domingo, 31 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola súa asma (XVII)

                                        ¡Refai agora a historia 
                                                                           no burdel... Pedrayo!    
                                        Ti si que podes,   
                                        e selemos un pacto entre señores:
                                        prestarasme a esa furcia
                                        pra que eu lle apalpe os séculos e as tetas.

                                       Velos aí:
                                                    Dez mil anos fodidos na moqueta...

                                       ¡Bebede sombras!
                                       élle adecuado alcol ós sucesos futuros.
                                       Poñede un alalá na sinfonola
                                       e desandade os sangues,
                                       cos que un día
                                      o Sangue urdiu mentira esta cidade.

                                      Rematou o romance,
                                                                       Serenou,
                                      como estaba previsto.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 35.
                       

sábado, 30 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola súa asma (XVI)

...
están os monseñores e os fillos ilustrísimos e as portuguesas igualmente ilustres do "Suevia" e as que nunca foron ilustres pero souberon da tristeza de non ter fronteira e si sífiles e moitos máis están que non se reconocen na penumbra pero foron a putas con señores e beberon o viño dos vencidos e souboulles ben, porque o viño en Serenou é sempre triste e a tristeza acostuma

e está (por fin chegou) tamén Vicente Risco.

Xa nesta Santa Compaña
só se botan de menos as bragas ardorosas
de Rosario Grandal,
ascendida ós infernos en orgasmo.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 35.

viernes, 29 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola súa asma (XV)

...Heráclito Pérez Placer, Rufino o Tolo que loitaba cos "mambises", O Pepiño das Palomas, "O Pichagrís" e a Ramona, Saco y Arce, Antonio Araújo, Miguel Serrano e Víctor Andión, gromos do integrismo, Ramón Nocedal o virtuoso, Parcasio de Seguín, os sete sabios de Grecia: Morrón, Parchete, Portela, Redes, Carnixo, Oso e o Cacheiro, lexisladores desta tribu de graxos e arquitectos, Xan Brencellao, o zapateiro, Hernando Tricio, Benito Silveira, Guindo Cereiriña tilín tilín, Inés González de la Fondela, a señora das serenatas e o que casou con ela, Don Leonardo Fernández de la Peña, a quen lle cantaban os mozos de Serenou pola noite de bodas "son el hombre y el cabrito de la misma condición. El que no muere chiquito se cría para cabrón...", Don Tiburcio Losada, Don Críspulo del Rancaño, alias "Prosodia"...

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páxs. 34-35.

jueves, 28 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola súa asma (XIV)

...Enrique Doval no papel dun "Incerto Señor don Hamlet" antes de que nacera don Álvaro de Cunqueiro, Ramón, o vinculeiro dos Otero, Primitivo Rodríguez Sanjurjo tiñe do oro los verdes racimos, Dosinda das Cortiñas, , Favio Saturnino Flavo, Licamanda e Licseno, Camilo Amor, Lorenzo Gil, Primitivo Peón, Caledonio Osorio e a longa ringleira dos carlistas, Don Alberto Aventuras, Ambrosio de Morales de camiño, Paulo Osorio, Pedro de Seguino, Palacios Ramiro, Alonso Méndez Montoto e 270 paxaros, Alonso de San Vítores, O Xeneral Eguía que levou ós graxos pero deixou as cangas, Don Juan Manuel Bedoya, O Inxenieiro Trompeta, o poeta que escribiu "El Miño por su cielo azul de plata del amor con el arco su puente ensalza", métricos rasgos de las reales  fiestas con que la esclarecida novilísima y muy leal ciudad de Orense bordó los reales pañales del Príncip Don Luis Jacobo.1700....

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 34.

miércoles, 27 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (XIII)

...o estudiante de Leises Emilio Muruais a tarde de 10 de Nadal que berraba socorro socorro socorro e as súas voces ouvíanse no campo do Desafío e así foi que un afogado impedía outro duelo, Manuela García, Xosé Menéndez e Ramona Nóvoa, ofrecidos ós Remedios, Marcial Valladares, Felipe Rol, Lolita Coma contra quen escribiron un libelo desagradecido que empezaba como tal "huid jóvenes incautos de esa mujer hechicera...", o mentirán de Gregorio o Turonense de miráculis sancti martini bianco, Boelio Bufo de extensa granxa, García Díaz, López Mosquera, Díaz Cadórniga, Mariló ¡ai!, Gómez Fernández de Soria, Mendamo e o seu pai Arciso, aurífices, os Acondios tamén, Pedro Álvarez Osorio, Rodrigo Alonso Pimentel, Gil Nogueirol, Luís de Abreu, Narizotas Cara de Pastel o 19 de Xullo de 1812, Fray Juan Jacobo Fernández e Juan Venido, o Doctor Sicúa, Don Rafael de Puga...

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 33-34.

martes, 26 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (XII)

 ...Bernardo González del Valle, alias Cachamuíña, Juan de Juni que sigue angustiado, José de Castro, Gil Soutelo, Lamas Carbajal, Pedro Fernández Boan, Manuel de Ochogavía, Luís Pérez de Acevedo, Camilo Placer Bouzo, Juan III, García de Manrique, tamén suposto Arfe, Pedro I o Cruel, Jerónimo Feijoo Montenegro e Puga, o Arquiduque de Austria delegado en funcións, O Misal de Monterrei, o Rei dos Incensarios, o Capitán Bombillas, o Cepo L´Amici, a Marina que conta o mundo por "ocupacións" e cando era puta nova facía as millores felacións do continente, o Toñito Patata de buena familia, Juan Bautista Celma, Rodrigo de Badajoz, Francisco Méndez, Calpurnia Abana Aeboso, Don Suero de Oca noble Caballero, Gonzalo Pérez de Requeixo, Don Juan Fernández de Boan e Landecho alá pola metade do seiscentos, Don Ochoa de Espinosa, a criada do cura María Andrea, O Pichín, Felipe I fundindo os seus zapatiños de charol na rúa do Progreso, Don Marcelo Macías e tódalas pantasmas do museo, os franceses que chegaron pola estrada das Mercedes no ano 1933 dicindo Magnifique!, Tutor o Lambecús, un escuro Diego de Villamarín batíndose a florete pola prima dona no Corral das Comedias, Don Antonio Rodríguez de Puga, os rexidores Álvarez de Argiz e Arrojo Balcarce, O Mestre que non durmiu a noite na que a súa primoxénita perdía sen sentila a frol do pitiminí...
 
Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 33.

lunes, 25 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (XI)

Aquí está Ederonio, Don Lorenzo, Santiago o Maior, San Facundo e Atico, Antonio Pío, Décimo Junio Bruto, Simphosio, Idacio, Alepio, Remismundo, Carriarico e fillo, Witimiro, Abdelaciz sen Muza, Martín de Tours e o outro Dumiense, A Saga dos Afonso, o Abade Franquila, San Rosendo e Mamá Ilduara, Gudroed o Normando, Almanzor, García I, Doña Teresa, O Conde de Traba, Diego Velasco, Alfonso X o Sabio, Don Sancho o Rebelde, Pedro Yáñez de Nóvoa, Gonzalo Daza e os seus sucesores, Vasco Pérez Mariño, Pérez Viedma, Pascual García, os defensores de Castelo Ramiro, o cociñeiro tamén e os meus veciños do Salto do Can, antigo e poderoso. O Duque de Lancaster, e Sir Percy, Juan de Nóvoa, Álvarez Osorio, Tomás de Lemos, Francisco Moure refacendo a imaxe da Siñora Bianca, O Bispo Quevedo proclamando reacción, os mariscais franceses Soult e Ney e tamén os seus cans...

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 32-33.

domingo, 24 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (X)

E que o outono prosiga, 
beba veloz e firme,
como beben os homes,
que pague e que a vida se vaia.

Este é o inverno final.

Aquí imos xogarnos.
Aquí nos destruiremos
                                          e venderemos cara a nosa cinza.
¡Ei Pedrayo!
Non xuzgues esta noite.
Escoita:
O vento trouxo a todos.
Velos aí, 
fodendo na moqueta:
Xa inocentes,
xa alleos,
xa en pelotas.


Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 32.

sábado, 23 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (IX)





¡Viño pra todos Madame!
Hai que saber perder con chulería.

¡Viño pra todos que esta ronda
paga Yáñez de Nóvoa!

Que beba o estafador,
os mercaderes,
as máscaras de todo canto fomos.

¡Barra libre Madame!
¡Paga putas Sir Percy e Carrascosa Bispo!
Madame,
e despois máis borrachos,
concluíremo-la orxía
proclamando sodoma en Serenou adiante!

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 31.

viernes, 22 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (VIII)...

¡Cidade de cascudas!
Madame en Serenou.
Pedra damodo,
pedra que maxina
mil xeitos de poñer preguiza á morte.
Ponlle datas ó duelo e rematemos.
Éste é o vértice,
o prisma lexendario.
Aquí un dos dous abonda.

¡Pechádeme estas portas!
Que a linaxe dos noso
nos condene
a vivir con candados no destino.
Que non fuxan as sombras,
que as súas biografías nos torturen
deica o cabo do mundo.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 31.

jueves, 21 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (VII)...

Que proclamen os retratos do fondo,
o fondo desta agre ladaíña
e medremos no espanto
Serenou,
porque eu estou vivo.

¿Lembras aquelas máis
de setecentas grandes soidades
ordenando do sul a nosa destrucción?
Pois conquista onde estabas na derrota
e coa derrota ó lombo,
dalle as gracias
ós deuses que te amaron
de que a guerra se conte aquí
sen enunciar pronomes de vergonza.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 30.

miércoles, 20 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (VI)...

Pero quero saber.
Quero a néboa.
Quero a historia da néboa
antes que a néboa
resolva en nosa cinza.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 30.

martes, 19 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (V)...

Ve a man,                    
               ve a lepra
con que a lepra fundou a nosa tribu.

Estaba escrito que eu vos maldicira,
que o profeta sen nome
puxera nome de infamia nesta orixe.

Martín de Tours                      ¡maldito!
Carriarico                               ¡maldito!
Witimiro                                 ¡maldito!,

e sobre todos eles,
maldita Serenou por te entregar.
¿Que puta de linaxe é seducida?
Dime siquera unha
e entenderei que o precio ó que te deches
fose esta tanta nada para isto:

Nin cobardes nin herois tes do sangue,
tan só fillos de puta.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 29-30.

lunes, 18 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma (IV)...

¡Quen tivo as chaves da conspiración
que deteña este sangue!

Pantasmas de min,
cadavres convocados...
baixade aquí a retorna-lo incesto
e que a discordia poña
                                                      neste vivir
xa o perdido pra sempre.

¡Ollade Serenou como desfás en noite!

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 29.

domingo, 17 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma... (III)

¡Ah Serenou!

Aquí vai rematar de golpe nada,
os longuísimos días sementados
contra un vento de todo.
Aquí será a unha carta

nada ou todo,

porque baralla o vento.

Un disparo na sota mal picada
e aquelo que foi páxaro, memoria,
centeo, amor,
mazaira, limoeiro
desangrará no abismo.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 28-29.

sábado, 16 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma... (II)

Envida, a tarde endiante con navallas
e altivo o xesto de vestir maldita.
Endiante envida,
Serenou,
mírate ó espello
e resolve memoria a cada aresta.
Cecais memoria, aresta,
acaso espello, 
consúmanse nos trances de mirarte.

Mira que baixa o vento.

E agora baixa o vento do cabalo
coma quen vai de putas.
Pasea, pasa,
multiplica os ollos,
non disimula signos de matar
coma quen foi de putas.
Todo o vento do mundo nesta noite
templou revólver
coma quen venta putas.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 28.

viernes, 15 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma... (I)

SERENO, ARRUINADO POLA ASMA, INVOCA
ANTANO ÁS PORTAS DA CIDADE

A Benito Lentellais, 
capataz de serenos alá no Serenou de 1842

Eu veño a declararte,
a apalparche a tristeza,
a bebe-la mentira dos que beben contigo
cando menten contigo e beben sos.
E a ti.
Eu veño a someterme.
A que tornes á alcoba e me reduzas.
Que me habites dediante do desprecio.
Finalmente.
E por se acaso veño
a que confundas
          entre ti
e arredores de logo, lago, enigma;
a procedencia incerta na que vivo as palabras.

¡Cidade de cascudas!

Filmádelle un trailer a estas pedras
no que un home é mentira,
mentras a néboa pasa
                         e acontece.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 27.

jueves, 14 de mayo de 2020

Tódolos camiños do mundo

"Aqueles axouxeres son aínda no meu imaxinar.
E non me deixan cando fago moitas veces e de
variados xeitos, o camiño máis amado por min
de tódolos camiños do mundo."

Ramón Otero Pedrayo.

Cita que abre a primeira parte, "Prostibulario", do libro Contra Serenou de Manuel Guede.
Edicións Sotelo Blanco, Barcelona, 1985; pás. 25.

miércoles, 13 de mayo de 2020

Nos penedos de Montealegre

Aquí está, pois, Contra Serenou. É un libro escrito con Ezra (Pound) e con don Ramón. Non moi lonxe de outros libros galegos do momento. Infinitamente lonxe, pola sua barbaridade, pola sua tosquedade, de outros moitos libros, sen dúbida valiosos, da nosa poesía do século XX. Cando moita poesía moderna, en senso lato, se esforza denodadamente en confundir a ambigüedade dos significados co xogo dos matices e en producir un discurso plano -no senso que falamos de electroencefalograma plano- Contra Serenou cóntanos cousas e fala connosco -mesmo ás veces provocándonos. É un libro de poesía para ler. É un libro violentamente de Ourense e violentamente real. Nel están moitos mortos e moitos meo mortos podemos, sen dúbida, sentirnos dentro das suas páxinas. Este é o libro de Manuel Guede Oliva. Debe ser lido nos penedos de Montealegre, con Serenou latexando ao pé igoal que un becho."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 17-18. 

martes, 12 de mayo de 2020

Producto oteriano

"Vino por primeira vez ao el atravesar o claustro do vello Instituto, cando eu me ía examinar de ingreso. "Ese é Otero Pedrayo", díxome o meu pai despois de tirarlle o sombreiro. Aquel era Otero Pedrayo, que anos máis tarde habería de ser meu profesor na cátedra de Compostela, meu orientador en conversas interminabeis de café que consomían a tarde completa, na afluencia permanente do seu discurso que os que hoxe se chaman seus herdeiros nen comprendren nen aman. Tomemos, pois, a Otero Pedrayo: el está en todas as páxinas de Manuel Guede Oliva, tanto naquelas nas que as suas palabras aparecen explícitas, como nas que nen se nomea nen existen referencias á sua obra ou á sua persoa. E mesmo podemos facer historia e socioloxía, sen medo. (...) Pois ben: Contra Serenou, de Manuel Guede Oliva, é o primeiro producto oteriano que produce a cultura ourensana posterior á guerra civil..."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 15-16. 

lunes, 11 de mayo de 2020

O poema de Ourense

"Foron chegados, pois logo, os días en que era necesario o poema de Ourense. Que se facía preciso que a nosa cidade fora tamén explicada en verso, como o tiña sido xa fartamente en prosa narrativa. E esta é a aportación de Manuel Guede Oliva: Contra Serenou -que xa se ve que é a cousa ao revés. Existe aquí, no libro que sostedes agora nas maos, unha confesión de diatriba que é mentira retórica. Non é contra Serenou que escribe Guede. É dentro de Serenou e contra Guede mesmo. Ourense, Serenou, Auria, Ouréns, está aquí en diálogo de voces, do cal falaremos decontado. Está a cidade vista por diante, e tamén vista para atrás, en senso, que dirían os meus colegas de profisión, diacrónico. (...) Libro que fala da soedade dun excelente poeta dentro dunha cidade que lle é hostil, como nos son sempre as cidades que verdadeiramente amamos. Ao lonxe, pasa alguén de quen vou falar aquí moi claramente."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 15. 

domingo, 10 de mayo de 2020

Varios e bons

"Veleiquí que Ourense, Ouréns, é a única cidade de Galicia verdadeiramente transmutada en literatura. Ou que diga: ao igoal que San Petesburgo, que París, que Londres, que Buenos Aires, tense convertido nas maos de diversos escritores galegos en personaxes de ficción. Non apenas dun escritor, como Oleza/Orihuela ou Vetusta/Oviedo. Son varios e bons e de diverso talento e estética non converxente os autores que fixeron de Ourense unha personalidade carregada de riscos identificadores. Lamas Carvajal, Heraclio Pérez Placer, e, sobor de todo, ese espléndido prosista do idealismo galego que fora Álvarez de Nóvoa, traballaron as bases dun convincente Ourense literario no século XIX. Xa neste século, foi Vicente Risco, o de O porco de pé, quen diu conta de aspectos da cidade que o incomodaban, e que podían ser tan diversos coma a burguesía maragata ou as acacias de bola. Despois veu a Auria de Eduardo. Alí, no seu ciclo completo, está todo o Ourense visto cos ollos dun mozo, que despachaba de axudante de camareiro no Café da Unión. Un Ourense, o de Blanco Amor, desgarrado que ferve a cachoeira, nun mesmo pote máxico, a dor da miseria real, as fantasías dos meniños probes, e unha poesía que paira co vóo esquinado das grandes bolboretas sobre a cidade da catedral que inventou Eduardo por non deixar endexamais de ser aquel neno con puntillas e sen xoguetes que fixera de el a Florista, a sua mamai maravillosa e fantástica. Despois, cando a cidade de Ourense se encheu de tipos que andan polos ralis a correr nos autos, ou disparan as suas señoras con arco, e a xentiña -os amigos de Virxilio e meus, os famosos coma o Leyenda ou os Manaicas, as anónimos de Regueiro Fozado, do Couto, da Granxa, por acaso do Salto do Can, onde está Guede-, cando a xentiña boa, digo, tivo que emigrar á Europa milagreira do neocapitalismo, veu Carlos Casares e pintou todo moi ben nunha sua novela, moi pequena e moi mesta, que é Cambio en tres."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 13-14. 

sábado, 9 de mayo de 2020

Ourense. Ouréns.

"Ourense. Ouréns. Un equilibrio de luces únicas na primavera e de loucura enardecida nos veraos. Outonos que relumbran co orientalismo da Capela do Cristo, na que ainda se non teñen apagado os ecoares da misa declamada até o engulo por un Rey Soto pecador, de manos femeniles e perfumadas. Invernos que lembrarei mentras viva, pois as néboas invadían as caixas dos peitos nativos, os ollos facíanse máquinas fatigadas de intentar perforar tanto interior, as tendas minúsculas de pemento picante e carqueixas emitindo luces tímidas na tardiña, os probes e as xentes de má vida -coma nos contos decimonónicos- a durmir as bebedeiras onda a fervedoira da Burga, e a cidade enteira agurgullaba na humidade coma unha besta dos pantanos."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 14.

viernes, 8 de mayo de 2020

Naquela cidade que ardía aló embaixo

"Moi recentemente, percorrendo eu os arredores de Ourense, alí onde son os outeiros calvos, os piñeirais e as corticeiras, os verdes érbedos e o bruido constante da chicharra nas raxeiras de verao, polos montes do Cumial, e deixándome tamén ir polas marxes da Barbaña dos sapoconchos en Porto Seixiño, non lonxe dun Seixalbo pletórico de pozos, de canles de rego, de rianxo innumerábel, pensaba intensamente naquela cidade que ardía aló embaixo, abrumada polos picoutos, pola calixeira, por un sol inimigo e cruel."

Méndez Ferrín, Xosé Luis. "Limiar" en  Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 13.

jueves, 7 de mayo de 2020

Visión esperpéntica, alucinada e lírica

"Con este libro -o primeiro poemario de Manuel Guede-, accede Ourense á condición de vila literaria. Pero non son estes poemas unha imaxe realista de Ourense e das súas xentes -non é o Madrid de Galdós, o Dublín de Joyce, o Oviedo de "Clarín"- senón unha visión medieval, como chegada a nós desde aquel outono que miraba por ollos do Bosco, do Arcipreste ou dos nosos troveiros de burlas. Contra Serenou é a visión esperpéntica, alucinada e lírica, dunha cidade vista a traveso dos morto e dos figurós, das grandes máscaras da cultura ou da Eirexa, ou da historia, que reviven mostrando o cú pola cara nun xogo de moralidade medieval. Os tolos e os escesivamente lúcidos, xente que nos olla dende a súa estatua ecuestre sen cabalo, mendiños, lacazás, maricallas insomnes, putas sentimentais, ou iracundas, ou inapetentes, ou frenéticas, putas que practican o sexo como ascetismo, ou filosóficas ou desmadradas, cornudos misericordes da casta melancólica e do gremio dos sabidores, poetas baixo palabra de honor, guerreiros en estatua, literatos que perden a figura memorable reflexados no espello dun burdel, xente toda dun retablo que o Guede -home de teatro- compón coma un escenario de máscaras. Se lle engadimos a este conxunto absurdo e xesticulante unha endiañada forza verbal, se lle engadimos un talento prodixioso para a composición grotesca -un talento capaz de amostrarnos toda unha cidade do revés, proceso moi sabido por este constructor de danzas da morte que é o Guede-, teremos unha idea aproximada do que é este libro fermoso e irritante, composto coma un cadro de Ensor con amor e crueldade. Un libro irrepetible e único no panorama da nosa poesía."

Basilio Losada Castro. Contra Serenou de Manuel Guede. Ed. Sotelo Blanco. Barcelona, 1985. páx. 7

James Ensor (1860-1949). Squelette arrêtant masques.

miércoles, 6 de mayo de 2020

Vocación canalla.


“A presentación literaria de Guede, tanto desde a poesía como desde a narrativa, tivo un común afán provocador e un intento continuado de relectura do Ourense da súa infancia. Guede incorpórase conscientemente ó continuum de autores que ficcionaron Ourense como universo literario, mesmo recreándoo en novos alcumes literarios como Auria, Ouréns, Serenou, etc. Coñecedor desta tradición –con nomes tan egrexios como Otero Pedrayo, Vicente Risco, Blanco Amor, Méndez Ferrín ou Carlos Casares-, Guede vaise asulagar conscientemente nela para facer aboiar a parte máis “canalla desa realidade, aquela que comunica co Ourense marxinal e lumpemproletario de Blanco Amor, pero que está presente ás veces, aínda que de forma máis intuitiva e menos consciente, en moitos outros autores. Esa vocación “canalla” da cidade é consciente no seu primeiro libro poético Contra Sernou (1985), presentado por Méndez Ferrín e Basilio Losada e que está dividido en dúas partes de nomenclatura ben definitoria: “Prostibulario” e “Demolición da néboa”. A poesía devén así tamén acto teatral, declamatorio, invocación contra as néboas da historia mediocre da cidade e capa na que enxergar as mellores lembranzas da cidade literaria, quizais a única que existe, a que debuxa a melancolía de don Ramón, o disparate de Xan da Coba e o drama inmenso de todos os Milhomes da vella Auria. A mesma vocación de axuste de contas, neste caso cos días da Guerra Civil, evidenciou tamén en “Vísperas de Claudia” (1988), escrita expresionista e tremendista, que xoga coa historia, coa literatura e coa metaliteratura para desenvolver un mundo persoal, “canalla” e desolado.”

-Valcárcel, Marcos. “As doce e sereno”. Revista Grial, nº 147. Xullo-agosto-setembro 2000.

martes, 5 de mayo de 2020

"Contra Serenou"

Sotelo Blanco Edicións. 1985, Barcelona.
"A moeda máis preciada da nosa literatura ten no anverso a "Esmorga" de Eduardo Blanco Amor, e no reverso "Contra Serenou" de Manuel Guede. Cúspide narrativa e lírica da ficción auriense. Auria, de raíz etimolóxica, e Serenou, palíndromo, son as máis logradas toponimias en clave literaria da nosa cidade. Anverso e reverso a todos os niveis. Unha, A esmorga, coñecida, editada e valorada; outra, Contra Serenou, descoñecida, ignorada e cunha única edición alá polo ano 1985. Chegou o momento de entrar en Serenou e coñecer os seus recunchos e as súas xentes."

lunes, 4 de mayo de 2020

"Ciudad vampira" de Nacho Vegas

Vivo en la ciudad más triste que jamás
una mente triste pudo imaginar,
vivo y no concibo escapar.

Vivo en la ciudad más triste de este país,
es tan triste esta ciudad que, por aquí,
cuando alguien se ríe lo hace mal.

Y ves mujeres lobo cuando hay luna llena,
pero amanece y se mueren de pena.
Y es que así de triste es la ciudad.

Vi a gente triste en el autobús,
vi a gente triste en la avenida Schultz,
vi más gente triste en el Molinón.

Vi a gente triste y cambié de acera,
vi a gente triste en el Alimerka,
y después también me puse triste yo.

domingo, 3 de mayo de 2020

sábado, 2 de mayo de 2020

Películas / Televisión / Documentales


·         Olea, Pedro (director) “El bosque del lobo”. 1970. 

·         Plaza, Paco (director) “Romasanta. La caza de la bestia”. 2004. 

·         V.V.A.A. “Lenda Negra”. Dirección: Elisa Celda, Claudia Gracia, Mario Sanz e Óscar Vicentelli. España, 2017. 

·         Oliveira, Roberto (director) “Manuela Romasanta”. 2019. 

-    Doviso, Óscar, "Luarada". 2020.

·         Quintana, José Luis. “Xuízo a Romasanta”. 2011.

viernes, 1 de mayo de 2020

Programas radiofónicos


 Selección de programas radiofónicos sobre Manuel Blanco Romasanta:

·         “Ángulo 13”. Onda Cero. Onda 7 Tenerife. Programa Nº 100. Presentado por Juanca Romero. 2/3/2012. Sección “Zona Alpha”. Dani Revueltas comenta distintos aspectos deste personaxe. Desde m. 43:30 ata 67:30.   https://www.ivoox.com/1083799
 
·         “Elena en el país de los horrores”. Presentado por Elena Merino. 5/6/2018. “Los asesinos del país de los horrores: Manuel Blanco Romasanta.” Interesante dramatización na voz de Pedro Quirós, narrando a confesión de Romasanta ante o xuíz.     12m 13sg. Podcast en ivoox: https://www.ivoox.com/2018-6-5-los-asesinos-del-pais-horrores-audios-mp3_rf_26365033_1.html

·         “En la búsqueda”.Programa de enigmas e misterios presentado por Yolanda García e José Antonio Roldán.  Manuel Carballal comenta as segundas Xornadas Romasanta de Allariz onde Fernando Serrulla presentou a súa hipótese de hermafroditismo. Programa nº 29. 8 de novembro de 2012. Desde m. 34´40 até 40´38. Podcast en ivoox: https://www.ivoox.com/elb-1x29-romasanta-rennes-le-chateau-sierra-degollados-ecms-audios-mp3_rf_1555074_1.html

·         “El secreto de la caverna”. Ondacampus da Universidade de Extremadura. Dirixido por Samuel Hernández. Tempada 4ª. Capítulo 22. Sección “La estela de Caín”: contan a historia de Romasanta e comentan as películas que o tratan. Do minuto 1h:30 até 1:55.  Subido a ivoox o 22 de marzo de 2017. Podcast en ivoox: https://www.ivoox.com/secreto-caverna-4x22-el-audios-mp3_rf_17707978_1.html