“A presentación
literaria de Guede, tanto desde a poesía como desde a narrativa, tivo un común
afán provocador e un intento continuado de relectura do Ourense da súa
infancia. Guede incorpórase conscientemente ó continuum de autores que ficcionaron Ourense como universo
literario, mesmo recreándoo en novos alcumes literarios como Auria, Ouréns,
Serenou, etc. Coñecedor desta tradición –con nomes tan egrexios como Otero
Pedrayo, Vicente Risco, Blanco Amor, Méndez Ferrín ou Carlos Casares-, Guede
vaise asulagar conscientemente nela para facer aboiar a parte máis “canalla
desa realidade, aquela que comunica co Ourense marxinal e lumpemproletario de
Blanco Amor, pero que está presente ás veces, aínda que de forma máis intuitiva
e menos consciente, en moitos outros autores. Esa vocación “canalla” da cidade
é consciente no seu primeiro libro poético Contra
Sernou (1985), presentado por Méndez Ferrín e Basilio Losada e que está
dividido en dúas partes de nomenclatura ben definitoria: “Prostibulario” e “Demolición
da néboa”. A poesía devén así tamén acto teatral, declamatorio, invocación
contra as néboas da historia mediocre da cidade e capa na que enxergar as
mellores lembranzas da cidade literaria, quizais a única que existe, a que
debuxa a melancolía de don Ramón, o disparate de Xan da Coba e o drama inmenso
de todos os Milhomes da vella Auria. A mesma vocación de axuste de contas,
neste caso cos días da Guerra Civil, evidenciou tamén en “Vísperas de Claudia”
(1988), escrita expresionista e tremendista, que xoga coa historia, coa
literatura e coa metaliteratura para desenvolver un mundo persoal, “canalla” e
desolado.”
-Valcárcel, Marcos.
“As doce e sereno”. Revista Grial, nº 147. Xullo-agosto-setembro 2000.
No hay comentarios:
Publicar un comentario