miércoles, 30 de diciembre de 2015

Regalos aurienses para cativas e cativos



Nadal de 2015: como en decembros anteriores rematamos un ano e comezamos o seguinte recomendando lecturas para cativos e cativas que os introduza no mundo literario e xeográfico de Auria. Se en anos anteriores viaxamos coa familia Bolechas e o capitán Aspanitas e o seu equipo, desta viaxamos, con Brais e Nemeto, a Lánsbrica.

Os Bolechas van de viaxe: As pozas de Ourense (2009) , banda deseñada de Pepe Carreiro, presume de ser a primeira guía turística de Ourense, guía para que os cativos entren en contacto, xa con poucos anos, cos lugares emblemáticos de Auria: a ponte romana, as Burgas e as pozas e a pasarela de Outariz. Outros lugares como a traseira da Ribeira de Canedo e o Tinteiro son  menos coñecidos. Facer un percorrido desde a praza Maior até Outariz no tren turístico que usan os mesmos protagonistas da historia é unha oportunidade marabillosa para descubrir a cidade por parte dos cativos, e tamén dos visitantes que se achegan por vez primeira a nosa cidade.  A idea de fotografar aos menores nos mesmos lugares que visitan os Bolechas pode ser o complemento ideal a nosa experiencia iniciática, tanto literaria como turística. Baixo un intenso calor estival os nosos protagonistas entrarán en contacto coas augas quentes da cidade,  ao tempo que se introduce o tema das separacións dos pais, tan frecuente hoxe en día, e como certos nenos/as cambian de casa algunhas fins de semana.De 0 a 5 anos.

O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas (2013) de Ramón Caride. Novela infantil, con debuxos de Jaime Asensi, que tendo de novo como protagonistas as augas da cidade, esta vez cun aire de intriga, é unha desculpa perfecta para realizar un recorrido literario-turístico pola cidade de Ourense. Acompaña a novela dous mapas que poden axudar aos rapaces e rapazas a aprender a orientarse, ao tempo que seguen as aventuras dos nosos protagonistas. Auditorio, Burgas, Canedo, Catedral, Chavasqueira, cemiterio, edificios (Bispado, Correos, Simeón), esculturas (Ánxo Caído, Leiteira, Santo Cristo) Muíño das Veigas, Oira, Outariz, parque S. Lázaro, Ponte Romana, prazas (Bispo Cesáreo, Correxidor, Ferro, Maior,  San Marcial),  Remedios, río Miño, rúas (Cardeal Quiroga, Concello, Desengano, Fornos, Lepanto, Parada Justel, Paz, Progreso, Ribeira Sacra, San Miguel, Santo Domingo) e  San Francisco. Múltiples lugares que descubrir da nosa cidade, recorrelos, familiarizarnos con eles. Unha boa opción é seguir en bicicleta, como os protagonistas, o recorrido desta aventura. O Capitán Aspanitas, o noso superheroe local tamén nos permite achegarnos ao mundo e a labor das persoas discapacitadas. De 6 a 12 anos.

Viaxe a Lánsbrica (2012) de Miguel Mosquera Paans, novela xuvenil que nos achega a historia das terras ourensáns, desde a prehistoria, e múltiples lendas que aínda se conservan polos recunchos da nosa provincia. Brais, un estudante de secundaria do Carballiño, visita xunto aos seus compañeiros/as o castro próximo de san Cibrao de Lás. Despois de caer nun  pozo fará unha viaxe no tempo até a prehistoria, e dende aí, xunto ao xigante Nemeto irá recorrendo distintos lugares de Ourense nunha viaxe pola nosa historia.  Ideal para empezar a coñecer a provincia, e tamén toda Galicia. De 12 a 16 anos.

martes, 29 de diciembre de 2015

Os soños sicalípticos

"Con dous narcotraficantes e dous guías detidos, e co Delirios pechado por trata de brancas, todos volviamos ser felices. Só pensaba en descansar seguido. (...)

 Outro taxi perdeuse entre o tráfico, esta vez cara á Estación Empalme. Despedinme desexándolles sorte ás dúas no periplo porno catalán, que empezaba superando de cheo todas as expectativas posibles, sobre todo tendo en consideración o nome do recinto ferroviario de onde partían os soños sicalípticos."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.171-172

lunes, 28 de diciembre de 2015

Para reanimarme

"O taxi perdeuse polo Progreso e fiquei cos brazos cruzados, con cara de pasmón, tentando ralentizar os aceleróns do coche entre o tráfico. Helena desaparecera igual que Silvia Puga, igual que Marina cando se fartara dun borracho. A historia repetíase, só que agora eu tamén quería desaparecer, e non me faltaban ideas.

  Volvín entrar no Condal e pedín un lingotazo de whisky para reanimarme."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.170

domingo, 27 de diciembre de 2015

Media vida e algo máis doutra

"Os meus estereotipos avellentaran. Non houbo carantoñas. O taxista, un espectador canso e desmoralizado, agradeceuno. Xa na rúa, Helena deume unha aperta que nos cravou no chan o tempo equivalente a unha carreira entre Seixalbo e A Carballeira. Era media vida e algo máis doutra. Nunca sufrira arreguizos tales, nin sequera cando de totalitarismo hormonal, aloxado para sempre nas primeiras borrascas da adolescencia. O tacto dunha man nas miñas costas que emprendía un traxecto con curvas de apego nada ecuánime, dixerido aos tropezóns, erea o causante dos arrepíos.

- Adeus, Horacio -dixo ao tempo que se separaba de min.

- Adeus, princesa."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.169-170

sábado, 26 de diciembre de 2015

O aguillón cravado

"Pepe Pallozas volvía ás andadas co seu estilo expeditivo e prometía unha nova tanda de vitorias. En titulares destacaba a súa solidariedade co Tigre Cameselle, que levaba varios días gardando cama no Cristal-Piñor logo de recibir unha tunda do Depredador no Barbarela, onde o convalecente acudira moi borracho para lembrar diante das amizades a suposta condición homosexual de Penide.

 Erguín a vista e posteriormente acendín un pito. Tiña ante min os ollos seculares, coa súa inmensa porción de universo azul. Miraban sen matar de todo, coma se fose a última vez que concentraran feixes de luz para min. Tiña o aguillón cravado onde non existen receitas para calmar as recaídas. Helena continuaba fulminándome a pupilazos. (...)

-Claro que podes, muller. Non esperaba verte -dixen pechando o xornal

-Xa. Por iso vés xustamente ao bar que está máis preto da miña casa-tiña certa sorna primeiriza o asunto. "

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.167-168

viernes, 25 de diciembre de 2015

Cimbreque desaforado

"O día do seu antolóxico regreso aos cuadriláteros, o Caimán de San Francisco tombara en só corenta e cinco segundos ao Depredador de Viñoás. Seica Penide saltara ao ring moi baldado, xa que a noite anterior tivera que cumprir con catro meretrices da Peroxa moi libertinas, amigas de chupar cámara e do cimbreque desaforado nas posturas máis abstrusas. Afectáralle o esforzo. O Caimán, exultante logo de coñecer a sentenza do xuíz que o exculpaba de atracar o Champion do Posío cun estilete, só tivera que cumprir cun gancho de esquerda errado e un dereitazo destrutor."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.167

jueves, 24 de diciembre de 2015

Baixo mínimos

"Non houbo resposta. Sentíame coma case sempre e coma cando non estaba borracho: baixo mínimos. (...)  A noite do RockClub transformárase nun retallo co que debía apandar, un estudado axuste de contas no cal nada era o que parecía, pero que os dous necesitabamos coma un cravo ardendo ao que agarrarnos miserablemente. Marina solucionárame moito frío futuro cun irreflexivo estrambote, mais o agasallo viña envolto nunhas contraindicacións insufribles.

  Pedín un café con gotas para celebrar a retirada definitiva. (...) 

  A esas horas da mañá -era case mediodía- o Condal tiña costume de converterse nunha concentración de altos funcionarios satisfeitos."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.166-167

miércoles, 23 de diciembre de 2015

Parellas á xaneira pouco sibaritas

"O sicario con cara de cráter deu orde de que me conducisen ata un túnel adxacente, onde anos atrás se reparaban os trens avariados. Bastoulle estirar o pescozo coma un pito para que os compinches que dirixía lle fixeran caso. Helena non me soltaba e eu mesmo non quería que se soltase de min nunca, mais esa era outra historia. A galería que cheiraba coma o diaño, convertérase en lugar frecuentado por politoxicómanos empedernidos e parellas á xaneira pouco sibaritas, xa que o chan era unha fedorenta colección de xiringas e zorollos de recente feitura.

 (...) Faciamos as últimas filigranas por entre os raís cando o rostro de Acevedo, por fin, se burlou de nós dende o chan, cos ollos entornados."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.162-163

martes, 22 de diciembre de 2015

Ecoaban xa preto da explanada

"Grazas á pericia dos condutores, uns verdadeiros iniciados que me lembraron os mellores tempos de Carey Loftin, os sicarios conseguiron introducirse na explanada da estación. Levaron por diante unha portería que coñecera tempos mellores -o terreo estaba acondicionado para a práctica futboleira- e, por un momento, pareceume que non se ían resentir do estropicio causado polos excelentes tiradores que me precedían. A carreira, non obstante, non se prolongou todo o que desexaban. Antes de que puideran levantar po polos carreiros paralelos ao camiño de ferro, os dous coches bateron contra un dos muros do recinto ferroviario.

 (...) As sirenas da policía e das ambulancias ecoaban xa preto da explanada. Non sabía se viñan por min, polos colombianos ou polos guías, mais non me importaba en absoluto."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.157-158

lunes, 21 de diciembre de 2015

Dous bólidos americanos

"Os sicarios, a bordo de dous bólidos americanos, ascendían pola Rúa Coruña mentre eu, a unha distancia demasiado prudencial, tentaba imitar con escaso xeito a súa condución fitipáldica.  Vin que se aproximaban á saída do túnel que desemboca no remate de Pena Trevinca para virar á esquerda.  Algo xogaba ao meu favor. Os badocos deles non contaran -eu tampouco- coa presenza dun cuarto automóbil que me precedía.  Os ocupantes participaban xa nos enfrontamentos a base de balazos, todos perfectamente dirixidos aos pneumáticos dos bólidos, que estiveron a piques de provocar unha verdadeira desfeita cando esvararon nas inmediacións do apeadoiro de San Francisco. Tiñan as rodas rebentadas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.157

domingo, 20 de diciembre de 2015

Zigzagueando

"Non me quedaba outra opción. O seguinte destino conducíame á casa de Silvia Puga, se é que non me recibían a balazos.  Acelerei a fondo por Ervedelo e a piques estiven de levar por diante un operario do servizo de limpeza, que traballaba no acondicionamento da zona, aínda coas secuelas da festa independentista.  O fulano dedicoume xenerosas faltadas, todas moi comprensibles agás á que se referiu á miña potencia sexual, pouco decorosa. Derrapei e fun dar de cu cunha sucursal bancaria da Avenida de Portugal. Avancei en dirección prohibida ata o Progreso, zigzagueando entre os coches, e pisei a fondo ata o Posío."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.153

sábado, 19 de diciembre de 2015

Treboada

"Conducín coma un tolo ata chegar á cidade. Non respectei nin un sinal e a piques estiven de provocar varios accidentes. Sobre todo, cando dei en adiantar a un camión que provocara un atasco fabuloso á entrada da Avenida de Santiago. Tomei o carril contrario e piseille a fondo. Para non colisionar comigo, os conductores apartáronse á beirarrúa, onde os peóns brincaban para evitar atropelos.

 Cando cheguei á casa, Iris agardábame no portal, con bágoas nos ollos. O seu rostro anunciaba treboada."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.152

viernes, 18 de diciembre de 2015

Facéndolle ás beiras

"As churrianas, moi dispostas, chamaran á policía. Foi por iso polo que temín o peor cando os maromos da Garda Militar penetraron no local, todos enarborando as ferramentas. (...)

 Subín á peza do váter para gañar a fiestra. A superficie estaba escorregadiza por mor do mexo salferido por algún cirangallo saloio, e esvarei.

- (...) mais cando soubo que Adrián Seivane se deixaba caer polo local dedicouse a chantaxealo. Ameazouno de morte. Seguiuno varias noites pola cidade e soubo que andaba facéndolle ás beiras a Malena, o que lle facilitou moito o traballo."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.150-151

jueves, 17 de diciembre de 2015

Incisiva patada nos troles

"A súa relación co crime do avogado era evidente, xa que o feito de que quixera impedir a presenza do morto no Delirios apuntaba cara a escenarios sentimentais. Por moitas moreas de billetes e moitos quilos de farlopa que haxa polo medio, a necesidade de durmir ao quente sempe pronuncia a última palabra. (...)

 De camiño ao Delirios, non conseguía afacerme de todo ao Fura de Iris, tan acostumado como estaba á condución do meu carro, que supuxen feito unha vulgar ferralla nalgún cemiterio de automóbiles. (...)

 O lupanar inauguraba a xornada. A primeira hora, os puteiros eran poucos e non estaba nada borrachos. (...)

 As churrianas corrían espaventadas mentres o paifoco tentaba lanzarme unha poderosa artillaría de botellas e copazos, intención que malogrei cunha incisiva patada nos troles que o deixou sen folgos."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.146-147-149

miércoles, 16 de diciembre de 2015

Fame atrasada

"Non fun ao enterro de Noriega. O lobo tiña fame atrasada e visitaba o cemiterio de San Francisco para saír na foto. "O termo da vida aquí o vedes, o destino da alma segundo obredes." As forzas vivas da cidade, así como unha nutrida representación institucional encabezada polo conselleiro Carlos Luís Pereira, rendéranlle unha pomposa homenaxe cun discurso breve e emocionado -todos eran así- no cal se gababa a súa impecable folla de sevizos, "todo un exemplo para os cidadáns de ben, comprometidos coa democracia e o respecto ás liberdades"."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.145

martes, 15 de diciembre de 2015

A noite deixaba xa de escorregar

"Helena bocexou con todo luxo de detalles. Era hora de marchar. Cando saímos, a noite deixaba xa de escorregar polas ribeiras do Barbaña, dando paso ás primeiras luces da mañá.

 - Ou sexa, que me queres- dixen fronte á igrexa de Fátima.

 - Si. Pero non cho vou repetir máis.  En canto unha tía se sincera un pouco, os tíos sempre pensades que tendes o camiño feito."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.143

lunes, 14 de diciembre de 2015

Supoño

"-¿Que fose a onde?

 - A onde irían sempre, eu que sei. Ao puticlub onde traballaba Malena, supoño.

 O Delirios aumentaba a súa clientela.

 - Apareceu morta esta mañá- díxenlle.

- Non o sabía.

Helena puxo cara de non ter visto un cadáver na súa vida."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.142-143

domingo, 13 de diciembre de 2015

Kalimotoxos

"Helena estaba empeñada en irmos tragar kalimotoxos con licor de amora ao Tytadine, pero negueime con rotundidade de pai insubornable. Un encontro cos incendiarios podía ser fatal. Suxerinlle o RockClub e aceptou de bo grado e moi submisa, disposta como estaba a acceder a todos os meus desexos para que esquecese o episodio do carro malogrado.

 Abandonárame completamente a razón.

(...) Apenas ficaba xente no local, mais a festa non tiña trazas de rematar así como así.  Helena fumaba moi concentrada e eu sentía que o interrogatorio debía cambiar de bando.  Soaba algo dos Stooges."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.139-141

sábado, 12 de diciembre de 2015

Uliscaban pola zona

"Todo Ervedelo eran restos de batalla campal. As leiteiras da Garda Militar e os camións dos bombeiros esforzábanse porque todo volvera á normalidade, mentres algúns curiosos uliscaban pola zona buscando ser entrevistados por xornalistas de base. Horas máis tarde, os especiais informativos de todas as cadeas destacaban a ausencia de detencións e a eficaz intervención policial."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.138

viernes, 11 de diciembre de 2015

A mascada

"Ao caer a medianoite estaba totalmente empipado. As consignas e os berros enlatados dos corifeos da Vangarda Popular, que montaban barricadas en Ervedelo, confundíanse cos diálogos dunha película malísima. O sono empezaba a atacarme e só puiden liberarme dos sopores etilícos cando Helena veu con noiticias frescas que me fixeron botar a mascada. A Vangarda Popular prendéralle lume ao meu Dyane 6."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.136

jueves, 10 de diciembre de 2015

Fargallos

"-Esta noite montan cisco na Praza do Couto. Voume. Feliz borracheira.

  Iris acendeume a televisión. Logo sacou unha botella de licor-café do moble bar e deixouna enriba da mesa xunto a unhas copas. Rematou a actuación retirando unha morea de fargallos cheos de cascarra que se acumulaba enriba da cadeira de brazos.

 -Graciñas, pero sonche un borracho algo infeliz. Traguiños estes-dixen catando o licor.

 -Mexericas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.135

miércoles, 9 de diciembre de 2015

Esparavanado no chan

"Crucei a Avenida de Santiago para buscar outra perspectiva. O tráfico volvérase aínda máis impracticable nas inmediacións do Parque de San Lázaro. As negativas de Marina, o corpo de Noriega esparavanado no chan e a sesión de escuma con Helena atordábanme a cacheira. Xa en San Francisco, subín ata o Montealegre e de novo ollei a panorámica da cidade toda, sumida nunha pachorra falsaria que pretendía agachar varias semanas de cadáveres e mentiras, como se o formidable caos urbanístico, máis propio da mourería magrebí que do envexado estilismo vasco que tanto admiraban os guías, bastante tivera con ser espectador privilexiado."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133-134

martes, 8 de diciembre de 2015

Na fochanca

"Cheguei ata Seixalbo e dei a volta ata o Posío, de onde me dirixín á Carballeira e posteriormente ao Vinteún. A cidade, esborrallada na fochanca erosionada polo Miño coma as pezas dun xoguete, fervía nun caldeiro de néboa densa e apiñada, disposta a non abandonar a poza en días."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133

lunes, 7 de diciembre de 2015

Sen rumbo

"Pasei varias horas conducindo sen rumbo pola cidade mentres agardaba o titular nos boletíns radiofónicos. Atravesei a Ponte do Milenio, o Progreso e a Avenida de Zamora. Non me incomodou o tráfico mesto á hora da saída das escolas. Conducía de vagar, respectando escrupulosamente o código da circulación para desesperación dos conductores que me precedían, fartos do meu academicismo. "O comisario Ambrosio Noriega aparece morto na súa casa. Os primeiros indicios falan dun posible suicidio."."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133

domingo, 6 de diciembre de 2015

¿Pereira?

"-¿Como está Roi? -preguntei.
- Perdeu moito peso.
- ¿Por que raio non o traen a Pereiro? - protestei.
- Cando o GIA entregue as armas e acate o Estatuto Provincial quizais se traslade aos presos enfermos. Pero vai ser difícil.
- Parece que vos gusta que isto non remate nunca.
- Acabará cando nós xa non esteamos. Non facemos falta.
- Todo é unha farsa, cago na cona. ¿Quen se beneficia a Silvia Puga? ¿Pereira?

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.131

sábado, 5 de diciembre de 2015

Nunha tobeira escura

"Noriega quería comentarme "asuntos importantes" na súa casa. Dende que o deixara a parenta vivía nunha tobeira escura da Avenida das Caldas, preto da estación do ferrocarril. A muller quedara co chalé pareado en Rairo. Aparquei o meu Dyane 6 cor vermello-Barrantes ao carón da Sarita e antes que botar un pito preferín tomarlle dous viños nunha tasca próxima para non alimentar máis sarabullos. Debía coller folgos antes de subir a un cuarto sen ascensor."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.127

viernes, 4 de diciembre de 2015

Lercha

"-Vas ter que falar. Ata o de agora só fuches ti quen fixo as preguntas. ¿Como a coñeciches?

 -Nunhas colonias salesianas en Allariz. Ela era catequista e eu axudaba na misa. O resto é demasiado tórrido.

 - (...) Ou se o prefires, podo comentar no Tytadine que cada día que pasa melloras máis a túa técnica para torturar os nosos.

 -Lercha. Puta que te pariu.

 - (...) Coñecía a Marina da Vangarda Popular e unha noite que había festa no Tytadine presentounos. Daquela o GIA estaba en tregua e resultaba máis cómodo engulir kalimotxos sen bombas lapa."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.124

jueves, 3 de diciembre de 2015

Os encarapuchados

"A Garda Militar seguía cargando nalgúns manifestantes que se dispersaban por Emilia Pardo Bazán, mais a batalla rematara e só se distinguían algúns retallos. Os encarapuchados, que atoparan un lugar cómodo e seguro para mallar en min ata cansar, acubillados nun casarello ruinoso da subida ao Montealegre, propinábanme piñazos un tras doutro na dentamia. Saíanselles os ollos das cuncas."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.117

miércoles, 2 de diciembre de 2015

Arrebolar pedras

"A batalla campal estendeuse ata San Francisco e de alí ata a explanada do antigo cuartel, onde conseguín atrincheirarme cunha ducia de encarapuchados que se sorprenderon pola miña falta de pericia á hora de arrebolar pedras e erguer o puño. Non tardaron en darse de conta de que non era un deles, o que meu deu azos para non mandar a Noriega a tomar polo saco."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.115

martes, 1 de diciembre de 2015

Cantullos e botellas a esgalla

"A Praza das Flores infundía respecto mesmo nos organismos máis apátridas e choqueiros. (...)

  A intervención da Garda Militar interrompeu os discursos e avinagrou definitivamente os ánimos. Comezaron a voar cantullos e botellas a esgalla. Os colectores cruzados na Pena Corneira chamaban ás barricadas e os máis atrevidos encarábanse con improvisadas estacas á policía, que cargaba nos concentrados coa mesma saña con que estes repartían carallazos con sinais arrincados do pavimento e outros elementos do mobiliario urbano."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.114-115