"As montañas alzábanse insolentes naquela paraxe cuberta dun verde manto de viñedos, entre os que florecían redondos penedos erosionados, cando as súas miradas perplexas puideron admirar a beleza do val no que se protexía Ribadavia. (...)
E así sucedeu de maneira que, tras bordear a costa do Atlántico, o barco puxo proa cara á foz do Miño para remontalo. (...)
O paso do galeón, que traía nas súas adegas unha carga de viño do inferno, debíase a que o demo buscaba desprestixiar os viños do Ribeiro.
A súa chegada a Ribadavia sementou o caos. Mentres uns se axeonllaban nas rúas suplicando a intervención divina, outros se encerellaban en liortas por ser os primeiros en cruzar as angostas ruelas da xudaría para gañar a ponte que cruzaba o río xunto ao convento dos franciscanos e fuxir a refuxiarse na Torre de Sande.
Outros, gorecidos tras o lenzo do castelo dos Sarmiento, agardaban temorosos o máis fatídico desenlace."
Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.125-126
No hay comentarios:
Publicar un comentario