"Ourense. Ouréns. Un equilibrio de luces únicas na primavera e de loucura enardecida nos veraos. Outonos que relumbran co orientalismo da Capela do Cristo, na que ainda se non teñen apagado os ecoares da misa declamada até o engulo por un Rey Soto pecador, de manos femeniles e perfumadas. Invernos que lembrarei mentras viva, pois as néboas invadían as caixas dos peitos nativos, os ollos facíanse máquinas fatigadas de intentar perforar tanto interior, as tendas minúsculas de pemento picante e carqueixas emitindo luces tímidas na tardiña, os probes e as xentes de má vida -coma nos contos decimonónicos- a durmir as bebedeiras onda a fervedoira da Burga, e a cidade enteira agurgullaba na humidade coma unha besta dos pantanos."
Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 14.
No hay comentarios:
Publicar un comentario