sábado, 28 de febrero de 2015

Sona de activa e moi intelixente

"A miña irmá daquela xa acadara sona de activa e moi intelixente (non se lle facía ningún favor en decilo) entre os compañeiros que tiñan vido a A. polas federacións comarcais, naquiles "viajes fraternales", tan sinxelos e ledos, do agarimo proletario (cando eu saín de A. por primeira vez, foi pra ir nun diles, a Villafranca, aporveitando a Semana Santa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 289, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 27 de febrero de 2015

Na feira do sete

"Os domingos nunca deixaban xantar soios na casa, que eran os días máis tristes. Os compañeiros levábannos a xantar con iles o que tivesen. Ás veces íamos de merenda ao pé do río, a comer empanada, e si as datas caían ben, en domingos ou día de festa, íamos a comer o pulpo na feira do sete ou na do vinteún, que somentes esisí podíamos levar aquela rexa mágoa do arredamento  dos meus pais. Si eran días de chuvia viña o Mosquera coa muller, a boa Armida, e os dous nenos, e facían a comida e quedábanse até a noite lavando a roupa e axudando a fregar a casa."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 288, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 26 de febrero de 2015

Bo ollo pra descubrilas

"Entre os dous, que só gastábamos o perciso, mandábamoslle o que podíamos á mamai que estaba co meu pai e co Alberte cumprindo os seis meses do novo desterro en Manzaneda de Trives, onde, como non había impresas, non podía traballar.
(...)
 O parvo do gobernador de turno negoulle o permiso, pra que fose a Santiago (mexaba sangue moi seguido), como aconsellaba o médico de Viana do Bolo, un correlixionario velliño que non sabía moito por onde andaba na cura das doenzas, pro que tiña bo ollo pra descubrilas e decilas polo seu verdadeiro, e ás veces témero, nome.

 E os dous médicos de Trives, que eran consevadores do conde de Trives, non querían ir ver ao meu pai, nin meu pai podía saír de Manzaneda pra ningures."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 288-289, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

miércoles, 25 de febrero de 2015

Unha miga sorridente

"A señora Andrea Gonçalvez non dixo ren. Só co aquil falar calada, modosa e unha miga sorridente, atal unha respeitosa e asisada dona campesía, xa o fachendoso xuez de A. pola gracia do seu padriño, escomenzou a perder pé, cecais a estar menos firme do papel que se reservara na escea."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 280, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 24 de febrero de 2015

"Lumeterino"

"Aquil era un día asombroso. Agora viña resultar que a señora Andrea, de orixe espampanantemente incónito, acusada con razón ou sin ela (no seu homaxe penso que con ela), de ceda incontinencia erótica ( o "lumeterino", no falar da miña pobre avoa); falsa vella ou falsa revellida; moinante ventureira, aquerenciada en A., practicando, coa mesma propiedade, a costura de branco, os broslados de freira, os partos dificis e os abortos como casos de concencia autorizados por unha dialéctica persoal, viña resultar agora unha dama culta, cunha cultura de damas doutro tempo e doutros países..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 277, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 23 de febrero de 2015

Puro "Ciprianillo"

"Por certo dixéronme que un fillo do Covas, que asegún se di, é o mairo herdeiro de A., anda a langrear por aquela filla que tiña a Cachona nas Carmelitas de pago, e que soio agarda a que cumpla os dezaoito pra se casar...
¡Se iso non é puro "Ciprianillo" que baixe Deus a velo!

-(...) Goréntome de ter eiquí a un home e a unha muller xa feitos e direitos cos que falar; un home e unha muller verdadeiramente escecionais, repítovolo, nista melancónica e mal tencionada A."
 
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 272, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)
 

domingo, 22 de febrero de 2015

Algún ollo abesullando

"En A. tíñase que andar con tento. Sempre había na noite, nas noites todas do ano, algún ollo insomne e malino, abesullando pra o seu respetivo anaco de rúa, en todas as rúas da vila, como parte dun grande "corpo de guardia".
(...)
 Levaba algunha alfaias orixinais e de aspecto custoso: un esgarabello labrado en amatista, un colar de grosos topacios, pendentes de filigrana de ouro, que en A. se chaman portugueses; nun dedo groso, un grande anel labrado nunha pedra opaca.
(...)
-O que me estou a perguntar é como se pudo traguer todo isto sin que ninguén o soupese. Resulta verdadeiramente humillante pra A."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 268-271, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 21 de febrero de 2015

Unha "descoberta" pola rúa

"Agardei na nosa casa, que a baleireza facía tan resoante e triste, até que fose aínda máis entrada a noite.
 A iso das once, saín a facer unha "descoberta" pola rúa dos Austrias, pola das Tendas; voltei pola praza do Trigo, metinme na rúa dos Fornos, saín de novo á do Tecelán. Non atopei con ninguén, nin xiquera co municipal que estaría ao abrigo, no torno da rúa do Paxaro. Non se vía ningunha fiestra acesa por entre aquela morma grisalla outoniza que viña do río."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 269, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 20 de febrero de 2015

Unha tensa aperta no escuro

"Pra non entrar xuntos na cidade, démonos unha tensa aperta no escuro antes de baixar ao alumbrado da rúa do Progreso; unha aperta como pra un longo viaxe, ¡e tan longo!"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 267, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 19 de febrero de 2015

As tres máquinas da fábrica da luz

Antigua fábrica de enerxía no Campo dos Remedios
"Xa levabamos alí máis de dúas horas. Pola miña parte xa fumara unha ducia de mataquintos.

 Erguíase do río un neboeiro mesto e roxizo, e ouvíanse acompasadas as tres máquinas da fábrica da luz. (Puñéranlles nomes de muller, e cando había os apagóns, asegún onde fosen, todos sabíamos cál delas levaba a culpa: "Elena", "María", "Paulina", fillas do dono da empresa, o Condemalvís)."

 Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx.265,  Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

Foto extraída do blog: diariodeunmédicodeguardia, de orixe descoñecido

miércoles, 18 de febrero de 2015

Daquil xeito tan lucidío

"Eu estaba atordoado e, dentro das circustancias, cheio de ledicia. Nunca houbera pensado que fora da xente nosa aínda coas novas figuras populares que pouco a pouco se ían albiscando (...) houbese en A. quen pensara, daquil xeito tan lucidío, en nós, dende fóra de nós, e pra adiante de nós. Non acertei máis que a decir:
 -Tes razón, craro que tes razón.
(...)
 -Como todo o mundo eiquí. En A. todas as casas teñen as paredes de cristal... Craro, que ás veces son de cristal de aumento pra os defetos... Coido que non conviña..."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 262-263, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

martes, 17 de febrero de 2015

Á luz langañosa do faroliño

"De todo isto falamos aquela noite co Pepe Cerdeira sentados nas grades do cruceiro, á luz langañosa do faroliño de aceite pra que non nos confundisen cos que andaban alí agachados a velar choios de parexas.

 Víase ben que era home de moitas lecturas e cunha grande afeizón á política."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 260, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

lunes, 16 de febrero de 2015

Pensatibres

"Andaban a ler polas carreteiras e á beira dos ríos, á soma dos bidueiros no vran ou á raxeira do sol no inverno, moi seriosos e cavilantes;
 e nos "conciertos matinales" dos domingos, que non deixaban xogar ao dominó, escoitaban pensatibres as óperas que tocaban os quintetos de forasteiras no café Royalty."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 258, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

domingo, 15 de febrero de 2015

As pandas do chamelo ou da garrafina

"Tampouco me resultaba craro o intrés do Xosé María por meu pai. ¿Que me quería decir? Era home feito xa duns vintetrés anos. Non se trataba co groso da mozarría do seu tempo e, pola maior parte, víase que andaba só. No café da Unión sentábase arredado, aparte das pandas do chamelo ou da garrafina, naquil diván embaixo do grande espello por onde se baixa aos retretes."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 257-258, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

sábado, 14 de febrero de 2015

Adeus por adeus

"Atopeime co Xosé María, fillo do Cerdeira, o oficial maior do Xuzgado de Primeira Istancia. Non levabamos amistade seguida; adeus por adeus como casi todos en A. Pro paroume na rúa da Paz o tempo xusto pra me decir: "Agárdote hoxe ás dez da noite na Alameda do Cruceiro. Non digas nada. Trátase do teu pai".  E foise de contado, sin agardar resposta."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 257, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

viernes, 13 de febrero de 2015

O pobo acantazou o pazo

"Con todo, o pobo acantazou, unha noite tras outra, o pazo do bispado, o Centro de Obreros Católicos, a Audiencia Provincial... e salvouse o local dos requetés, porque, ao fin "fillos do pueblo, axudaron a acantazar misturados con nós;
 o escándalo chegou á Prensa da Capital, e a minoría socialista, que tiña un diputado por xunto, tratou o asunto no Congreso, que non pasou de dez minutos de "ruegos y preguntas", porque estaban no poder os conservadores; si estiveran os liberais, ao millor chegaría a vinte.
  O señor bispo desapareceu o primeiro día dos cantazos. Sóupose logo que se retirara, por un tempiño, ao convento de Allariz. Tres anos despois era cardeal arcebispo de Híspalis."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 255-256, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 12 de febrero de 2015

O gremio de carpinteiros

"O gremio de carpinteiros acordou que non fosen á Ursaira, ou millor dito que non voltasen, os seus afiliados. O Quintín Amor tívoos que procurar, en número que doblaba aos outros, no Centro Católico de Obreros que o bispo vello fundara pra coartar o avance do Centro de Sociedades Obreras, de orixe socialista.
 Saíron en tres coches ao romper o día. En total eran catorce homes.8...)
 De noite aínda, saíra tamén un piquete formado por dez números de acabalo con máuser e cornetín de ordes, ao mando do tenientiño...
 Xa de víspora se correra por A. que ista forcia ía por orde do gobernador e "consentida" polo señor bispo."
Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 253, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)