitándoo.(...)"

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 179.

domingo, 19 de agosto de 2018

Casablanca

"Logo, mirándome aos ollos, engadiu: "A túa saúde, rapaza". Amparo que estaba mirando cara ao río, como ausente da conversa, comentou en voz alta, igual que se falase só para si: "Humphrey Bogart, en Casablanca, falando con Ingrid Bergman"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 178.

sábado, 18 de agosto de 2018

Dixo que ía voar

"Anselmo dixo que iso se podía dicir doutras cousas que contaba a xente, pero que a historia do cura de Bóveda a presenzara a súa nai en persoa e que, polo tanto, era certa. Fóra alá polo ano 1898, nos tempos da guerra de Cuba, máis ou menos, cando un veciño que se chamaba Nicolás e que librara do servicio militar por curto de mente, dixo que ía voar."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 174.

viernes, 17 de agosto de 2018

O cura que voaba

"Tía Mercedes concluíu con voz irónica: "Podía contar aquela do cura de Bóveda que voaba".

  "Xa sei que a señorita Mercedes non o cre, pero foi certo", dixo Anselmo. "Vostede non faga caso e conte a historia do cura ou outra calquera", interveu mamá.  "A mín gustaríame escoitar a da Virxe da Fonte", dixo Carlos mirando para papá."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 174.

jueves, 16 de agosto de 2018

Un conto

"Pediu que Anselmo nos contase un conto, non o do cura, que foi cousa de tía Mercedes, senón o da Virxe da Fonte, que tanto lle gustaba ao meu pai. (...)

  "Será mellor que pasemos á solaina", dixo mamá. A noite estaba agradable, quizais un poco calorosa de mais, pero non faltaba a brisa nocturna do río."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 172-173.

miércoles, 15 de agosto de 2018

Un rito

"Desde que rematara a carreira, por exemplo, a pesar dos problemas que tivera no traballo, nos veráns, durante os días que pasaba na casa de Beiro, á hora de xantar ou nas tertulias da noite, repetía sempre,  como se fose un rito..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 167.

martes, 14 de agosto de 2018

Longos paseos

"Díxenlle que a Amparo lle gustaba moito falar ou tocar o piano ou facer postres na cociña ou dar longos paseos polo monte. "Comigo, por exemplo, baixaba case todas as tardes ata o Carpazal, as dúas soas,  e non sempre me falaba de Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 166.

lunes, 13 de agosto de 2018

Miraba para o río


“Díxome que nunca  soubera con claridade, a pesar das moitas veces que tiñamos falado daquel episodio, qué pasara exactamente naquel  verán que ela estivera en Beiro, cando botaba horas bicándose con Carlos na solaina, polas noites, mentres eu miraba para o río ou disimulaba falando en voz alta, como se estivésemos de tertulia e eles escoitasen en silencio o que lles dicía.”


Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 166.


domingo, 12 de agosto de 2018

Unha promesa

"Era como se o verán se presentase diante de min de novo como unha promesa, igual que ocorrera durante tantos anos cada vez que colliamos o coche na cidade para subir á casa de Beiro a pasar as vacacións."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 166.

sábado, 11 de agosto de 2018

O transcurso normal das cousas

"ou como se aquela paz que eu empezaba a sentir, metida entre o barullo dos coches que circulaban arredor de nós, tan familiar cada vez que baixabamos desde Beiro ata a cidade, me fixese pensar que a vida era igual que sempre e que o episodio da morte de Carlos se fora diluíndo pouco a pouco como un feito excepcional que non podía alterar o transcurso normal das cousas de cada día."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 165.

viernes, 10 de agosto de 2018

Unha dolor de moas

"O tráfico era agora cada vez máis lento, tal como previra Arturo había uns minutos, ao entrar na Avenida do Río, e daba a sensación de que os poucos quilómetros que nos faltaban por percorrer para chegar á casa dos meus pais se ían alongar indefinidamente, como un desacougo, igual que unha dolor de moas na madrugada."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 165.

jueves, 9 de agosto de 2018

Claro, Periquita

""Claro, Periquita. ¿Non te acordas cando tiñamos o noso wigwan no Carpazal e eu era calquera personaxe, como Guillerme Brown, ou Kim da India, ou Robinson Crusoe, e ti facías de Helena de Troia ou de Alondra? Pois a primeira vez que confesei, o cura preguntoume se faciamos as cochinadas". Mirei para os seus ollos e acaricieille unha man."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 163.

miércoles, 8 de agosto de 2018

Como un sol amarelo

"Estabamos dentro do coche, á altura do bosque de San Vitorio, e eu pensaba naquel instante que a luz dos nosos veráns, que eu levaba acendida na memoria como un sol amarelo, se estaba apagando. Carlos interrompeu o meu pensamento: "Periquita, estás preciosa, guapísima"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 160.

martes, 7 de agosto de 2018

A beleza dos obxectos

"Era certo que Beiro conservaba a beleza dos obxectos e das cousas, o monte e os bosques, a horta e o estanque, mesmo o tintín dos picos dos canteiros de Zas, e aquela casa, cos seus salóns, o piano, as pinturas de papá no meu cuarto, a solaina aberta cara ao río. Pero eu non acababa de resignarme a vivr soa con Arturo, sen a presenza de mamá e de tía Mercedes e de papá e de Carlos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 159.

lunes, 6 de agosto de 2018

Un lugar moi fermoso

"Mamá preguntoume se quería baixar con eles a pasar uns días na cidade, que estaba segura de que Arturo o comprendería facilmente pero respondinlle que non, que despois de todo Beiro seguía sendo un lugar moi fermoso para pasar o verán. Dixen esta última frase como quen lle di a un vello achacoso que acabará celebrando o aniversario dos cen anos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 159.

domingo, 5 de agosto de 2018

Definitivos e irreversibles

"Aqueles días que pasaron os meus pais en Beiro serviron para acentuar aínda máis o contraste entre a realidade que eu estaba vivindo naquela casa con Arturo e os veráns que pasara no mesmo lugar durante tantos anos desde nena. Foi a primeira vez que tiven conciencia de que hai feitos na vida das persoas que son definitivos e irreversibles."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 158.

sábado, 4 de agosto de 2018

Polo criado

"Unha daquelas noites que pasaron en Beiro, tía Mercedes preguntou polo criado Anselmo e eu díxenlle que levaba máis dun mes na súa casa de Regoalde, coidando as propias terras. "Estou seguro de que o botaras en falta", dixo papá. Tía Mercedes riu coa sorna de sempre e comentou: "A Helena nunca lle gustou a historia do portugués e do lagarto.".

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 157.

viernes, 3 de agosto de 2018

Talvez

"Eu xa me decatara pola mañá, durante o almorzo, e por uns instantes pensei que talvez poderiamos ser felices en Beiro."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 156.

jueves, 2 de agosto de 2018

Silvas e toxos

"Con Arturo nunca puiden pasar do Carpazal. Ás veces el preguntabame qué había máis alá e eu dicíalle que había máis que mato e follasca, silvas e toxos, e centos de réptiles correndo dun lado para outro, aos cales eu sabía que el tiña noxo ou medo. (...)

  Polas festas de San Roque, os meus pais e tía Mercedes viñeron pasar uns días con nós. Cando escoitei a bucina do coche pitando á altura do Cruceiro, subín correndo desde o monte, co corazón atrancado na gorxa, temendo que non fosen eles."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 155.

miércoles, 1 de agosto de 2018

Aqueles carreiros

"Eu aproveitaba para baixar ata a horta e percorrer o monte por aqueles carreiros que Carlos descubrira para min ao longo dos anos e que levaban a lugares tan distintos como o Campo do Merlo, aquela especie de praza redonda aberta na calva dunha carballeira, que tiña unha pedra enorme situada no medio e medio, en forma de piano, ou o Niño da Cobra, unha paraxe para min inquietante..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 155.